RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Merecido e sufrido triunfo en San Mamés (2-3)

Despois dunha sensacional primeira hora de partido, en especial unha colosal primeira parte, e sufrir o indecible en media hora final, o Deportivo levou unha merecida vitoria ante o Athletic en San Mamés, a primeira que logra no novo estadio bilbaíno e a segunda consecutiva en LaLiga Santander, que aumenta notablemente as esperanzas de acadar a ansiada permanencia na máxima categoría.

O adestrador deportivista, Clarence Seedorf, tivo que realizar de maneira obrigatoria tres modificacións con respecto ao once que derrotou a pasada xornada ao Málaga en ABANCA-RIAZOR, ademais dun cuarto cambio por decisión técnica. Sidnei (tocado), Muntari (lesionado) e Guilherme (sancionado) deixaron o seu sitio a Fabian Schär, Celso Borges e Michael Krohn-Dehli. Luisinho, que non puido ser da partida fronte ao Málaga por sanción, recuperou o seu lugar no equipo en detrimento de Fernando Navarro.

No primeiro achegamento do Deportivo, nun córner, os branquiazuis adiantáronse no marcador. Un saque de esquina forzado por Lucas nun centro desde a esquerda, botouno o mesmo '7' deportivista. Schär cabeceou completamente só e Adrián, tamén coa testa, remachou desde a área pequena de socato un balón que se coou entre as pernas dun Kepa que non tivo tempo material para reaccionar.

Pouco despois, un mal despexe da zaga bilbaína após un centro-chute de Juanfran caeu a pés de Adrián. O goleador deportivista, en situación vantaxosa, non enganchou ben a pelota. O seu remate, mordido, perdeuse mansamente á dereita da portería branquivermella. Após esta acción, a parroquia de San Mamés dedicou unha sonora pitada aos seus xogadores.

Ao bordo do cuarto de hora, o Dépor ampliou a súa vantaxe, após levar Adrián de novo o coiro ao fondo das mallas á conclusión dunha fantástica acción, iniciada nun saque de banda. Juanfran puxo o balón coas mans a Lucas no extremo dereito, este deixou de tacón para Krohn-Dehli, que lle dobrou e devolveu a pelota cara ao bordo da área. Lucas centrou cara ao segundo pau para Borges, que gañou o salto na área a De Marcos e devolveu unha cabezada cara ao centro para Adrián, que remachou a acción co seu pé esquerdo.

Non volveu rematar con perigo ningún equipo até o minuto 28, cando volveu facelo novamente o Deportivo. Adrián cabeceou excesivamente desviado un centro de Juanfran desde o extremo dereito.

Xusto cando se cumpría a primeira media hora tivo o Athletic a súa primeira ocasión. Após unha boa combinación pola dereita entre De Marcos e Iñigo Córdoba, o primeiro recortou na área antes de disparar, sen oposición algunha, por riba do traveseiro da portería de Rubén.

Cando se consumían os últimos segundos da primeira metade, unha larguísima xogada de máis dous minutos de posesión do Dépor acabou cun non menos longo desprazamento de Schär, buscando o desmarque de Lucas ás costas da zaga local. O dianteiro deportivista non puido salvar a saída desesperada de Kepa, que tocou a pelota coa súa man fóra da área, sen que o vise o colexiado. Con todo, esta volveu quedar a pés de Lucas que, con Etxeita moi encima, non puido conectar un remate para facer o 0-3 a porta baleira.

Os asubíos da propia afección do Athletic atronaron após o asubío final de González González.

A segunda metade comezou con numerosas novidades. Borja Valle substituíu a Adrián, que abandonara o terreo de xogo no intermedio co pé dereito descalzo. No Athletic, dobre cambio, con Yeray no posto do tocado Etxeita en defensa e Aduriz en ataque ocupando o lugar deixado por Iñigo Córdoba. E no terreo de xogo, sen transcorrer nin 100 segundos, co gol co que o Athletic recortaba distancias.

Un saque de esquina lanzado desde a dereita do ataque branquivermello cabeceouno só, sen ter sequera que saltar, Raúl García, no corazón da área, superando con facilidade a Rubén.

En pouco tempo, o Athletic embotellou ao Dépor. Os branquivermellos, noutro coiro colgado á área, viron como o colexiado anuláballes o segundo gol, por unha falta cometida por Raúl García sobre Albentosa, cando ambos esperaban o balón caído do ceo despois de que o desviase un xogador deportivista.

Con todo, o Dépor refíxose pronto. Tanto que, no minuto 53, volveu abrir oco no marcador. Os branquiazuis recuperaron unha pelota en campo contrario, Lucas gañou o duelo no extremo esquerdo ao seu par e puxo un centro raso ao bordo da área pequena que rematou Borja Valle coa punta da súa bota dereita, lanzándose ao chan para anticiparse a un Balenziaga que tiña todas as de gañar. Foi o primeiro gol do dianteiro berciano en LaLiga Santander.

Máis de dez minutos tardou un atoallado Athletic en volver roldar os dominios de Rubén. Beñat finalizou unha xogada cun disparo desde a frontal da área, que se escapou lamendo o poste esquerdo do marco branquiazul. Inmediatamente, José Ángel Ziganda introduciu o seu terceiro cambio, toda a artillaría que lle quedaba no banco, coa entrada de Iker Muniain polo propio Beñat.

No minuto 72, volveu marcar o Athletic, que puxo o 2-3 no marcador nun córner que Markel Susaeta introduciu directamente na portería de Rubén, despois de que Raúl García empuxase claramente a Borja Valle cando este saltaba a despexar de cabeza.

Cinco minutos despois, Rubén desbaratou coas pernas outra cabezada de Raúl García nun novo saque de esquina. E no minuto 80, de novo o porteiro deportivista sacou unha man imposible para rexeitar un remate frouxo pero moi esquinado de Iñigo Martínez.

Desde minutos antes, o Athletic xa era único posuidor da pelota. O Deportivo defendíase con uñas e dentes, rexeitando un centro após outro, un saque de esquina após outro.

Nos minutos finais, os branquiazuis puideron sacudirse un pouco o dominio para poder sumar a súa segunda vitoria consecutiva e colocarse provisionalmente a 5 puntos do Levante, que xoga mañá domingo no Estadio Wanda Metropolitano ante o Atlético de Madrid.

Athletic Club: Kepa, De Marcos, Etxeita (Yeray, min. 46), Iñigo Martínez, Balenziaga, San José, Beñat (Muniain, min. 66), Susaeta, Raúl García, Iñigo Córdoba (Aduriz, min. 46) e Williams.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Schär, Luisinho, Borges, Pedro Mosquera, Krohn-Dehli (Fernando Navarro, min. 77), Emre Çolak (Fede Valverde, min. 58), Lucas e Adrián (Borja Valle, min. 46).

Goles: 0-1 Adrián (min. 6); 0-2 Adrián (min. 14); 1-2 Raúl García (min. 47); 1-3 Borja Valle (min. 53); 2-3 Susaeta (min. 72).

Árbitro: González González (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Raúl García (min. 61), Rubén (min. 79) e Yeray (min. 90+2).

Incidencias: partido da 32ª xornada de LaLiga disputado no Estadio de San Mamés ante 37.715 espectadores, con case 400 deportivistas na bancada visitante e moitos máis esparexidos polo resto de localidades.