RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo da un paso atrás (0-2)

O Deportivo volveu sucumbir en ABANCA-RIAZOR, nesta ocasión fronte ao Rayo Majadahonda, que levou os 3 puntos na primeira visita da súa historia ao recinto herculino nun partido decidido nos compases iniciais da segunda metade.

O preparador deportivista, Natxo González, realizou catro cambios con relación ao encontro da pasada xornada no Carlos Tartiere fronte ao Real Oviedo. En defensa, Pablo Marí regresou en lugar de Michele Somma e Eneko Bóveda supliu a David Simón. En mediocampo, Edu Expósito volveu ao céspede despois de dous partidos de sanción en lugar do agora castigado, por acumulación de amoestacións, Álex Bergantiños. Na liña ofensiva, Pedro Sánchez deixou o seu posto a Matías Nahuel.

O primeiro disparo a porta do partido chegou no minuto 15, após unha boa triangulación en tres cuartos de cancha entre Edu Expósito, Quique e Vicente Gómez. O zurdazo do volante canario marchouse desviado, á esquerda do portal defendido por Basilio.

Até entón, o control correspondera ao Dépor, que se achegou á área con certo perigo en varias accións trenzadas.

No minuto 17 gozou da súa primeira ocasión do equipo visitante. Un centro desde a dereita despexouno de puños Dani Giménez, pero o coiro caeu a pés de Enzo Zidane. O centrocampista majariego bateu con potencia, co meta branquiazul fóra da portería, pero fíxoo moi por encima do traveseiro. Dous minutos máis tarde estivo máis preto do gol Héctor Hernández, cun potente dereitazo que correu a mesma sorte que o anterior.

Non foi até o minuto 39 cando volveu producirse un disparo a portería. Nesta ocasión foi unha cabezada de Héctor Hernández a centro de Manu del Moral, que detivo con facilidade Dani Giménez. Dous minutos despois, o traballo foi máis complicado para o gardameta deportivista, após unha acción combinativa pola dereita do ataque visitante. De novo foi Héctor Hernández quen a concluíu, esta vez cun duro dereitazo que rexeitou o porteiro branquiazul cos pés. Domingos Duarte despexou a saque de esquina e o mesmo concluíu con outro perigoso disparo de Fede Varela, que se estrelou no lateral esquerdo da rede da portería local.

Coa igualada sen goles chegouse ao descanso, tralo cal se produciu un cambio por equipo. Nas filas deportivistas, Vítor Silva entrou ao terreo de xogo en lugar de Vicente Gómez. No conxunto madrileño, Carlitos supliu a Manu del Moral.

Aos 7 minutos da segunda metade, Aitor Ruibal adiantou ao equipo visitante ao culminar un contragolpe, após un pase longo de Óscar, cun suave disparo co pé dereito cara ao pau máis lonxano, ante o que Dani Giménez nada puido facer.

O Deportivo reaccionou con rapidez e estivo a piques de facer o empate pouco despois, nunha longa acción repleta de rebotes e imprecisións, que acabou cun centro envelenado de Diego Caballo que se lle escapou das mans a Basilio pero que nin Carlos Fernández nin Quique puideron remachar.

Con todo, nun novo contragolpe, Aitor Ruibal anotou o 0-2, cando o reloxo acababa de marcar o minuto 70 de partido.

Tralo segundo tanto visitante, Natxo González retirou do terreo de xogo a Bóveda para dar entrada a Pedro, que igualmente se situou na banda dereita. Pouco despois, Borja Valle saltou ao céspede en lugar de Edu Expósito.

Aos 80 minutos, Carlos Fernández peiteou con moita intención un centro de Diego Caballo, pero o esférico perdeuse á esquerda da portería madrileña. Nahuel, xa cando se ía a cumprir o minuto 90, tamén de cabeza a centro de Diego Caballo, probou a Basilio, pero este, aínda que con apuros, detivo a pelota.

Con esta derrota, o Dépor queda con 54 puntos, a 4 da zona de ascenso directo á espera dos partidos que aínda teñen que xogar nesta xornada os 4 equipos que lle preceden na clasificación.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda (Pedro, min. 71), Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Vicente Gómez (Vítor Silva, min. 46), Didier Moreno, Edu Expósito (Borja Valle, min. 75), Nahuel, Carlos Fernández e Quique.

CF Rayo Majadahonda: Basilio, Isaac Carcelén, Luso, Morillas, Benito, Fede Varela, Óscar (Guerrero, min. 80), Enzo Zidane (Ernesto Galán, min. 71), Aitor Ruibal, Héctor Hernández e Manu del Moral (Carlitos, min. 46).

Goles: 0-1 Aitor Ruibal (min. 52); 0-2 Aitor Ruibal (min. 70).

Árbitro: Gorostegui Fernández-Ortega (c. vasco). Cartón amarelo a Edu Expósito (min. 10), Benito (min. 46), Carlos Fernández (min. 48), Didier Moreno (min. 49) e Vítor Silva (min. 90).

Incidencias: partido correspondente á 33ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 15.800 espectadores.