RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lux desexa para #ONOSODERBI "un lindo espectáculo e que podamos seguir nesta liña"

Poroto Lux recolleu esta mañá en Abegondo o Premio ao Xogador Estrela Galicia pertencente ao mes de febreiro. Foi o seu primeiro trofeo esta temporada, un galardón ata a data dominado por Emre Çolak e Florin Andone.

Na súa comparecencia posterior ante os medios de comunicación, asegura sobre #ONOSODERBI deste domingo 19 de marzo en Riazor (18:30, Bein Sports), que "os que levamos tempo no Dépor sabemos o que significa para todos, especialmente para a afección. Vimos do derbi anterior, que a imaxe non foi boa, que tivemos unha derrota dolorosa. Queremos reverter esa situación, estamos moi ilusionados. Vimos con esa dinámica e a inercia positiva e hai que aproveitala".

Desexou para o encontro entre os dous grandes clubs do fútbol galego "un lindo espectáculo, que non haxa violencia e que podamos seguir nesta liña".

Opina que "a nivel de dinámica e de enerxía positiva sen dúbida é o mellor momento da temporada. O equipo está ben, está contento, respírase un pouco máis de tranquilidade, un pouco de sorriso que é o que necesitabamos sinceramente", engade a meta arxentino.

Ve que o equipo "está a se enganchar co público, coa xente, que é fundamental para nós. O outro día (ante o FC Barcelona) dentro do campo foi algo espectacular. Sinceramente do que vai de Liga é o mellor partido da afección, aínda que non se reprocha nada. Para nós é fundamental, é o xogador número 12, pero o outro día foi fantástico", apunta.

O feito de que o Celta xogue mañá xoves en Krasnodar (Rusia) un partido de Europa League non ten relevancia para Germán Lux: "Nos derbis uno non mira esas cousas. O cansazo queda de lado, e o que importa é a ilusión que ten cada xogador e así nolo fan saber tamén ao longo deste seis tempadas na Coruña. Non creo que á hora de xogar inflúalles moito. Nestes partidos o importante é estar ben da cabeza".

Un triunfo o domingo ante o conxunto céltico, a xuízo do porteiro deportivista, suporía "seguir respirando e seguir afastándonos dos postos de abaixo. Pero vai quedar aínda moita Liga. Desde xa temos esa ilusión e esas ganas de que o domingo o Dépor gañe".

Ten claro que é o partido máis bonito da temporada na Coruña: "Se lle preguntas un a un aos afeccionados entre gañarlle ao Barça ou gañar ao Celta, eu penso que van querer gañar sempre ao Celta. Esa é a miña opinión. Non creo que me equivoque. Tentaremos facelo ben e con moita intensidade porque nós queremos gañar o clásico".