RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miriam, na súa despedida: "As xogadoras que renovaron e as que veñen van facer un bo papel no Dépor ABANCA"

Miriam Ríos vive os seus últimos días como xogadora do Dépor ABANCA.

A futbolista coruñesa lembra especialmente destes 4 anos no conxunto branquiazul "a primeira vez que puiden vestir a camiseta do Deportivo, poder portar o escudo e facer realidade un soño". Ademais, resalta "a unión que houbo sempre no equipo".

Entende a decisión do Club, que "o que ten que facer é mellorar deportivamente; e se non cría que podía axudar nese sentido eu creo que tomaron a decisión que tiñan que tomar". "É o fútbol e as cousas son así", conclúe o defensor branquiazul.

Iso si, "todo o mundo sabe os meus sentimentos co Deportivo e estou bastante amolada e doída por ter que deixar o equipo. Pero coa conciencia tranquila de dar todo en todo momento e feliz de recibir tantas mostras de agarimo da xente. Doe pero isto é o mundo do fútbol e hai que tentar levalo da mellor maneira", apunta.

Asegura que quere "seguir xogando ao fútbol" aínda que advirte que "no momento que o deixe xa veremos o que pasa e como me vinculo en torno ao Club". Recalca neste sentido que "non me ofreceron nada específico porque quero seguir xogando, quero retirarme xogando no verde. Non se chegou a falar disto", sostén.

De feito, confesa sobre o seu futuro deportivo estar "a estudar varias opcións e non hai présa para decidirse. Co tempo saberase".

Sobre dar por finalizada a competición na Primeira Iberdrola, Miriam opina que "o primeiro é a saúde. Se non se ve esa seguridade que se ten que ter para seguir competindo, o mellor é isto, non seguir. Nós queriamos acabar porque era un ano moi bonito. Se fai falta seguir protestando para que nos dean importancia, protestaremos".

En canto ao Deportivo ABANCA que vén, a xogadora coruñesa cre que "queda un bo bloque para transmitir eses valores, esa unión, ese espírito de pertenza co equipo. Vaise a conseguir esa unión, para iso teñen a pretemporada. A xente que está no Club, as que levan tempo e as que renovan, por exemplo Sullastres, van saber explicarlles o que é o Deportivo. As novas cando veñan van ver na afección o que é este sentimento deportivista e o que teñen que dar dentro do campo. Veñen xogadoras novas que o que queren é despuntar, e téñense que entregar desde o principio".

Vaticina a Iris Arnáiz como "unha das xogadoras que vai levar o mando, polo seu carácter; e outra Cris. Son dúas competidoras natas, que cren neste proxecto e que van saber levar ás novas ese sentimento que colleron elas cando chegaron".

Resalta que o Deportivo ABANCA "é un equipo que se sabe repor das adversidades. Levamos facendo isto desde o primeiro día cos paus que levamos. As xogadoras que renovaron e as que veñen van facer un bo papel. Obviamente xogadoras como Teresa Abelleira nótanse no campo pero hai que suplir a esas xogadoras e seguro que as que están vano a facer moi ben".

Imaxe de María Pita, heroína da Coruña, na campaña de abonados desta temporada, Miriam considera que "foi un orgullo máximo. Non o dubidei en canto mo propuxeron. Paseino moi ben facendo as fotos e demais. Cando vin o vídeo, a publicidade nas paradas dos autobuses, en ABANCA-RIAZOR, tiña a pel de galiña. Que a xente che recoñeza e dígache 'ti es María Pita' é moi bonito e é unha gran visibilidade para o fútbol feminino".