RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Nolaskoain subliñou esta mañá que ao equipo "fáltalle confianza"

Peru Nolaskoain pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo, nada máis concluír a sesión de adestramento do primeiro equipo.

O polivalente futbolista branquiazul, onte central ante o UD Almería, opina que "aquí o importante é gañar. Non o facemos desde a primeira xornada e é preocupante. Témonos que axudar moito, tentar que non decaia a cousa e irnos para arriba todos".

Advirte ademais que o partido deste domingo 13 de outubro en Las Palmas de Gran Canaria (21:00 horas, #Vamos), coas baixas dos internacionais, "estamos nun momento difícil e quítannos a 4 xogadores importantes para nós. Tentaremos co que temos, que é moito, darlle a volta á situación e ir ás Palmas a traer os 3 puntos".

Do conxunto canario subliña que "ten un gran equipo. Ultimamente recuperou a xogadores importantes. Está Jonathan Viera nun gran momento de forma. Tentaremos ver imaxes das Palmas para poder saber como paralos".

Do choque de onte ante os almerienses indica o futbolista vasco que "se viu un partido moi diferente aos demais partidos. Viuse un equipo eu creo. Eramos todos conscientes de que había que dar un paso adiante. Había que dar un salto e creo que o equipo o deu. Fáltannos cousas. Fáltanos confianza para combinar arriba e logo atrás para cometer menos erros. Pero eu creo que onte se viu un Deportivo diferente. É o camiño".

Preguntado pola actuación dos dous centrais branquiazuis, el e Montero, de 20 anos de idade de media, Nolaskoain indica que "estivemos máis ou menos ben, quitando erros puntuais. É o camiño a seguir, de traballar e de estar xuntos para que o equipo mellore".

A nivel individual, subliña que "queda moito para chegar á miña mellor forma. Veño dunha operación e é cuestión de tempo. É hora de coller confianza, de coller minutos".