RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mollejo asegura que "estamos acougados, tranquilos"; e Bóveda di estar "bastante pouco preocupado por como está o equipo"

Víctor Mollejo e Eneko Bóveda pasaron pola zona mixta do Estadio da Romareda.

O atacante deportivista, autor do único tanto branquiazul en Zaragoza, afirmou que após esta derrota "estamos acougados, tranquilos, sabendo que a xeira ía terminar. Tentamos gañar os máximos posibles. Estamos tranquilos agora, sabemos que isto era unha posibilidade. Agora calma, con ganas de que chegue o próximo partido e volver á senda da vitoria".

Opina que "crecemos hoxe con balón en moitas situacións do xogo. Ofensivamente habemos ir un pouquiño máis, a primeira parte, a principios da segunda. É verdade que os erros nos mataron, sobre todo os de balón parado. O terceiro gol é unha consecuencia da expulsión, co 2-1 estabamos máis cara arriba. Estamos acougados, coa mesma ilusión que antes de empezar o partido. Sabiamos que hoxe era un partido difícil".

Está de acordo en que o Dépor non está a ter sorte cos árbitros ultimamente, aínda que lembra que "é un factor do xogo. Poden equivocarse ou poden acertar. A expulsión de Gaku para min era evitable. Son situacións do xogo e non temos nada de que queixarnos".

Na acción na que o internacional xaponés ve a segunda amarela, "para min é xogada de amarela pero vén precedida dunha falta de Álex que é a que se ten que pitar. Ao final son decisións do árbitro. Decidiu que o tiña que expulsar. Cando se expulsa un xogador é porque non vai xogar un balón ou por cousas asi. Para min Gaku é o menos indicado para expulsalo".

Cre que os cánticos ofensivos da bancada cara a el durante o encontro "son un pouco feos", aínda que resalta que o Zaragoza "é un club 10, cunha afección tamén moi boa".

Confesa que o cartón amarelo que recibiu hoxe "é por unha bobada e evitable. Levo xa 9 amarelas. O outro día estiven a revisalas e houbo moitas que se puideron aforrar. É fútbol e xa está".

Finalmente Mollejo destaca sobre o ambiente de La Romareda que "todos os partidos que xogamos nós en ABANCA-RIAZOR pódese asemellar ao que vivín eu en Primeira División. Quedo con ABANCA-RIAZOR".

Pola súa banda, Eneko Bóveda opina que "en canto a rendemento do equipo foi un bo partido en xeral. Non creo que nin que eles impuxéronse nin que nós impuxémonos con claridade. Fixemos méritos os dous para levarnos o partido. Sobre todo até a expulsión de Gaku, porque logo se desvirtúa un pouco o que era a táctica do equipo. Estabamos obrigados a dar un paso adiante cun xogador menos. Téñoo menos en conta. Agora o que é o 11 para 11 vin ben ao equipo. Facemos crítica do que é a orixe dos goles. Estou bastante pouco preocupado por como está o equipo".

O defensor deportivista lembra que nesta última parte da temporada "o equipo é moitísimo mellor do que era, incluído este partido. Vaise vendo con claridade o que o equipo quere facer. Hoxe en defensa, até a expulsión de Gaku, veu sendo parecido ao que fixemos outras veces. O que pasa que un concede balón parado preto da súa área porque defendemos preto da nosa área. Entón está o exercicio de darlle toda a importancia do mundo ao balón parado defensivo porque eu diría que é onde máis preto sinto o gol en contra".

Non cre Bóveda precisamente que o equipo estea a facer mal a defensa de accións a balón parado senón que "cando un decide situarse dunha maneira concreta no campo, na defensa, no noso caso co bloque bastante baixo, o que pasa pasa preto da túa área; e tes que mentalizarte de que igual que trae vantaxes á hora de defender porque tes pouco oco ás túas costas e estás bastante protexido, no balón parado o outro equipo ten máis oportunidades que ti. Entón é o exercicio ese de: asumimos que van pasar cousas en forma de córneres, faltas, balón parado e demais. Pero imos ser fortes e cada balón ten a máxima importancia".

Sente que trala expulsión de Gaku "o partido ponse moi difícil. Estaba a gozar no campo. O equipo non sentíase incómodo respectando o que fixo o Zaragoza e respectando que eles son un bo equipo con bastante brillo na súa parte final. Pero o equipo estaba ben. E con resultado en contra, cun xogador menos, todo o mundo sente que o partido se che ha ir. A frustración vén de aí. Tampouco vin ao equipo obsesionado coa arbitraxe. Talvez o outro día fose máis inquietante".

Precisamente das actuacións arbitrais prefire manterse á marxe: "Moitas veces o árbitro ten incidencia directa no resultado igual que unha acción concreta decide moitas veces os 90 minutos. Partindo da base que para nada creo que haxa unha man negra contra o noso club, penso que as accións que che favorece coas que che penalizan tamén se compensan ao longo do ano. Pouca crítica ao que é a arbitraxe".

Finalmente, cualifica o partido do próximo domingo 1 de marzo ante o CD Lugo en ABANCA-RIAZOR como "moi importante. Todos os partidos son importantísimos. Eu non miro tanto ao curto prazo no sentido de que pase o que pase contra o CD Lugo, aínda haberá que remar moito para conseguir o noso obxectivo. O máis importante é seguir na mesma liña, sentíndonos con confianza no equipo pero ao mesmo tempo coa humildade necesaria de saber o que somos, o que viñemos sendo e non caer no erro de subestimar a ninguén. É un dos poucos partidos nos que enfrontámonos a un equipo que vai por detrás de nós. Iso non nos ten que afectar de ningunha maneira psicoloxicamente no feito de subestimar ao rival ou crer que temos que facer cousas que non sabemos facer ou que non son as mellores para levar o plan de partido adiante".