RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez cualifica este ano como "máxico, precioso, inesquecible, irrepetible; pero hai que pensar no futuro"

Manu Sánchez, técnico do Deportivo ABANCA, fixo balance na sala de prensa virtual despois de que onte o equipo iniciase as súas vacacións.

Estas foron algunhas das súas frases.

Futuro na Primeira Iberdrola

"A temporada foi inesquecible e irrepetible. Máis aló de que haxa máis ou menos cambios, o que fixemos este ano e sobre todo como o fixemos, o espírito que había, fai que dificilmente podamos volver facer algo así. Estamos a traballar para repetir un ano máxico. Será difícil, pero traballamos para iso".

"O seguinte paso ten que ser consolidar este proxecto. Fixemos unha temporada espectacular e agora hai que darlle solidez a este traballo, que non veña abaixo. Hai que conseguir a permanencia nesta categoría moi esixente pero consolidando estas bases asentadas. E mirando arriba. O club, nós e as xogadoras teñen que ser ambiciosas. Non podemos descartar nada pero cos pés no chan. Será unha temporada diferente a próxima, a ver en que condicións se pode traballar".

Saída de xogadoras (Teresa, Nuria, María Méndez...) e entrada doutras que buscan mostrarse

"O traballo que fixemos, nun escaparate como a Primeira Iberdrola, chamou moito a atención de todo o mundo. É normal que todos os clubs se interesen por #asnosas. Doutra banda, acabamos nun 4º posto nunha liga tan competitiva como esta. O Dépor demostrou que é un equipo atractivo para as xogadoras que queiran desenvolver a súa carreira e mostrarse. O maior problema neste mercado é este tema da COVID-19 porque está a condicionar todas as operacións e a forma de traballar, próxima, familiar".

"Traballamos para que todas continuasen connosco pero son decisións que teñen que tomar elas. Temos que entender como normais no mundo profesional no que estamos. Cada un mira os seus intereses. O noso labor é traballar porque o Dépor ABANCA teña aquí o mellor. Son casos diferentes cada unha delas. Se se concretan as saídas non nos queda máis que desexarlles moita sorte. Témoslles moito aprecio pola forma que temos aquí de facer as cousas. Valorámolas moito e que lles vaia ben. Non hai máis. Temos que seguir. Son procesos normais dentro de calquera proxecto futbolístico".

"O Club fixo un esforzo moi importante por reter a todas as súas xogadoras. Elas deciden finalmente. Hai que traballar para que o proxecto siga. Temos moi claro o que queremos ser e é polo que imos loitar".

Vítimas do éxito pola posible saída de xogadoras

"Mirándoo desde a parte positiva é unha parte moi bonita e moi boa; e fala moi ben do que fixemos. No caso de Teresa e Nuria empezaron connosco moi novas, apostamos por elas e ese é o produto que xeramos. Estariamos encantados de que todas elas seguisen connosco pero non é así. Isto é o fútbol profesional ao que vai encamiñado tamén o fútbol feminino. Hai que entendelo como normal. Haberá que buscar os recambios adecuados dentro das nosas posibilidades e traballar coa mesma ilusión e as mesmas ganas. Por encima dos nomes está o escudo do Dépor e iso vai seguir así".

¿Primeira Iberdrola liga profesional?

"Si. Actualmente danse todos os condicionantes para que así sexa. Estamos ante unha competición que reúne todos os requisitos para ser declarada unha competición profesional. As xogadoras teñen o seu convenio, contratos profesionais, unha estrutura e organización profesional, medios de comunicación detrás, televisión... E sobre todo ese empuxe do afeccionado, a xente".

Declaracións de Carolina Arbeláez na comparación co fútbol masculino profesional

"Penca Carolina dun pouco de descoñecemento. Acaba de chegar, está a aterrar, vendo como chega todo. Expresa unha opinión que non é a real. A Primeira División feminina depende da Federación Española e a Federación tomou unha decisión para todas as competicións que organiza independentemente de se é masculina ou feminina. A xente ten que ter claro que a Primeira e Segunda División masculina é un ente diferente que depende doutra organización que é a LFP. Non ten lugar este concepto de machismo por esta decisión".

Elevar o listón demasiado a próxima temporada

"Estou centrado en gozar do que logramos. No que se refire ao noso traballo hai que estar moi orgullosos. Mirando de esguello ao ano que vén as comparacións serán inevitables como ocorreu sempre. Temos a ilusión de facer algo moi bonito o próximo ano. Xa veremos onde podemos chegar e como podemos facelo".

Noelia Bermúdez e outras fichaxes

"É unha porteira que xa a coñeciamos bastante ben. É volver contrastar todos os informes que tiñamos dela para tomar unha determinación. Estamos moi contentos coa súa incorporación. Con Sullastres e ela imos ter a portería moi ben cuberta. É unha porteira de envergadura, forte, de potencia, con bo xogo aéreo, bo xogo de pés. Será máis cuestión de Fran (Martínez, preparador de porteiros) que a poña a funcionar e que a meta en dinámica do noso traballo. Estamos convencidos de que vai ser un bo paso para ela e para nós".

"Vén con moita ilusión, con moitas ganas de traballar. Vén para completar un pouco a portería con Sullastres e estar tranquilos nesta posición".

"Estamos a traballar en confeccionar un cadro competitivo como o que tiñamos actualmente. Temos a sorte de renovar toda a fronte de ataque, que non hai que esquecer que somos o segundo equipo máis realizador da competición por encima de clubs como o Atlético de Madrid. E iso dános vantaxe e tranquilidade. Imos ir da punta, que a temos feita, cara atrás".

Folla de ruta no mercado de fichaxes

"Tiñamos moito traballo avanzado ata que explotou toda esta situación. Todos os anos sempre empezamos cun ollo no seguinte. Seguímolo tendo: renovacións, manter o bloque... E o que é incorporacións esta situación vai afectar como a todo o mundo porque hai moita incerteza. Estamos ante un mercado un pouco diferente. Imos tratar de buscar un bloque moi parecido ao desta temporada. Se nos foi tan ben, temos que seguir nesta liña. É a liña de traballo que temos desde que naceu o proxecto en 2016. Apostamos moito polo valor novo e imos abrirlles camiño ás xogadoras que temos no equipo B e que están a chamar á porta. Vai ser unha oportunidade para que demostren a súa valía".

Teresa Abelleira

"Agora mesmo o mellor sitio para Teresa está aquí, para que siga crecendo como futbolista e como persoa. É unha decisión que ten que tomar ela. Hai informacións diversas. A oferta de renovación está aí e xa só depende dela. Non é cousa nosa. Nós non podemos esperar, temos que seguir funcionando. É algo que ten que resolver ela canto antes, dunha maneira ou doutra. O tempo corre, o mercado móvese. Temos que planificar ben para que o ano que vén sexa tamén ilusionante".

Balance da temporada

"Non é un soño cumprido porque creo que nin eu nin ningunha das xogadoras soñásemos algo así. Foi un ano máxico encadeado ao ano pasado. Foi unha traxectoria que non podes nin imaxinar. Moi bonito. Debutante na liga, cuarto clasificado... Non só os números, houbo situacións especiais durante o ano, partidos inesquecibles. Hai cousas que nos imos a quedar todos na retina para sempre. E así o recoñece todo o mundo do fútbol. Moi felices de gozar algo así, de facelo coa nosa xente. É de agradecer o apoio que tivemos en Abegondo e en todos os campos, sempre con xente do Dépor detrás. Redondeou un pouco todo. Foi a guinda. Queda como un ano máxico, precioso, inesquecible, irrepetible. Non sei como cualificalo. Pero non nos podemos quedar ancorados nisto e hai que pensar no futuro".

Efectivos en defensa

"Estamos a traballar nestas liñas. A zaga é a que se ve máis resentida. Temos que darlle unha volta. Xa era algo que tiñamos na cabeza durante esta temporada. En breve teredes noticias deste traballo, do que estamos a facer. A seguir porque aínda queda un treito importante do mercado".

Helena Torres

"É unha futbolista que xa estivemos detrás dela o ano pasado. É unha xogadora que nos gusta moito porque é unha dianteira cun perfil moi diferente ao que temos aquí. Bo xogo de costas, moitísima potencia, gran disparo, envergadura. Pódenos dar máis solucións a nivel técnico-táctico para o equipo, para formulacións diferentes. É unha xogadora na liña do que apostamos, xogadoras novas, con certa experiencia en Primeira e seleccións nacionais. Aquí vai ter un bo espazo para desenvolverse. Espero que nos dea moitas cousas".

Sensación agridoce por non poder acabar a liga

"Non teño sensación de vacacións porque este confinamento estivemos sen poder traballar, tirando de análise, informes, teléfono. Non teño sabor agridoce. Si o tiña cando comezou todo isto. Ao final vendo a repercusión e como se viu todo isto desde fóra, teño a sensación de que fixemos algo moi grande. É un bálsamo para non poder acabar a temporada. Estamos contentos, mirando o futuro que non queda outra. Unha temporada como esta dáche moito ánimo para volver empezar e tentar repetir, superar".

Agradecemento

"Gustaríame pechar esta temporada na sala de prensa de Abegondo e mesmo brindar porque humildemente o que fixemos é para brindar por iso. E brindar convosco, que nos seguistes durante todo o ano. Felicitar a todas nosas futbolistas polo gran traballo que fixeron; a os meus compañeiros do staff técnico tanto do primeiro equipo como do B porque foi un pracer; ao resto de compañeiros e compañeiras do Club de todos os departamentos. Foi un ano complicado. Tiñamos moita ilusión, co debut do equipo en Primeira División cunha organización moi complexa. Envorcáronse todos os departamentos, de Abegondo e a Praza de Pontevedra, os meus amigos os xardineiros, que os volvo tolos. Todo o mundo envorcouse connosco e non podo máis que darlle as grazas. E grazas á afección, que é algo que recoñecen en toda España. O ambiente de Abegondo foi máxico e oxalá o podamos repetir en breve, nas mellores condicións posibles. Moitas grazas a todos".