RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA cae de pé no Johan Cruyff (1-0)

O Deportivo ABANCA caeu eliminado da Copa da Raíña, vendendo carísima a súa pel ante o mellor equipo español do momento, un FC Barcelona que viña de marcar 27 goles nos seus 4 últimos partidos e que hoxe soamente puido vencer a resistencia coruñesa no último minuto da prórroga.

O dominio da posesión do conxunto azulgrana foi abafador na primeira metade. As branquiazuis, con todo, non renunciaron ao seu fútbol habitual, sempre tratando de sacar o balón xogado desde atrás.

As ocasións das locais, de todos os xeitos, non foron nin moi abundantes nin moi claras. As mellores chegaron no primeiro cuarto de hora de xogo. A mellor oportunidade estivo nun libre indirecto dentro da área, no minuto 9, após atrapar Sullastres coas mans unha cesión de Arbeláez. Alexia Putellas buscou sorprender á porteira deportivista polo seu pau, pero reaccionou rapidamente para despexar o balón a córner.

Alexia dispuxo doutras dúas accións claras. Primeiro, nun disparo chegando desde atrás que, coa portería batida, taponou Bedoya. Despois, nunha cabezada que acabou nas mans de Sullastres. Tamén de cabeza tentouno Marta Torrejón, coa mesma sorte. A norueguesa Caroline Graham Hansen tamén xerou diversas accións de perigo, a máis notable nun duro disparo ao cuarto de hora de xogo ante o que a porteira deportivista respondeu con acerto.

A medida que avanzaron os minutos, os disparos do cadro azulgrana fóronse afastando. No tramo final, lanzaron desde fóra da área Aitana, a mans de Sullastres; Patri Guijarro, alto; e Oshoala, frouxo a mans da gardameta branquiazul.

Deste xeito, o Deportivo ABANCA convertiase no primeiro equipo que esta temporada foi capaz de irse ao intermedio no Johan Cruyff coa súa portería a cero, no 13º partido oficial en casa do FC Barcelona este curso.

A segunda metade seguiu o mesmo guion que a primeira. O Barça monopolizando a posesión e os disparos a porta, aínda que tampouco foi capaz de xerar demasiadas ocasións claras. O balance ofensivo do Deportivo ABANCA nos segundos 45 minutos limitouse a un disparo afastado de Teresa Abelleira, que tentou sorprender desde moi lonxe a Pamela Tajonar, e dous saques de esquina consecutivos, forzados após unha boa combinación entre Gaby, Teresa Abelleira e Athenea del Castillo.

O resto do segundo período limitouse a chegadas barcelonistas, ante un Dépor ABANCA moi ben colocado e ordenado, espléndido nas axudas defensivas para facer 2 contra 1 en todas as chegadas por banda das laterais e extremas locais. O técnico azulgrana introduciu ás internacionais Jenni Hermoso e Mariona Caldentey, ás que deixara de inicio no banco. A primeira sacouse un dereitazo cruzado, no minuto 70, que desviou a porteira branquiazul nunha gran intervención. A segunda acariñou o gol cinco minutos despois, após amagar cara á súa dereita até 3 veces para desfacerse das centrais deportivistas. O disparo de Mariona perdeuse á esquerda do marco herculino.

Con todo, as oportunidades máis clamorosas do conxunto catalán chegaron xustamente nos instantes finais. A piques de cumprirse o minuto 90, Jenni Hermoso desmarcouse entre as centrais coruñesas e disparou ao primeiro toque con todo a favor, pero estrelou o coiro no exterior da rede. Segundos despois, após adiantar liñas o Dépor ABANCA, as azulgrana atoparon espazos ao contragolpe. Oshoala quedou soa ante Sullastres, que milagrosamente rexeitou cos seus pés o remate da dianteira nixeriana.

A eliminatoria introduciuse entón na prórroga, na que se acentuou aínda máis o dominio do incontestable líder da Primera Iberdrola. Hamraoui, Oshoala en posición máis que dubidosa, Mariona... Os intentos das xogadoras azulgrana sucedíanse, até o minuto 110, cando Sullastres volveu evitar o tanto milagrosamente. A porteira deportivista rexeitou un forte disparo raso de Mariona desde a media lúa, Oshoala rematou o rexeite pero Sullastres, nun alarde de reflexos, revolveuse para despexar novamente a saque de esquina. Na última acción da primeira metade da prórroga, Martens rematou claramente o rexeite dun córner no segundo pau. Sullastres, ben colocada, detivo o esférico con seguridade.

Nada cambiou nos últimos 15 minutos de xogo, salvo que a frescura de ideas nos ataques barcelonistas foise disipando. Ata que cando xa se atisbaba a quenda de penaltis, un centro cruzado de Mariona cabeceouno Hamraoui chegando desde atrás para dar a vitoria e a clasificación para as semifinais ao conxunto barcelonista.

FC Barcelona: Pamela Tajonar, Marta Torrejón, Andrea Pereira, Mapi León, Leila (Crnogorčević, min. 110), Aitana (Jenni Hermoso, min. 59), Patri Guijarro (Hamraoui, min. 89), Alexia (Mariona, min. 74), Graham Hansen, Oshoala e Martens.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, María Méndez, Bedoya, Nuria, Maya Yamamoto (Noelia Villegas, min. 71), Arbeláez, Iris (Peke, min. 120+1), Teresa Abelleira, Gaby e Athenea (Miriam, min. 115).

Gol: 1-0 Hamraoui (min. 120).

Árbitra: Rivera Olmedo (c. vasco). Cartón amarelo ao adestrador deportivista Manu Sánchez (min. 80), Sullastres (min. 109) e Hamraoui (min. 114).

Incidencias: partido dos cuartos de final da Copa da Raíña disputado no Estadi Johan Cruyff ante 1.169 espectadores.