RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miku pon a guinda á festa de ABANCA-RIAZOR (1-0)

Un gol de Miku nunha acción de estratexia bastou ao Dépor para retomar a senda da vitoria ante a UD San Sebastián de los Reyes, no primeiro partido en 20 meses sen restricións de aforamento en ABANCA-RIAZOR.

#ANOSAFORZA acudiu nun número próximo aos 15.000 espectadores ao recinto branquiazul e desde os prolegómenos até o asubío final creou o ambiente propicio para que o Deportivo volvese gañar despois de tres xornadas sen facelo.

Borja Jiménez realizou dous cambios con respecto ao once que presentou de inicio na pasada xornada no Stadium Gal de Irún. Diego Villares regresou á medular en detrimento de Rafa de Vicente, mentres que Noel debutou como titular coa zamarra branquiazul en lugar de Alberto Quiles.

O Deportivo foi claro dominador do partido desde o principio, aínda que lle custou concretalo con chegadas máis aló de provocar numerosos saques de esquina. O Sanse foi o primeiro en disparar á portería rival, nun lanzamento de Raúl ao que respondeu con seguridade Ian Mackay no minuto 13. Iso si, foi a primeira e única chegada do conxunto madrileño nos primeiros 45 minutos.

No minuto 18 produciuse o primeiro disparo do equipo branquiazul, nun dereitazo de Álex Bergantiños que se foi alto despois dunha gran acción individual de William. Foi o pistoletazo de saída á maior concrección do Dépor nos seus ataques.

No minuto 22, Diego Villares disparou á esquerda da portería visitante após unha parede con Noel. Dous minutos máis tarde, Miku peiteou desviado un centro de Juergen a perna cambiada desde a dereita do ataque coruñés. Xusto cando se cumpría a media hora de xogo, Víctor García meteu un gran balón en profundidade para Juergen, que recortou en carreira a Llerena pero estrelou o seu dereitazo no lateral da rede. Pouco despois, o propio Víctor García foi quen o probou pero o seu dereitazo perdeuse excesivamente cruzado.

Os branquiazuis acumulaban innumerables córneres lanzados e no minuto 36 levaron o enésimo deles ao fondo das mallas. Juergen puxo a pelota ao bordo da área pequena onde Miku desviou o coiro coa súa cabeza para facer imposible a estirada de Miguel Bañuz.

As tornas cambiaron na segunda metade, na que o Deportivo mantivo o seu dominio pero con moita menos profundidade que nos dous segundos terzos do primeiro tempo. Á formación madrileña tampouco lle deu para moito máis, xa que aínda que puido dispoñer algo máis da pelota, tampouco foi capaz de xerar chegadas claras aos dominios de Ian Mackay.

Borja Jiménez deu entrada a Quiles por Noel para refrescar o ataque deportivista. O dianteiro andaluz gozou dunha boa dobre ocasión pero o colexiado anuláraa por fóra de xogo.

Os últimos minutos deixaron un vibrante toma e daca despois de que o goleador branquiazul non concretase a mellor ocasión coruñesa na segunda metade, xa en tempo engadido, despois de quedar só ante o gardameta após unha combinación con Miku. O Sanse foise con todo arriba e forzou un saque de esquina que Fer Ruiz, en posición favorable, cabeceou defectuosamente.

Con esta vitoria, o Deportivo puxo fin á xeira de resultados adversos coas derrotas en Salamanca e Irún e o empate en ABANCA-RIAZOR fronte á SD Logroñés e mantense no pelotón de cabeza con 16 puntos após 8 xornadas.

RC Deportivo: Mackay, Víctor García, Lapeña, Jaime, Héctor Hernández, Diego Villares, Álex Bergantiños (Rafa de Vicente, min. 81), Juergen Elitim, Noel (Quiles, min. 67), Miku e William (Menudo, min. 81).

UD San Sebastián de los Reyes: Miguel Bañuz, Barreda (Javi Rueda, min. 79), Fomeyem, Llerena, Iván Pérez, Raúl (Fer Ruiz, min. 46), Dani Molina, Fer Llorente (Jime, min. 67), Borja Martínez, Borja Sánchez (Carlitos, min. 79) e Arturo (Jauregi, min. 67).

Gol: 1-0 Miku (min. 36).

Árbitro: Fernández Buergo (c. asturiano). Cartón amarelo a Barreda (min. 74) e Javi Rueda (min. 87).

Incidencias: partido da 8ª xornada do Grupo 1 de Primeira RFEF disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 14.744 espectadores.