RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Minutos para todos no primeiro ensaio da pretemporada en Arteixo (0-3)

A primeira toma de contacto con rival da pretemporada levou ao Dépor, moitos anos despois da última visita, a Ponte dos Brozos para enfrontarse a un Atlético Arteixo recentemente ascendido a Terceira Federación e con menos sesións mesmo que o Deportivo nas súas pernas. Con menos dunha semana de traballo en ambos os casos, o importante para os dous adestradores era repartir ben a carga de traballo.

O Dépor empezou tocando ben o balón e xa no primeiro minuto anotou un gol anulado a Quiles por fóra de xogo. O primeiro disparo claro foi de Marcel que obrigou a Jesús Jurado a actuar en dous tempos. A gran ocasión do primeiro cuarto de hora foi un remate de cabeza de socato de Quiles a centro de Marcel, que sacou con reflexos Jurado. Após varios intentos de chegada e disparos sobre a portería local, Martín Ochoa roubou na frontal na saída do Atlético Arteixo para encarar só a Jesús Jurado e pór o 0-1 no marcador no minuto 25. Seis despois un bo pase entre liñas que recibiu o propio Ochoa dentro da área serviu ao rioxano para deixar en bandexa o segundo tanto da tarde a Yeremay Hernández. A primeira parte pechouse cun gran disparo de Quiles desde a frontal e unha non menos boa parada a man cambiada que impediu ao máximo goleador do Dépor estrearse en pretemporada a pesar de protagonizar as mellores ocasións do primeiro tempo.

O segundo comezou cun once completamente renovado. As primeiras chegadas foron para Brais Val, recibindo de Mella despois de que Santamaría a deixase pasar, que rematou desviado e para Olabe á saída dun corner, que entre o porteiro e o traveseiro conseguiron neutralizar. Raúl García, de falta directa, desde o semicírculo da frontal obrigou a actuar de novo a Jesús Jurado. Isi Gómez, na cara a cara co porteiro, atopouse cunha boa man abaixo xunto ao pau. De novo Isi, após boa xogada persoal de Mella, centro de Raúl e recorte do propio Isi, marchouse da raia, moi preto da portería local. Raúl Carnero probou de novo a un porteiro arteixán que abortou esa ocasión e a seguinte de Mella, converténdose, sen dúbida, no xogador máis destacado do partido por todas as súas intervencións de mérito. Cun gol á saída dun córner de Jaime Sánchez pechouse a xornada en Arteixo.

Atlético Arteixo: Jesús Jurado, Iván, Antonio (Nico Clouston, min. 45), Dani López (Dani Viqueira, min. 23), Jerome (Nimo, min. 62), Pablo Naya (Mauro Lois, min. 45), Ernesto (Adrián Otero, min. 45), Hugo García (Óscar, min. 23), Sergio Pereira (Hugo Piñeiro, min. 62), Aitor (Pablo Ramos, min. 45) e Marcos Rodríguez (Xavi Foliadoso, min. 45).

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Lapeña, Álex Bergantiños, Marcel, Jairo, Villares, Soriano, Quiles, Ochoa e Yeremay (Primeiro tempo). Edu Sousa (Pablo Brea, min. 74), Brais Val, Jaime, Puerto, Raúl Carnero, Olabe (Jairo, min. 80), Rubén López, Isi Gómez, Víctor Narro, Santamaría e Mella (Segundo tempo).

Goles: 0-1 Martín Ochoa (min. 25); 0-2 Yeremay (min. 31); 0-3 Jaime (min. 83).

Árbitro: Alejandro Castro Alarcón (c. Galego). Amoesto a Pereira (min. 50) e Nimo (min. 73).

Incidencias: primeiro partido da pretemporada do Dépor 2022-2023, Dépor Xira Integralmotion, disputado no campo municipal de Ponte dos Brozos (Arteixo) co Trofeo Santiago Apóstolo en xogo. Cheo nas bancadas. Antes do partido, o Atlético Arteixo realizou unha homenaxe a Arsenio Iglesias, adestrador máis lendario da historia do RC Deportivo, fillo predilecto de Arteixo, a súa localidade natal, no estadio situado na avenida que leva o seu nome. O seu tres fillos e os netos recibiron o agarimo de todos os arteixanos e deportivistas presentes.