RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luis César: "Xogaremos peor que hoxe e gañaremos"

Luis César subliñou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o de hoxe ante o Elche CF "é o meu mellor partido no Dépor. Así o penso e así o digo".

O técnico deportivista subliña que "á miña familia e aos meus amigos dígolles que vou saír de aquí e o Deportivo vai ir cara arriba. E aos meus xogadores dígollo tamén. Eu non llo digo á xente. Eu dígollo á miña familia, á xente que me quere dígolle que imos saír de aquí porque estou convencido de que imos saír de aquí. E se llo digo á miña familia, a xente tenme que crer ou non crer. Pero digo o que penso. Non veño dicir aquí o politícamente correcto".

Mostrouse iso si "apenado, triste. Síntome decaído pero por primeira vez desde que estou no Deportivo non me sentín frustrado na banda. Temos que estar tristes, pero creo que non fixemos un partido como para caer 3-1. Atreveríame a dicir que nin para perder".

Luis César laméntase de que "con moi pouquiño eles fixéronnos dano, con moi pouquiño. Creo que o equipo mellorou ofensiva e defensivamente. Marcáronnos 3, é certo. Pero eu vexo ao equipo mellor. Estou triste pero non desgustado. Fáltanos poñernos por diante no marcador. Hoxe calquera cousiña pónsenos o rival por diante, dámoslle a volta. Unha xogada desgraciada convértese en penalti. Estamos a tentalo e outra desgraza individual fai que acabe o partido desta maneira".

Di que agora toca "tragar veleno e seguir avanzando. Teremos o que merecemos se seguimos crecendo. Hoxe foi bastante mellor que contra o Málaga, bastante mellor que contra o Fuenlabrada, máis completo que o partido de Santander. O que pasa é que hoxe perdemos e cremos que o fixemos peor".

Conclúe o adestrador branquiazul que "xogaremos peor que hoxe e gañaremos. O rival non vai xutar sempre 3 veces entre os 3 paus e vai facer gol. Xoguei partidos peor que hoxe e gañouse. Non me vou contento para casa. Voume triste, apenado e decaído. Non me gusta esa sensación pero acéptoa. Hoxe fracasamos pero o fracaso dura o que ti tardes en esquecelo. Chego á miña casa, descanso un intre e verei o partido. A ver porqué perdemos. Saber en que melloramos e en que empeoramos. Hoxe é un día duro para os rapaces, pero teñen que estar como eu, doídos, amargados pero non poden estar frustrados nin sen luz. Ven a luz e cada vez vémola mellor".

Pola súa banda, Pacheta, técnico do Elche CF, recoñeceu que o Deportivo é un equipo "moi grande, campo precioso, ambiente marabilloso de fútbol. Isto é o fútbol. Aquí gózase o fútbol. Hoxe fixemos un partido serio, duro. O equipo soubo sufrir, con momentos de moita presión. E nun momento dado sorrinche as situacións nas áreas".