RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Mella marcou hoxe a Turquía coa sub-18 e Elena Vázquez mídese mañá a Polonia coa sub-17

#ANOSACANTEIRA está representada nestes compromisos das categorías inferiores da selección española masculina e feminina con David Mella e Elena Vázquez, dúas das grandes promesas de Abegondo.

Esta fin de semana dispútase a segunda xornada dos seus respectivos torneos.

David Mella sentencia para España

David Mella está concentrado coa sub-18 nun torneo internacional na localidade turca de Bursa.

Hoxe sábado disputouse a segunda xornada, coa anfitrioa Turquía como rival dos españois. O partido xogouse no Karacabey M. Fehmi Gerçeker Stadyumu de Karacabey e finalizou con triunfo da selección hispana: 1-3.

Mella relevou no minuto 67 a Dani Rodríguez e foi autor do terceiro tanto español, no 90, que sentenciaba o choque após os iniciais de Dani Rodríguez e Rodrigo Martínez.

O terceiro e último encontro deste combinado nacional será o luns ás 12:30 ante Romanía no Minareli Çavuş Stadium de Nilüfer.

O primeiro partido de España foi ante Portugal o pasado xoves no Vakifköy Sport Facilites, na poboación de Yildirim, e saldouse con triunfo dos españois por 2-0. Os goles foron obra de Javier Bonar e Pol Fortuny. David Mella non gozou de minutos de xogo e seguiu o choque desde o banco.

O calendario de Mella, cos resultados dos partidos xa xogados, é o seguinte:

Xoves 22 de setembro
ESPAÑA 2 - PORTUGAL 0

Sábado 24 de setembro
TURQUÍA 1 - ESPAÑA 3

Luns 26 de setembro
12:30: ESPAÑA - ROMANÍA, no Minareli Çavuş Stadium (Nilüfer)

David Mella será baixa segura para o partido do Fabril da 3ª xornada en Tercera RFEF en Abegondo ante o Arosa SC previsto para mañá domingo 25 ás 12:00.

O martes 27 o fabrilista regresará á Coruña despois dunha longa viaxe desde Istambul.

Elena Vázquez cítase con Polonia

Elena Vázquez Brandón, futbolista do Orzán SD Xuvenil Feminino participa coa selección española sub-17 no torneo clasificatorio para o Campionato de Europa da categoría.

A defensa orzanista, que aínda non cumpriu 15 anos, tivo como primeira rival a Bélxica no Estadi Olimpic Camilo Cano (La Nucía).

O triunfo foi claramente español (4-0) nun partido no que Elena Vázquez arrancou no banco e saltou ao céspede no minuto 63 en substitución de Noemí.

A seguinte cita para o defensor do Orzán SD Xuvenil Feminino será mañá domingo 25 de setembro ás 18:00 ante Polonia no Estadio Polideportivo Municipal Pau Gasol (L'Alfàs del Pi).

O calendario de partidos de Elena Vázquez, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:

Xoves 22 de setembro
ESPAÑA 4 - BÉLXICA 0

Domingo 25 de setembro
18:00: ESPAÑA - POLONIA, no Estadio Polideportivo Municipal Pau Gasol (L'Alfàs del Pi)

Mércores 28 de setembro
12:00: GRECIA - ESPAÑA, no Estadi Olimpic Camilo Cano (La Nucía)

Elena Vázquez causa baixa no partido que o seu equipo, o Orzán SD Xuvenil Feminino, xogará nas Eiroas ante o Bergantiños CF mañá domingo pola tarde.