RCD / NOVAS

Luis César, optimista: "Creo que é a semana na que mellor estamos"

30/11/2019 17:30

Luis César asegurou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que o do Alcorcón en ABANCA-RIAZOR "foi o noso mellor partido. Había outras caras cando acabou o partido. Só faltounos a guinda de meter un gol. É a semana na que mellor estamos. Vexo aos xogadores adestrando, falo con eles, percibo conversacións, o que eles falan, como nos vemos. Vemos os adestramentos que facemos en vídeo, vemos o partido do outro día repetido para buscar defectos. Creo que é a semana na que mellor estamos".

O técnico deportivista, de cara ao partido de mañá domingo 1 de decembro no Estadio Anxo Carro ante o CD Lugo (18:00 horas, Movistar LaLiga 1), quere rescatar do pasado sábado "a frecuencia de participación dos dianteiros a nivel defensivo e ofensivo. Fomos un equipo enérxico e con moi boa actitude. Actitude e intensidade. Non foi unha pose. Foi acción. Gustaríame ver iso mañá. O escenario cambia, os traballos son os mesmos. Fomos capaces o outro día practicamente de ter arrinconado ao Alcorcón sabendo que tivemos desatinos fóra da área que podían condicionar o resultado final. Mellorar o do outro día e conservar o bo, que é bastante. Pero mentres non gañemos fáltanos algo e fainos ser menos optimistas".

Subliña que, fronte ao conxunto madrileño, "fomos un equipo rudo, difícil para o rival. Non sacou nin un córner. Se non o sacaron é porque non lles deixamos chegar. Fixemos moitas cousas moi ben pero non chegaron para gañar porque preto da área non estivemos moi ben".

Afronta mañá o encontro ante o CD Lugo "coa necesidade de que o noso equipo entre en decembro cunha vitoria, de arranxar os nosos problemas e endereitar o noso equipo neste mes que chega".

Admite que "cada semana aumenta a preocupación un grao ou dous graos máis en función de se non gañas. Temos que ir a Lugo a facer un bo traballo e tentar sacar a vitoria a partir de que se cumpra o que nós queremos, que o Lugo estea incómodo e nós esteamos ben no campo".

Por este motivo, "non estamos para elixir rivais. Dános igual que sexa o 7º, o Alcorcón, que sexa o 1º, que vaiamos a Girona... Dá igual. Trátase de facer puntos e temos un déficit importante. Imos moi por detrás nos puntos que pensamos que tiñamos que levar a estas alturas".

Anhela conseguir unha vitoria, a súa primeira como adestrador do Deportivo, pero advirte que "teño necesidade de gañar, pero como todo o deportivismo. Todos temos necesidade de gañar".

Garda "un bo recordo" da súa etapa como adestrador do CD Lugo, porque "foi un ano bonito. Estivemos até os últimos 4 ou 5 partidos loitando pola 5ª ou 6ª praza do playoff. Non fomos capaces de conseguila. Foi un ano bo. Estou moi contento de ir a Lugo. Hai xente que traballaba alí e segue no Club. Para min sempre visitar un equipo no que estiven ten unha satisfacción importante; e se é galego, moito máis; e se alí saíu un bo ano, pois mellor. Estou encantado de volver a Lugo".

Do conxunto branquivermello opina que é "un bo equipo. Ultimamente está a ter moita pegada. Rendibiliza moi ben as súas ocasións de gol e marca gol á mínima. É un bo equipo. Ten xogadores boísimos, que levan anos aí. Pita, Seoane son dous referentes. O Lugo sempre ten un equipo bonito na categoría e xoga ben".

Máis novas de: LUIS CÉSAR