RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Michael Krohn-Dehli, novo xogador do Deportivo

O danés Michael Krohn-Dehli (Copenhague, Dinamarca, 6 de xuño de 1983) superou esta tarde o recoñecemento médico no Hospital HM Modelo da Coruña e, após asinar a súa documentación, converteuse en novo xogador do RC Deportivo até xullo de 2019.

O centrocampista, que foi internacional absoluto por Dinamarca en 56 ocasións (6 goles) entre 2006 e 2015, é o primeiro xogador desa nacionalidade que vestirá a camiseta branquiazul nos seus 111 anos de historia. Coa selección danesa o seu maior logro foi a clasificación para a fase final da Euro 2012, na que anotou 2 tantos.

Formado en diversos equipos do seu país (Rosenhoj, Hvidovre e Brøndby), foi fichado polo Ajax holandés con 19 anos. Após dúas temporadas actuando no segundo equipo do club de Amsterdam, recibiu a carta de liberdade para incorporarse ao RKC Waalwijk, no que sobresaíu até o punto de gañarse a fichaxe de volta ao Ajax, após concluír as súas dúas campañas de contrato co RKC. Posteriormente foi cedido ao Sparta de Róterdan e ao inicio da seguinte temporada regresou ao Brøndby.

Despois de cinco temporadas nese histórico equipo do seu país, foi fichado polo Celta, no cal xogou as tres seguintes campañas, antes de asinar co Sevilla. No cadro de Nervión xogou os dous últimos cursos e medio, aínda que no pasado apenas participou debido a unha lesión.

Nas súas cinco temporadas e media en España, Krohn-Dehli acumula 143 aparicións e 4 goles en LaLiga Santander, ademais de 15 partidos e 3 goles en Copa do Rei, 10 encontros de Liga de Campións (4 deles no presente exercicio), 7 de Liga Europa (competición que conquistou co cadro hispalense en 2016) e 1 de Supercopa de Europa.

Mañá martes, ao finalizar o seu primeiro adestramento como futbolista branquiazul, Krohn-Dehli comparecerá ante os medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.