RCD / NOVAS

Manu Sánchez asegura que "as xogadoras están confiadas" pero advirte que o equipo está en "proceso de construción"

17/10/2020 17:11

Manu Sánchez manifestou este mediodía en rolda de prensa en Abegondo que espera mañá domingo 18 de outubro na Ciudad Deportiva Dani Jarque (12:30 horas) ante o RCD Espanyol "un partido complicado, difícil, nun campo de herba artificial ao que non estamos afeitos. É un campo diferente".

Do rival, o cadro periquito, destaca o técnico do Deportivo ABANCA que recuperou a "alma de equipo que lle faltaba o ano pasado. Era un grupo de xogadoras moi importantes na categoría pero non tiña esa alma como equipo".

Subliña o papel de Anaïr Lomba, "o pegamento de todas esas xogadoras dentro do equipo" e advirte que "están nun bo momento. Veñen de boa vitoria fóra contra o Madrid CFF. Imos tentar encarar o partido para complicarlles a vida na súa casa".

O adestrador branquiazul, despois deste inicio de campaña con 2 derrotas, ve ao Deportivo ABANCA "ben. Está a traballar ben semanalmente. As xogadoras están ben, están con ánimo. É certo que falta esa rúbrica que che dan os resultados, que non están a chegar. Habemos sufrido 2 derrotas ante 2 bos rivais. En ningún dos 2 partidos deixamos de estar metidos en todo momento. Iso fala ben das bases do equipo. Fáltanos esa certa rodaxe, ese axuste que hai que facer en pretemporada e que non puidemos facelo. Estamos tranquilos. As xogadoras están confiadas. Imos seguir progresando e buscar os puntos canto antes".

Nese sentido, insiste en que "estamos nese proceso de construción, buscando de que forma podemos afrontar mellor os partidos. Este ano temos maior versatilidade e dependendo do rival e campo no que xoguemos poderemos variar bastante nese sentido. A ver se acertamos coas xogadoras para o que podemos buscar".