RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA cae ante o Raio a pesar de adiantarse no marcador (2-1)

O Deportivo ABANCA caeu na súa visita ao Rayo Vallecano a pesar de adiantarse no marcador da Cidade Deportiva rayista. O encontro tivo cor 'vinotinto', xa que a venezolana Michelle Romero adiantou ao equipo coruñés e a súa compatriota Oriana Altuve anotou os dous tantos que deron a volta ao marcador e os 3 puntos ao equipo madrileño.

O partido comezou con intencións ofensivas por parte de ambos os equipos. No minuto 2, Nuria lanzou un centro-chute que estivo a piques de sorprender a Patricia Larqué, que atrapou o coiro en dous tempos para evitar coarse con el na súa propia portería. Menos dun minuto despois, Misa resolveu do mesmo xeito un durísimo libre directo lanzado pola chilena Camila Sáez.

Despois dun longo período de tempo sen achegamentos dignos de mención e maior control da posesión por parte do Deportivo ABANCA, de novo emerxeu Misa para evitar o tanto franxivermello nun remate de socato de Pilar García após varios rexeites despois dun córner. Cris acabou afastando o perigo.

As branquiazuis responderon nunha acción na que Maya levou coa cabeza un despexe curto da zaga local. A nipoa se escorou e tratou de volear por riba de Larqué, pero a porteira rayista estivo rápida para saír a tapar o disparo da xogadora deportivista. Con todo, nada puido facer para evitar o 0-1, sete minutos despois.

Teresa Abelleira roubou un balón en campo propio á chilena Carla Guerrero, arrancou cara á portería rival esperando algún desmarque. Este chegou por medio de Michelle Romero, á que a capitá branquiazul atopou cun medido pase en profundidade. A dianteira venezolana definiu á perfección cun remate cruzado que lle serviu para estrearse como goleadora na Primera Iberdrola no seu regreso á titularidade após varios partidos no banco.

Un minuto máis tarde, o Deportivo ABANCA perdoou o 0-2, nun córner lanzado por Teresa Abelleira no que o balón se paseou por toda a área pequena sen que ninguén chegase a contactar con el. María Méndez e Noelia Villegas, ambas as dúas soas no segundo pau, estiveron moi preto, pero non foron capaces de empuxar a pelota.

A alegría duraba pouco, xa que só uns segundos despois producíase o empate. O Rayo igualaba a contenda despois dun servizo de Sáez desde a esquerda que remachou outra venezolana, Oriana Altuve, ao primeiro toque, lanzándose ao chan, entre as dúas centrais branquiazuis.

A igualdade e a ausencia de ocasións de gol foi a nota predominante no primeiro terzo da segunda metade. No minuto 59, Misa evitou o tanto do conxunto local nun remate a pelacorpo de Sheila despois dun contragolpe conducido por Altuve.

O Rayo Vallecano adiantouse no marcador no minuto 65, despois dunha falta inexistente coa que se castigou a María Méndez preto da liña de banda. Pilar García peiteou o pelotazo, María Méndez despexou o balón pero fíxoo cara atrás, o que o levou a pés da arxentina Ruth Bravo 'Chule', que cun suave toque colleu a contrapé a Noelia Villegas e atopou a Altuve, que fusilou a Misa.

A partir de entón, o Rayo dedicouse a perder todo o tempo posible e o Deportivo monopolizou as ocasións. No minuto 74, Larqué atrapou con seguridade un lonxano libre directo de Teresa Abelleira. No 79, Nuria estrelou unha falta lateral na madeira, buscando o pau máis lonxano. Segundos despois, Cris centrou á área, Arbeláez controlou e cedeu á dereita para Peke, que disparou con todas as súas forzas pero topouse coas mans da gardameta rayista. Teresa volveu probalo desde a longa distancia, cunha volea ao recoller un despexe da defensa local. O coiro saíu moi preto do traveseiro.

Xa no oitavo minuto de tempo engadido, na última acción do partido, Nuria sacou un córner moi pechado que Larqué detivo en dous tempos sobre a mesma liña, despois de que a pelota golpese no traveseiro tralo seu primeiro contacto con ela.

Con esta derrota, o Deportivo ABANCA queda con 30 puntos na 5ª posición da táboa da Primera Iberdrola, só superado por FC Barcelona (53), Atlético de Madrid (44), Levante UD (39) e Athletic Club (33).

Rayo Vallecano: Larqué, Cristina Auñón, Andújar, Guerrero, Sáez, Oviedo (Mónica Braojos, min. 90+6), Chule, Pilar García, Paula Fernández (Ángeles, min. 90+1), Sheila (Lucía Sánchez, min. 81) e Altuve (Bulatović, min. 76).

Deportivo ABANCA: Misa, Cris, María Méndez, Noelia Villegas, Nuria, Maya Yamamoto, Arbeláez (Carlota, min. 83), Teresa Abelleira, Gaby (Kika, min. 67), Peke e Michelle Romero (Athenea, min. 63).

Goles: 0-1 Michelle Romero (min. 36); 1-1 Altuve (min. 38); 2-1 Altuve (min. 65).

Árbitro: González Sánchez (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Arbeláez (min. 45), Guerrero (min. 78), Teresa Abelleira (min. 80) e Bulatović (min. 90+7).

Incidencias: partido da 20ª xornada da Primera Iberdrola disputado na Ciudad Deportiva del Rayo Vallecano ante uns 200 espectadores.