RCD / NOVAS

Lampropoulos, sen minutos hoxe no Armenia-Grecia

15/11/2019 20:20

Lampropoulos foi o único futbolista do Dépor con partido internacional hoxe venres. Outros dous xogadores do Dépor tiveron cita oficial onte xoves: Gaku e Montero.

Por este motivo, este tres futbolistas branquiazuis serán baixa mañá sábado 16 de novembro no Estadio Francisco de la Hera ante o Extremadura UD (16:00 horas, Movistar LaLiga).

Lampropoulos non saltou ao céspede na visita de Grecia a Armenia

Vassilis Lampropoulos foi citado pola selección de Grecia para dous partidos oficiais, clasificatorios ambos para a Eurocopa 2020.

O combinado heleno mediuse a Armenia hoxe venres 15 de novembro no estadio Republican Vazgen Sargsyan da capital Yerevan.

O resultado favoreceu aos gregos (0-1), con Lampropoulos no banco durante os 90 minutos.

Este luns 18 (21:45 hora local, 20:45 en España), o combinado heleno recibe a Finlandia no Estadio Olímpico de Atenas.

Grecia, xa sen opcións de clasificación directa, necesita gañar ese choque para ter algunha posibilidade de disputar os playoffs.

Gaku foi titular con Xapón en Kirguizistán

Gaku Shibasaki está concentrado con Xapón para dous partidos neste mes de novembro.

O combinado nipón visitou a Kirguizistán onte xoves 14 no Estadio Dolen Omurzakov da capital Bishkek, en choque clasificatorio para o Mundial 2022 de Qatar e a Copa de Asia 2023 de China.

Gaku foi titular e xogou os 90 minutos dun encontro que acabou con triunfo nipón (0-2).

O martes 19, Xapón recibe a Venezuela nun amigable que se xogará no Panasonic Stadium da cidade de Suita, ás 19:25 horas (11:25 en España).

Montero viu desde o banco o triunfo da sub-21 ante Macedonia

Francisco Javier Montero foi convocado pola selección española sub-21 para dous partidos clasificatorios para o Campionato de Europa da categoría.

Onte xoves 14 de novembro, España superou a Macedonia (3-0) no Estadio Municipal de Santo Domingo en Alcorcón.

Montero seguiu o partido desde o banco e non chegou a saltar ao terreo de xogo.

O martes 19 (19:30 hora local, 18:30 en España), a selección española enfróntase a Israel, nun partido que se xogará no Ramat Gan National Stadium de Ramat Gan.

Máis novas de: LAMPROPOULOS