RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez califica a visita ao Atlético de Madrid Femenino como "un gran desafío para nós"

Manu Sánchez compareceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo, a 2 días de visitar a Cidade Deportiva Wanda Alcalá de Henares ante o Atlético de Madrid Feminino (16:15 horas, Gol), vixente campión e, co FC Barcelona, máximo aspirante ao título da Primera Iberdrola.

O técnico deportivista explica que mandou ás súas xogadoras durante toda a semana unha mensaxe de "normalidade. É certo que non podemos obviar que é un partido diferente. É un gran desafío para nós. Pero afrontámolo no mellor momento posible porque temos un estado de ánimo inmellorable, un bo momento de xogo, fisicamente estamos practicamente todas ben. Chéganos nun bo momento e a ver que somos capaces de desenvolver alí".

O éxito para puntuar pasa, segundo opina o adestrador branquiazul, por "tratar de manter a nosa identidade alí. Equivocariámonos se tentamos facer cousas diferentes pola entidade do rival. A idea é tratar de impoñer o noso xogo, o noso modelo, a nosa idea, crer nela e ver se nos chega".

Do rival, lembra que "tanto Atlético como Barcelona son dúas potencias que están moi por encima do resto. Despois o verde pon a cada un no seu sitio e danse resultados, e calquera pode gañar a calquera. Pero a priori estamos a falar de 2 equipos feitos para pelexar a nivel europeo. Para o resto e para un equipo como nós quédanos moi lonxe. O fútbol é ao final un xogo que disputan 11 contra 11 e gaña o que mete máis goles. E iso é o que imos tentar facer".

Advirte que non poden preparar ás súas futbolistas para unha hipotética derrota no Wanda Alcalá de Henares "porque sería unha mensaxe negativa. O que si é que temos que estar preparados para calquera adversidade: unha lesión, un resultado adverso. O equipo agora mesmo ten un punto de madurez importante e sabería afrontar algo como iso que dis (unha derrota)".

Pedirá ás súas xogadoras "ir alí e gozar. Tentar sacar o mellor posible de nós para traer algo bo para A Coruña", ante un Atlético de Madrid "cunha estrutura que coñezo bastante ben. É o último campión dos últimos anos, que está a facer un gran traballo, con medios, un equipazo, con moita xente detrás, cun Club que cre e envorcado".

Iso si, avisa que "terán que estar concentradas todo o partido porque é un equipo (o Atlético) que non necesita da súa mellor versión para superar aos rivais. Ten algúns mecanismos e algunhas xogadoras que polas súas condicións en balóns moi illados pódenche resolver o partido. Hai que extremar as vixilancias, pechar os espazos. Recuperou a toda a xente que tiña con lesións", conclúe.

Manu Sánchez subliña que "todo apunta a que ten que ser un bo partido para que a xente goce e para que se enganche máis aínda ao fútbol feminino".