RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miku lanza unha mensaxe ao vestiario: "Temos que confiar en nós, que somos bos xogadores de fútbol"

Miku, autor dos tres goles desta mañá en Barreiro, atendeu aos medios de comunicación unha vez finalizado o encontro.

O dianteiro deportivista subliña que hoxe o Dépor "xoga, xoga ben, gañamos un partido con merecemento. O fútbol ás veces quítache e ás veces dáche. Nós temos que manter a mesma capacidade de facer o que o adestrador quere e ao final na maioría dos casos a balanza decantarase do noso lado".

Lembra as críticas "con razón" que houbo en torno ao xogo ofensivo do Deportivo esta temporada: "Nós non rehuimos esa responsabilidade. Eu falo coa xente de arriba con Claudio, con Adri Castro, con Rolan cando estaba... Ás veces no fútbol non se xeran situacións porque o equipo non as xeraba. Un ten que facer outras cousas polo ben do equipo, xogar de costas, apoiar, presionar... Outro tipo de fútbol que ás veces non é tan vistoso de cara ao espectador pero que o adestrador o esixe. Temos que facer iso e o gol ía chegar. É cuestión de tempo".

Desvelou un comentario que fixo no vestiario esta semana pasada: "Xa lle fixen un gol ao Celta en Primeira, en Segunda tamén e teño que facerlle en Segunda B. Hoxe deuse a oportunidade de facer tres goles, mesmo algún máis".

Quere Miku mandar unha mensaxe aos seus compañeiros: "Temos que confiar en nós, que somos bos xogadores de fútbol. Na temporada non xurdiron as cousas como todos quixésemos. Hai que ter fe e esa capacidade de seguir traballando o día a día porque as cousas nos van a chegar".

Lembra que o seu último hat trick en partido oficial foi co Valencia na Europa League e sostén que agora, esquecidos os seus problemas físicos, "atópome ben, atópome cómodo, moi tranquilo na cidade. A miña familia está súper adaptada. Iso permíteme a min centrarme no traballo que é o día a día. O fútbol é un traballo diario, de moita capacidade de estar sempre nun mesmo plano, regular; e tentar axudar aos compañeiros".

Chancea co que se pode vivir na última xornada: "O Dépor está abonado ao infarto constantemente. Menos mal que o doutor fai electrocardiogramas constantemente. Son circunstancias do fútbol. Tamén hai que ser sinceros e saber que se estamos nun momento así é porque as cousas durante todo o ano fixéronse non tan ben ou algo fixemos mal para que esteamos durante a xornada sumando, vivindo da esperanza. Imos ver que ocorre".