RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mel: "Seguramente sigamos sufrindo, pero conseguirémolo, seguro"

Pepe Mel, adestrador do RC Deportivo, recoñeceu que o primeiro gol do Espanyol deixou aos deportivistas "groguis todo o resto da primeira parte" pero lembrou que a actuación dos seus futbolistas tras o descanso "non é para empatar, é para gañar o partido".

"Creo sinceramente que entraramos ben ao partido, chegaramos dous ou tres veces. Pero o gol liquidounos, deixounos groguis todo o resto da primeira parte. Tentámolo arranxar no vestiario, saímos coma se fósemos 0-0, pero a segunda parte que fixemos non é para empatar, é para gañar o partido", resumiu o preparador do conxunto branquiazul.

"Aos futbolistas non se lles pode dicir absolutamente nada porque o primeiro gol foi unha desgraza, son cousas que pasan unha vez cada cen partidos", argumentou Mel, que afirmou que "se o meu equipo xoga como a segunda parte non teño ningunha dúbida que de seis puntos que quedan, o que necesitamos ímolo a facer".

Preguntado sobre o debutante Edu Expósito, o técnico deportivista dixo que "é un rapaz que ten un futuro espléndido e pensabamos que o partido de hoxe era bo para el. Necesitabamos outro plan con 0-2 no marcador, pero confío plenamente nel, porque pode dar moitas cousas".

Sobre o estado anímico do vestiario, Mel dixo que "mañá imos empezar a adestrar, a levantar á xente, que se illen un pouco de todo e que me escoiten só a min, que na súa cabeza teñan a imaxe dos últimos 50 minutos do partido. Vou tentar que toda a negatividade que nos rodea, que non digo que non sexa con razón, non perfore o vestiario".

Mel tamén foi cuestionado sobre a situación en que queda o equipo cara ás dúas últimas xornadas. O técnico deportivista dixo de forma tallante que "estou seguro de que o meu amigo Rubí (adestrador do Sporting) cambiábase por min cos ollos pechados". "Seguramente sigamos sufrindo, pero conseguirémolo, seguro", afirmou rotundamente sobre as posibilidades de permanencia do RC Deportivo.

Pola súa banda, o técnico do Espanyol, Quique Sánchez Flores, asegurou que se o Deportivo "non xogase coa angustia que xoga pola situación, é un equipo que ten moi bos xogadores e pode xogar ben ao fútbol, como fixo na segunda parte".

"Sabiamos que podiamos atoparnos na primeira parte ao Deportivo que nos atopamos na segunda, pero saímos ben, fixemos unha primeira parte boa. O da segunda parte non é o tipo de partido que queremos pero soubemos competilo", comentou o preparador do equipo barcelonés.