RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luis César quere un equipo "con mentalidade gañadora"

Luis César manifestou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que "temos bos futbolistas pero non somos un bo equipo. Non o estamos facendo ben. Como non somos un bo equipo fai peor aos futbolistas. Os futbolistas senten mal e aparece a debilidade psicolóxica. Aparece o exceso de responsabilidade. Ninguén pode traballar con exceso de responsabilidade, nin vós no voso ámbito laboral. Con exceso de tensión é incómodo traballar. Nós estamos a traballar con ese exceso de responsabilidade. É unha cadea, é unha sucesión de situacións nas que temos que dar resposta. Como a vida mesma. Van sucedendo cousas, atravesamos malas etapas a moitos niveis e temos que ir superándoas, liquidándoas. Non nos podemos quedar cruzados de brazos".

O técnico deportivista pide centrarse en "ser menos débiles e vulnerables para a través diso chegue esa vitoria que tanto estamos a desexar". Quere un equipo "con mentalidade gañadora. Para iso un bo traballo, reducir a vulnerabilidade futbolística que temos. Ímonos a sentir mellor nun campo e chegará o que todos desexamos, puntos e ir metendo a equipos detrás de nós".

Recalca que o equipo "chega en boas condicións para afrontar o partido da mellor maneira posible"; e enumera algúns dos defectos que lle están pasando factura o Dépor neste arranque ligueiro: "Cando estás a atacar cometemos erros nas alturas das liñas, futbolistas que non van participar na xogada non están ben colocados, á hora de mover o balón non o movemos como a min me gustaría, defensivamente máis axustado, balón parado. Hai un cúmulo de circunstancias que non facemos ben. Por iso mostramos vulnerabilidade. Temos que traballar niso e na debilidade mental que teñen os futbolistas pola clasificación que ocupan", engade.

En Santander mañá sábado ante o Real Racing Club (18:00, Movistar LaLiga 1), vaticina dous ou tres cambios no once respecto ao do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o Málaga CF. E do conxunto cántabro, recentemente ascendido a LaLiga SmartBank, advirte Luis César que "non debemos mirar a ninguén por encima do ombreiro, e máis na situación na que estamos. O Racing é un bo equipo, ten futbolistas expertos que xogaron en categorías importantes. É un equipo moi dinámico coa pelota, valente, atrevido e por momentos somete aos rivais co balón".

Subliña que a presenza de 400 deportivistas nas bancadas do Sardinero, "motívanos moitísimo. Aínda que non fose ninguén estabamos obrigados a loitar e facer todo o posible por gañar. Pero é unha responsabilidade máis que haxa xente alí que se gaste o seu diñeiro, que invista as súas horas para desprazarse e ver ao seu equipo. Queremos traer os puntos para todo o deportivismo e para que os nosos afeccionados volvan de Santander cunha alegría, que xa nos toca a todos. Son moitas semanas de sufrimento e de dor".