RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA despide 2020 en Abegondo co maiúsculo desafío do FC Barcelona

O Dépor ABANCA pecha un gran 2020 cun desafío maiúsculo, a visita do poderoso FC Barcelona a Abegondo, mañá martes 22 de decembro (14:00 horas, LaLiga Sports TV).

As azulgrana lideran a táboa con 27 puntos de 27 posibles. Están igualadas co UD Granadilla Tenerife á fronte da Primera Iberdrola, pero con tres partidos menos xogados que as tinerfeñas.

Por contra, o Dépor ABANCA está no mellor momento da temporada, con 7 puntos logrados dos últimos 9 disputados.

A campaña pasada, a pandemia impediu ver ás azulgrana en Abegondo ou ABANCA-RIAZOR. En Barcelona ambos os conxuntos víronse en liga e Copa, con triunfo local nos dous casos: 6-1 e un espectacular 1-0 respectivamente.

Manu Sánchez conta para o partido coas baixas de Sullastres, "que segue co seu proceso de recuperación no ombreiro. Imos vendo semana a semana como vai respondendo. Esta semana recibiu un tratamento diferente. Están os médicos moi pendentes. Confiamos en que á volta do Nadal podamos contar con ela" e Kenni, "que está a superar esas molestias musculares. Non reviste gravidade pero non ten sentido forzala agora para o último partido que queda".

Así pois, entra na convocatoria de 20 xogadoras a meta do Deportivo ABANCA B Jessica.

O encontro servirá para a despedida de Lía nesta a súa segunda etapa no Club: "Salvo que todo isto dea un envorco importante, as previsións que ten ela tanto universitarias como de competición están aí. Disputará o último partido connosco. Non podo dicir máis que cousas boas. Unha nena que empezou connosco desde que arrancou o proxecto. Unha marabilla tela no vestiario, nas viaxes. É unha futbolista que se fai querer. Achegounos moito, axudounos moito. Desexarlle o mellor. O Dépor ABANCA sempre será a súa casa, as portas están abertas", destacou o técnico deportivista na súa comparecencia ante os medios de comunicación.

Con público na bancada

O Deportivo puxo a disposición dos socios 100 invitacións para o partido. O Club lembra que cada afeccionado, antes de desprazarse a Abegondo, debe comprobar se pode viaxar até as instalacións desde os seus lugares de residencia.

Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos os afeccionados localizados en caso de rastrexo por COVID-19.

Tamén por protocolo COVID cada asistente deberá pasar un control de temperatura, hixienizar as súas mans, portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada no punto de control de accesos (estará identificada cun adhesivo verde de ASENTO DISPOÑIBLE) e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños. Non haberá servizo de bar nin está permitido introducir e consumir alimentos no interior da Cidade Deportiva), respectando en todo momento a distancia de seguridade de 1,5 metros nos controis de acceso e durante a permanencia no interior da instalación.