RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O bo segundo tempo do Dépor no Sardinero non chegou para completar a remontada (1-1)

Racing e Dépor asinaron táboas no Sardinero nun partido cunha parte para cada equipo pero con maior superioridade e número de ocasións para os branquiazuis na que dominaron sen poder reflectilo finalmente no marcador. A primeira fora unha historia diametralmente oposta.

O terceiro once de Luis César á fronte do Dépor supuxo o regreso de Lampropoulos ao centro da zaga en lugar dun Nolaskoain que adiantou a súa posición ao centro do campo xunto a Álex Bergantiños en detrimento de Gaku Shibasaki. A outra permuta deste partido, a entrada de Koné por Mollejo para formar dupla en ataque con Longo.

O 4-4-2 proposto serviu para armar e ordenar ao Dépor nun arranque de choque no que o balón foi local pero as ocasións non chegaban a producirse. Tivo que ser unha xogada persoal de Yoda no minuto 10, entrando polo pico da área, a que rompese o equilibrio. Nin os medioscentros na axuda nin o lateral nin o central foron capaces de parar a Karim Yoda que, de zurdazo seco, bateu a Dani Giménez.

O Dépor tardou máis dun cuarto de hora en xerar perigo. Koné no minuto 16 pisou área co balón controlado, puido regatear a Luka pero escorouse demasiado e a defensa se rearmouse para neutralizar a súa ocasión. Xunto a un córner no 35 e unha asistencia que non puido recibir o propio Koné nun pase entre liñas de Aketxe, foi do pouco en ataque que propuxo o Deportivo na primeira parte.

As chegadas do Racing foron algo máis perigosas aínda que ningunha o suficientemente clara como para afirmar que o marcador debía ser outro ao descanso. A máis destacada un centro de Lombardo que rematou de Karim Yoda de cabeza por encima da portería de Dani.

O Dépor arrincou a segunnda parte máis enchufado, presionando arriba ao Racing e tratando de incomodar a Luka Zidane aínda que os primeiros intentos de Aketxe e Koné non atoparon portería. A insuficiente recompensa a esa actitude chegou no 54 cunha xogada por banda que acabou rematando Koné a pase de Luis Ruiz. O seu zapatazo estrelouse en traveseiro.

A seguinte si tivo o merecido premio, tamén con Koné como protagonista aínda que neste caso como asistente. En pleno círculo central levantou a cabeza e meteu o balón en profundidade entre central e lateral para a carreira do recentemente ingresado no campo Jovanović. Con sangue frío cruzou con puntaría mandando o balón ao pau e cara adentro, pondo así as táboas no marcador con algo máis de vinte minutos por diante.

Non se conformaba o Dépor co punto. Longo tivo a oportunidade de pór por diante ao equipo catro minutos despois nunha falta lanzada por Borja Valle, tocada por un compañeiro no segundo pau e que o dianteiro italiano non acertou a rematar na frontal da área pequena. Esa vontade de gañar mantívose até o minuto 90 no que o equipo branquiazul forzou un córner a tiro de Lampropoulos. Antes Salva Ruiz estrelara o balón no lateral da rede nun balón servido previamente por un activo e peleón Mollejo.

O catro minutos de prolongación foron os únicos nos que o Racing inquietou de verdade a Dani Giménez de novo cun perigoso Yoda que acabou rematando a córner. O partido morreu en liña de fondo deportivista cun atento Salva Ruiz que salvou as dúas últimas acometidas locais.

Con este marcador Racing e Dépor seguen pechando a táboa clasificatoria de LaLiga SmartBank.

Racing de Santander: Luka, Buñuel, Olaortua (Alexis, min. 79), Figueras, Moisés, Toribio, Ortiz, Cejudo, Yoda, Enzo Lombardo (Sergio Ruiz min. 59) e Nuha (Hidalgo, min. 75).

RC Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Lampropoulos, Montero, Salva Ruiz, Bergantiños, Peru, Borja Valle, Aketxe (Jovanović, min. 65), Koné (Mollejo, min. 83) e Longo (Santos, min. 77).

Goles: 1-0 Yoda (min. 10); 1-1 Jovanović (min. 67).

Árbitro: Ávalos Barreira (c. catalán). Amoestou a Bóveda (min. 13), Longo (min. 30), Koné (min. 65), Ortiz (min. 81), Hidalgo (min. 90+4)

Incidencias: partido da 13ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Sardinero ante 14.104 espectadores, 500 deles do Dépor.