RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisito: "Se se retoma a liga, imos pelexar os 33 puntos que quedan como o comer"

Luisito, técnico do Fabril, foi o protagonista hoxe martes na sala de prensa virtual do RC Deportivo.

Ten dúbidas de que se poida finalizar a competición en Terceira División: "Creo que non se vai a acabar. Se se acaba a Primera e Segunda son polos intereses económicos que hai. Pero de Segunda B para abaixo teño as miñas dúbidas. Oxalá estea equivocado".

Advirte iso si que nestes tempos "o primeiro é a saúde e o deporte ten que quedar á marxe".

De feito, está "preocupado" pola situación actual: "Teño xente maior comigo e estouno pasando mal. Hai cousas que se me escapan, pero o que marca Sanidade hai que facerlle caso. Vexo persoas pola rúa e son xente moi inconsciente. Pediríalle á xente nova que pense nos seus pais, nos seus avós. A xente nova é máis forte e menos vulnerable que a xente maior. Hai que facer un esforzo pola xente que é máis vulnerable. Témonos que concienciar todos. Creo que a sociedade está bastante máis concienciada que hai uns días. Ímolo a pasar mal pero o día de mañá contarémosllo aos nosos netos".

No caso de que se poida retomar a liga, con 33 puntos en xogo, non ve "imposible" chegar ao playoff. Iso si, aclara que "ninguén do Club díxome que o obxectivo primordial era xogar o playoff e ascender. É un equipo súper novo. Se se retoma a liga, imos pelexar os 33 puntos como o comer. Desde o primeiro minuto prioricei que algún futbolista chegase ao primeiro equipo antes que os resultados. Se o Club quixese facer outra cousa, a este equipo habíalle que dotar de 3 ou 4 futbolistas de máis empaque e idade. O filial do Real Madrid ten moitos futbolistas que van xogar a nivel altísimo e non son capaces de cambiar de categoría, porque son nenos que teñen que pasar un proceso. Somos un equipo súper novo, que nos está a penalizar moitísimo a falta de gol pero que están a competir e facendo partidos moi bos".

É máis, "estou convencido que estes xogadores a temporada que vén van ser moitísimo mellores".

Todos os futbolistas do Fabril teñen "un traballo. Onte falando co preparador físico e o readaptador tivémosllo que cambiar porque moitas tarefas as tiñan que facer fóra de casa e agora mesmo non poden. Nestes días ímoslle a enviar outro tipo de traballo para que o fagan. Os nenos comigo adestraban a un nivel moi bo e espero que se se retoma a liga cheguen o mellor posible a estes últimos 11 partidos".

Móstrase "encantado" de que Fernando Vázquez poida botar man de xogadores do filial: "Se alguén é feliz porque os nenos cheguen ao primeiro equipo ese son eu. Para iso está un filial. Se nós non xogamos máis e o primeiro equipo si, estaría encantado de que Fernando contase con algún xogador que está connosco. Sería unha grandísima noticia para os nenos".

Preguntado por Juan Rodríguez e Mujaid, indicou do primeiro que "é un futbolista dunha proxección tremenda. Quédalle outro ano de xuvenil. Eu, igual que todo o Club, temos unhas esperanzas tremendas en que chegue ao primeiro equipo. O único que pido é que a contorna lle axude. Ten unha educación exquisita, cunhas condicións tremendas, pero aínda queda moito".

Sobre Mujaid, Luisito apunta que "el e eu sabemos o que pasamos. Se el algún día quere contar algunha que a conte. Teño claro que se hai alguén feliz nesta vida que Mujaid estea a triunfar no primeiro equipo, ese son eu. Sei o que pasou o rapaz. Cando cheguei hai un ano e pouco non contaba nin para os xuvenís. É un rapaz cun corpo incrible, cunha planta incrible pero estaba apartado. A base de falar con el, de moito traballo, entendeu as cousas que tiña que cambiar se quería ser futbolista. Fíxoo e agora a recompensa tena. É un futbolista para o primeiro equipo. Espero que non sexa flor dun día e que lle dea moitas satisfaccións á xente do Dépor. Ten absolutamente todo para triunfar. Depende só del".

En canto ao seu futuro, explica o adestrador fabrilista que "falo bastante con Richard Barral, e con quen teño máis contacto é con Fernando Vázquez e con Albert Gil. Son as 3 persoas coas que máis falo. Só céntrome, estaba centrado en acabar a temporada. As outras cousas non dependen de min. Estou súper contento do caso de Mujaid; que debutasen Valín, Gandoy, David Sánchez, Kanouté na Copa... Para un adestrador do filial é o que máis lle satisfai. Prioriza máis iso que calquera outro resultado. Un filial o que máis importa é que haxa futbolistas que poidan botar unha man ao primeiro equipo. O de renovar ou non non depende de min. Son cousas nas que non penso".