RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lampropoulos asegura ter "moita confianza no equipo" e advirte que "se gañamos, imos mellorar moito"

Vassilis Lampropoulos pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O central deportivista insiste en que agora, após dous partidos consecutivos sen recibir goles en contra, "temos que mellorar o ataque, temos que meter gol e gañar".

Admite que os xogadores estamos "moi tristes porque queremos facelo mellor. E non chega. Queremos gañar. Contra o CD Lugo tivemos 6 ou 7 ocasións e non metemos gol. Contra o Alcorcón o mesmo. Temos que seguir así e os goles van vir. Crecemos en defensa e imos mellorar en ataque".

Lampropoulos asegura que, a pesar da posición de pechacancelas, "teño moita confianza no equipo. Fáltanos confianza porque perdemos moitos partidos pero se gañamos imos mellorar moito e imos lograr moitas vitorias seguidas".

Confesa que non se imaxinou isto cando fichou polo Dépor, "pero ninguén do equipo. Os xogadores que están aquí do ano pasado tampouco o esperaban. É difícil para min, porque é o meu primeiro ano fóra de Grecia e cría que nos ía a ir moito mellor. De verdade teño moita confianza. Véxoos nos adestramentos, as ganas que teñen os xogadores para mellorar, para gañar. E isto vai saír no campo".

Reitera o defensor branquiazul que "necesitamos gañar. Se gañamos o vestiario vai estar ben e a afección máis preto do equipo". "Creo nos meus compañeiros. Se gañamos un partido, coa confianza e as ganas que imos ter, imos gañar moitos partidos seguidos e imos saír desta posición", insiste.

A nivel individual, gústalle "ser un exemplo no campo e no vestiario. Cando chegas hai meses a un gran equipo que quere subir, queres facer moitas cousas. Ao principio non estaba preparado para facer isto. Agora estou moito máis concentrado e con máis confianza".

Do Zaragoza, rival este domingo 8 de decembro en ABANCA-RIAZOR (16:00 horas, #Vamos), Lampropoulos afirma que "é un moi bo equipo. Imos ver se estamos a bo nivel porque o rival está nas primeiras prazas. Se gañamos, podemos coller máis confianza".