RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luis César: "Queremos atopar esa vitoria que certifique que estamos no bo camiño"

Luis César manifestou en rolda de prensa en Abegondo que non se declara "un optimista compulsivo porque teño que vender un produto. Confío nos rapaces, creo que imos mellorar. Temos que construír o que queremos, que é algo bo para o Deportivo".

O técnico deportivista non oculta iso si que "estamos nunha situación fea, delicada e inesperada por todos. Asumímola con naturalidade e con moita profesionalidade".

Pide "apeitugar co que temos. É o noso oficio. Ao final isto témolo que resolver nós. Estamos na situación na que estamos e afrontámolo con tranquilidade".

É consciente que "os equipos que gañan está máis felices que os equipos que non gañan. Nós estamos na fase esa. Estamos a 14 de novembro. Temos que saír de aquí. Imos saír".

No entanto, Luis César asegura que "o equipo cre que hai cousas que está a facer moito mellor. O outro día contra o Elche CF fixemos cousas. Os detalles magoáronnos. Pero fomos un equipo non reactivo. O outro día fomos un equipo activo desde o minuto 1. Tivemos un mazazo no minuto 13. Despois reaccionamos. Tivemos outro mazazo na segunda parte. Estivemos aí. Ao final o resultado foi a través de detalliños que nos danaron gravemente. Cada vez hai menos erros conceptuais en ataque e en defensa".

Sobre o partido deste sábado 16 de novembro (16:00 horas, Movistar LaLiga) no Estadio Francisco de la Hera de Almendralejo, apunta que "a necesidade aumenta cada semana porque non hai froito. Queremos transformar o traballo en puntos de cara a nós e de cara á opinión pública. Os socios, a xente quere que o Deportivo gañe e nós queremos gañar. Queremos atopar esa vitoria que certifique que estamos no bo camiño".

Vaticina un Deportivo que irá "a polo partido" no estadio estremeño. "Somos un equipo que non espera e que busca o que quere. Se esperas ese vento favorable que chegue un día, nunca chega. Ese vento témolo que buscar. Ese vento de popa, como din os mariñeiros", apunta.

Nesta liña, a pesar das baixas dos internacionais e lesionados, "imos poñer unha aliñación boa, marabillosa, a mellor que podamos facer en Estremadura. E despois iremos manobrando en función do resultado e do minuto de partido. Non estamos a pensar nos que non están. Somos un bo equipo. Seremos mellores. Colleremos froito. Estamos a desexar que canto antes. Iremos alá a gañar, a facer un bo partido como o do Elche. A ver se o conseguimos. Mellorar o rendemento dos xogadores é o que nos ocupa e preocupa. Mellorar o rendemento está na nosa man. E ser un mellor equipo cada día. Niso estamos a incidir. A opinión pública, con razón, entende só de resultados positivos e non llos estamos dando".

Finalmente, Luis César opina que "a día de hoxe dá igual enfrontarnos a un equipo mal clasificado como nós ou ao líder. A 14 de novembro. Temos que buscar ser un bo equipo, cada semana mellor. E a partir de aí que aumente o rendemento individual e colectivo. E despois gañar. Niso estamos. O froito é o bálsamo para todos, para os profesionais, para os afeccionados e para a opinión pública en xeral".