RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Novo paso firme e adiante do Dépor en ABANCA-RIAZOR (1-0)

O Dépor afrontaba o partido contra o Ceuta sabendo que os seus inmediatos predecesores na cabeza da clasificación deixáranse puntos a véspera e o obxectivo do campionato e o ascenso directo podería quedar un paso máis preto en caso de vitoria. En fronte, o equipo máis en forma da categoría coa oportunidade de continuar coa súa serie de partidos puntuando a domicilio ante os equipos máis destacados da categoría.

O partido respondeu as expectativas desde o arranque e foi moi dinámico en todo momento. O Dépor tivo algo máis o balón que un Ceuta moi disciplinado e ben colocado sobre o campo, cun armazón defensivo claro e contundente que fixo sufrir ao Deportivo para xerar ocasións. Unido a esa orde visitante, a actuación arbitral desquiciou ao equipo e á bancada sen un criterio claro á hora de sinalar as faltas, sacar os cartóns e castigar adecuadamente a contundencia coa que se empregaban os futbolistas sobre o céspede.

Esa situación de partido fixo que en toda a primeira parte a bagaxe ofensiva próxima ao gol cinguísese a un tiro afastado de Jaime blocado en dous tempos por Tomás Mejías no minuto 5 e outro máis contundente de Mario Soriano coa dereita desde 30 metros que tamén obrigou a voar e despexar ao porteiro visitante. Non foi mellor o do Ceuta, que só asinou un centro chute de falta directamente ás mans de Mackay.

A segunda parte empezou igualmente co Dépor movendo con velocidade a pelota e buscando desfacer o armazón defensivo ceutí. Esa oportunidade chegou no minuto 53 cunha gran xogada polo costado protagonizada por Lucas que a puxo ao punto de penalti para a chegada e o gol de Quiles nun espectacular movemento de ambos os arietes para romper a igualdade do partido.

A partir de aí o Ceuta viuse obrigado a tentar saír un pouco máis, o que permitiu ao Dépor parecerse á súa versión máis habitual en ABANCA-RIAZOR. Nos primeiros instantes as chegadas do Ceuta foron tímidas como a de David Alfonso, desviada após barullo na área.

Nunha xogada similar á do gol, Lucas centrou ao segundo pau para o remate forzado e alto de Quiles. O dianteiro onubense estivo máis preto do seu segundo gol un minuto despois cun disparo contundente ao pau.

Nos últimos 20 minutos a iniciativa do encontro foi para o Ceuta, envorcado en tratar de lograr a igualada, oportunidade que lle chegou con maior claridade a 10 minutos do final cun remate de Pablo García raso e pegado a escasos centímetros do pau esquerdo da portería de Mackay.

Os últimos minutos de partido terían sido moito máis tranquilos se o zapatazo de Kuki após unha boa parede con Antoñito, pisando área e executando desde a frontal non se estrelase no traveseiro.

A encerrona do Ceuta continuou até o final, pero só se materializou nun centro mal rematado por Rodrigo cara á cabeza de Mizzian que, recentemente entrado no campo, tamén coa testa, enviouna con bote ás mans de Mackay.

Finalmente, o choque de xeiras, a do mellor equipo en casa contra o mellor equipo do ano, decantouse cara á un Dépor que dorme a un punto do Castilla e a dous do líder, unha AD Alcorcón que será o próximo visitante de ABANCA-RIAZOR dentro de menos de dúas semanas.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Jaime, Pablo Martínez, Lebedenko, Rubén Díez (Kuki Zalazar, min. 77), Diego Villares, Isi Gómez (Olabe, min. 61), Quiles (Álex Bergantiños, min. 88), Mario Soriano e Lucas.

AD Ceuta FC: Tomás Mejías, Selasi (Pablo García, min 67), Capa, Alberto Reina, Aisar Ahmed (Alberto Gil, min. 67), Julio Iglesias (Adri Cuevas, min. 78), Rodrigo, Alain, David Alfonso, Danese e Ñito González (Mizzian, min. 86).

Goles: 1-0 Quiles (min. 53).

Árbitro: Sánchez Sánchez (c. estremeño). Amoestou a Isi Gómez (min. 12), Lucas (min. 42) e Mackay (min. 42). Expulsou con vermella directa ao fisioterapeuta visitante (min. 39).

Incidencias: partido da 33ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.914 espectadores.