RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mel: "A afección sabe que estar todos xuntos é o camiño"

Pepe Mel quixo agradecer ao deportivismo, en nome de todo o vestiario, "o desprazamento masivo a Xixón. O Deportivo ten unha afección veterana en mil cousas. Sufriu descensos, viu como gañaba unha liga, viu como gañaba moitas cousas, como se meteu en Champions. Sabe que estar todos xuntos é o camiño".

Nesta liña, o técnico deportivista reitera a súa petición aos futbolistas: "Que sexan eles os que dean o primeiro paso. Non esperen a recibir o alento para despois facer. É ao revés".

No medio deste maratón de partidos, recoñece que a xente (polos futbolistas) "está moi cansa, pero mirando as cousas con optimismo, como ten que ser".

Lembra que leva desde a súa chegada ao Dépor "só 8 adestramentos. E en 8 adestramentos imos xogar 3 partidos. Case imos xogar parecido ao que adestramos. Meter á xente dentro é moi importante. Que todos pensen que son importantes".

Cara ao encontro de mañá mércores en Riazor ante o Betis (18:45, Bein Sports), Mel apunta que "temos que pór intensidade, pelexar cada balón, ter a idea de xogo que tentamos inculcar e saber que é un partido vital para nós porque dá a casualidade que todos os demais non van xogar. Todos os puntos que saquemos son vantaxe".

Define o esquema do conxunto bético: "Xoga con defensa de cinco. E logo o adestrador pon catro por diante ou pon tres. Se nos sae con dúas puntas porá tres, senón porá catro". Destaca "o bo xogo por fóra, cos dous carrileros longos. Durmisi ou Álex se xogan pola esquerda; Rafa Navarro ou Pizzini se xogan pola dereita. Ten un futbolista diferente que é Dani Ceballos por dentro. Petros é un gran traballador e recuperador de balóns. Acertaron coa incorporación de Rubén Pardo porque desde que se foi Beñat, o Betis non tivera un xogador que lles daba ritmo, sabía amornar e marcar os tempos. E logo arriba se a colle Rubén con vantaxe estás morto".

Iso si, confía Pepe Mel plenamente no seu cadro: "Dígoo porque estou convencido. Este Deportivo, este grupo de xogadores debe de aspirar a máis cousas. Pero a situación real é a que é, porque nos metemos nós sós. Nós sós témola que sacar".