RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Martí quere en Son Moix un Dépor "sólido, ordenado, que permita moi poucas ocasións ao rival"

José Luis Martí manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que no partido final, "no si ou o non, confiamos verdadeiramente nas nosas posibilidades, sabemos que o equipo vai traballar ben, vaino dar todo. Cremos no que facemos como equipo e como conxunto. Moitas posibilidades de conseguir ese ansiado ascenso".

O técnico deportivista asegura que "a ilusión e a motivación por xogar este partido pode con calquera tipo de circunstancia como pode ser o cansazo", de cara ao choque de mañá domingo 23 de xuño en Son Moix (21:00 horas, Movistar Partidazo).

É consciente de que a afección mallorquinista "vai empuxar moito, pero creo que o noso equipo está preparado para asumir calquera tipo de reto. Como eles mesmos din, son 11 contra 11 no campo; independentemente que o alento do público sempre é importante. Levamos esa renda de vantaxe que temos que facer valer".

Quere Martí en Son Moix un Deportivo "sólido, ordenado e que permita moi poucas ocasións ao rival".

Vaticina que o Mallorca, ao que coñece moi ben, "vaille poñer moita intensidade, que vai ter xente con moito remate na área, que é capaz de sacar moitos centros. Ten capacidade de combinar por fóra con velocidade e por dentro con xogadores. O máis importante é que sexamos capaces de xogar en campo rival, que cando teñamos a posesión do balón tela moitísimo tempo, que o balón nos dure. Pero cunha idea moi clara, que é finalizar, facer gol. O feito de facer gol poría o ascenso moito máis preto".

Sostén sobre o ambiente que se respira na cidade que "ver á xente enchufada connosco, esa unión, esa comuñón entre xogadores e afección é tremendamente importante. Todos estamos a desexar chegar a ese último asubío final coa sensación, coa obrigación de conseguir ese ascenso, esa alegría tremenda, pero vai ser un partido con moitísimas dificultades, imos ter que ser capaces de traballalas como equipo. O equipo está preparado para competir".