RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Memorable remontada do Dépor ABANCA en Valdebebas (3-4)

O Deportivo ABANCA saíu vitorioso da Cidade Real Madrid nun partido que tiña perdido por 3-0 no minuto 81. Dous tantos seguidos de Maya e Michelle Romero, nos minutos 82 e 83, deron ás ás branquiazuis, que empataron por medio da venezolana e acabaron dando forma a unha memorable remontada no tempo engadido por medio de Kika.

O vento marcou un duelo ao que o Deportivo ABANCA acudiu con só 16 xogadoras na convocatoria debido ás lesións de Alba Merino, Athenea e Laura.

O encontro comezou polos camiños habituais, co conxunto herculino tratando de xogar sempre o balón, tarefa dificultada nesta ocasión aínda máis debido ás inclemencias meteorolóxicas. Nada máis comezar, Sofia Jakobsson interceptou un pase de Sullastres, ante a que quedou soa pero disparou á esquerda da súa portería.

As branquiazuis fixéronse co dominio do partido aos poucos. Peke dispuxo da primeira ocasión clara no minuto 11. A dianteira vasca rematou un pase da morte de Cris desde a dereita. Yohana detivo o coiro con seguridade.

Pouco despois, as dianteiras suecas do CD Tacón crearon unha boa oportunidade. Centrou Jakobsson e Kosovare Asllani non chegou por moi pouco ao balón, coa porteira deportivista practicamente batida. No minuto 18, Babett Peter cabeceou moi preto do traveseiro un córner desde a esquerda do ataque local.

Á media hora, de novo Jakobsson quedou soa ante Sullastres, que desbaratou a clara oportunidade cunha boa intervención ao duro disparo da extrema dereita escandinava. No minuto 39, o equipo local adiantouse no marcador. A francesa Aurélie Kaci recolleu ao bordo da área un centro de Jakobsson, recortou a Arbeláez e sacouse un dereitazo cruzado por alto ante o que Sullastres nada puido facer.

O gol encaixado para nada variou o guion do choque, cun Dépor ABANCA con moito balón pero incapaz de xerar chegadas claras. As pupilas de Manu Sánchez tiveron unha antes do descanso, nun córner lanzado por Teresa Abelleira que se lle escapou das mans a Yohana. Ninguén foi capaz de rematar o balón solto, que unha xogadora local enviou a un novo saque de esquina.

A segunda metade arrincou polos mesmos camiños que o primeiro acto, cun Dépor ABANCA armando de paciencia para achegarse aos dominios de Yohana Gómez e un CD Tacón moito máis vertical. Con todo, as porteiras apenas tiveron que intervir no primeiro cuarto de hora.

Sofia Jakobsson volveu pór a proba a Sullastres no minuto 64, após un contragolpe no que a sueca acabou recibindo na dereita un balón ao oco enviado por Jessica Martínez. A porteira deportivista atrapou con seguridade o disparo do número '10' do conxunto madrileño. Tamén evitou o gol 5 minutos despois, nun man a man ante a escandinava que desbaratou coa súa bota dereita.

Michelle Romero tivo o empate nos seus pés no minuto 72, após quedar soa ante Yohana Gómez despois dun roubo de Gaby á central Daiane. A dianteira venezolana recibiu en profundidade do seu compatriota, recortou á propia Daiane e o seu disparo detívoo a porteira madrileña.

Con todo, foi o CD Tacón o que atopou o gol por segunda vez. Lorena Navarro levou ao fondo das mallas cun imparable zurdazo un balón que chegou pasado ao segundo pau á saída dun córner, no minuto 74. Esta mesma xogadora tivo o 3-0 nun centro de Ari, un minuto máis tarde.

O terceiro tanto local chegou pouco despois, obra de Jakobsson cun zurdazo por baixo após recortar cara a dentro desde a dereita, ante o que Sullastres non puido responder.

Con todo perdido, o Dépor ABANCA foise a por todas e acertou coa portería de Yohana dúas veces nun minuto. Primeiro, Maya recibiu de Peke dentro da área, virou sobre si mesma e bateu con sutileza á gardameta do cadro madrileño. Segundos despois, Gaby recuperou un balón en campo propio e lanzou en longo cara á dereita para Michelle Romero. A venezolana gañou a carreira a Daiane antes de sacarse un duro e preciso disparo cruzado que entrou pegado ao pau dereito da portería local.

Co 3-2, as herculinas viñeron arriba e as locais abaixo. No minuto 88, Michelle Romero empataba o encontro despois de plantarse soa ante Yohana grazas a un xenial pase en profundidade de Maya. A venezolana recortou á porteira local e anotou a porta baleira.

Xa no tempo engadido, Kika fixo realidade a remontada cun sensacional disparo á escuadra desde a frontal da área, como colofón a unha xogada na que o equipo deportivista encerrou ás madrileñas na súa propia área a base de xogo combinativo.

Cos 3 puntos logrados grazas a esta memorable e histórica remontada con 4 goles en 9 minutos, as branquiazuis volven gañar fóra de casa despois de 2 derrotas consecutivas, ante UD Granadilla e Rayo Vallecano. Esta vitoria é a quinta do Dépor ABANCA en 12 partidos fóra de casa, despois das alcanzadas ante Betis, Athletic, Sporting Huelva e Espanyol. As branquiazuis afianzan a súa cuarta praza na Primeira Iberdrola após alcanzar os 37 puntos.

CD Tacón: Yohana Gómez, Peter, Ainoa, Daiane, Esther, Marina Martín, Kaci, Thaisa (Malena, min. 82), Jakobsson, Jessica Martínez (Ari, min. 75) e Asllani (Lorena, min. 58).

Deportivo ABANCA: Misa, Cris, María Méndez, Bedoya, Nuria (Noelia Villegas, min. 73), Teresa Abelleira, Iris (Maya Yamamoto, min. 79), Arbeláez (Kika, min. 73), Gaby, Peke (Miriam, min. 90+4) e Michelle Romero.

Goles: 1-0 Kaci (min. 40); 2-0 Lorena (min. 74); 3-0 Jakobsson (min. 79); 3-1 Maya Yamamoto (min. 82); 3-2 Michelle Romero (min. 83); 3-3 Michelle Romero (min. 88); 3-4 Kika (min. 90+1).

Árbitra: Martínez Madrona (c. murciano). Non mostrou cartóns.

Incidencias: partido da 22ª xornada da Primeira Iberdrola disputado no campo 11 da Cidade Real Madrid ante uns 300 espectadores.