RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez destaca o equilibrio no seu cadro e márcase como obxectivo "asentar ao Dépor ABANCA en Primeira"

Manu Sánchez García, técnico do Deportivo ABANCA até 2023, foi o protagonista hoxe xoves na sala de prensa do RC Deportivo.

O adestrador coruñés márcase un obxectivo claro esta temporada, "consolidar o proxecto en Primeira. Dentro dos cambios no cadro temos que asentar ao equipo en Primeira para seguir traballando con tranquilidade e ir apostando por esas nenas que veñen de atrás".

Quere deixar claro que "non é o mesmo apostar por xogadoras máis novas en Segunda, na Segunda que disputamos nós; que en Primeira, moito máis complicado".

Admite que, após unha gran campaña, esta próxima "o factor sorpresa desaparece. Esa ilusión do primeiro ano que tiñamos entre as xogadoras, técnicos e o Club por gozar disto tamén é diferente. O resto dos equipos vannos a ver doutra maneira. Temos que traballar para tentar conseguir o mesmo".

Lembra Manu Sánchez que o Deportivo ABANCA "formalizou as dúas primeiras licenzas profesionais en Galicia, en 2016, como foi o caso de Tere e de Raquel. Apostou así desde o inicio do proxecto. E multiplicamos o número de xogadores profesionais galegas en Primeira División. E o número de xogadores profesionais porque hai outras moitas que abandonan o noso proxecto e van seguir en Reto Iberdrola como profesionais. Iso fala moi ben do traballo que fixemos aquí no Dépor ABANCA a favor do desenvolvemento das futbolistas galegas e do fútbol galego".

Subliña ademais que "incorporamos a tres xogadoras galegas ao eqipo, como son Patri López, Sara Álvarez e Carlota Sánchez. No caso de Carlota é coruñesa e coruñesa de barrio. Formouse no fútbol feminino no Orzán e no fútbol masculino no Calasanz. Os que traballamos en fútbol formativo sabemos que todo isto ten uns procesos, etapas".

Considera un "brinde ao sol subir xogadoras ao primeiro equipo simplemente por ser galegas. Fariamos un fraco favor a todas elas. Hai que esperar o seu momento. Por exemplo Patri López incorpórase ao primeiro equipo despois de 4 anos no proxecto. E Sara Álvarez no seu segundo ano".

Por todo isto, recomenda "ter paciencia, tranquilidade. Non hai que xogar por iso por quedar ben simplemente. A traxectoria aválanos nese sentido. Moitas mozas poden presumir hoxe en día de ser profesionais do fútbol grazas ao seu desenvolvemento no Dépor ABANCA".

Manu Sánchez valora un por un ás fichaxes do equipo: "Nuria Bermúdez é unha porteira cunha traxectoria. Sufriu unha grave lesión que lle cortou un pouco a súa proxección. Estivo aquí en España en dous grandes clubs. É unha porteira cunha gran presenza física, con moi bo xogo aéreo.

Stephannie Branco é unha defensa central moi aguerrida, moi forte fisicamente, moi potente por arriba, con moita forza, moito poderío físico. 

Ainoa Campos é outro tipo de xogadora. Pode actuar tamén no medio do campo. É unha defensa con máis saída de balón, con moi boa visión de xogo, con ese inicio do equipo desde atrás, con moita calidade, moita clase, tamén moita seguridade e bo posicionamento defensivo.

Kenny Thompson é unha xogadora de banda que pode actuar máis atrasada ou máis arriba. Moita potencia, gran percorrido, disparo potente. Mesmo se pode prodigar en tarefas moito máis ofensivas. 

Lady Andrade é unha xogadora diferente. Gústame moito. É imprevisible. Tes que prepararlle o escenario e os condicionantes para que ela poida desenvolver o seu fútbol. Esperemos que por dentro nos dea moitas opcións, que destape todas as esencias da calidade que ten".

O adestrador branquiazul tamén destaca ás 3 futbolistas galegas que soben ao primeiro equipo. Así, de Sara Álvarez apunta que "é unha central moi nova pero cunha gran proxección. Imos tentar darlle o seu espazo para que creza. Moi bo xogo aéreo, boa saída de balón. Temos moita confianza depositada nela.

Patri López leva connosco desde a creación do proxecto. É unha xogadora de banda dereita, de gran poderío físico, de longo percorrido. Pódenos achegar moito nesa banda.

E Carlota Sánchez, que queda moito por crecer, pero é ese tipo de xogadora diferente, habilidosa. Necesita espazo e saída por ambas as vertentes para poder desenvolver o seu fútbol. Esperemos que nos dea moito protagonismo ese ano aí".

Finalmente, Manu Sánchez asegurou que "estamos pendentes de pechar o cadro. E iso ímolo a conseguir cunha fichaxe máis que temos aí traballado. O equipo queda moi equilibrado. Imos ter dobradas todas as posicións do campo. Se todo sale como esperamos, arrincaremos con 22 xogadoras e con dúas por posto. Vai quedar moi completo o equipo. Despois imos ver se conseguimos quitar o mollo de todas elas".