RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA faille un sete ao Valencia para coarse nos cuartos da Copa (7-2)

O Deportivo ABANCA liquidou a súa estrea na Copa da Raíña cunha contundente vitoria sobre o Valencia CF Feminino, no histórico debut oficial do equipo no Estadio ABANCA-RIAZOR, onde acudiron preto de 8.000 deportivistas pese ao desapracible día.

A principal novidade no once deportivista foi o debut da colombiana Lorena Bedoya, que formou parella no centro da defensa con María Méndez.

O encontro comezou da mellor maneira posible, posto que no primeiro disparo a porta do Dépor ABANCA, aos 5 minutos, chegou o 1-0. Unha internada pola dereita de Peke a remachaba Athenea ao fondo das mallas. A cántabra adiantouse no primeiro pau ás defensoras visitantes para colocar a pelota lonxe do alcance de María Pi.

Pouco antes do minuto 10, Sullastres viuse obrigada a saír fóra da área para frear un man a man de Mari Paz, no que foi o primeiro achegamento perigoso do equipo valenciano. Ao cuarto de hora, as branquiazuis ampliaron a súa vantaxe por medio de Peke, que recortou con serenidade a Van den Berg despois dun fenomenal pase en profundidade de Athenea. A dianteira vasca definiu con aínda máis tranquilidade para bater a María Pi.

Con todo, a ampla vantaxe deportivista reduciuse só tres minutos máis tarde. Guerrero bateu a pelacorpo a Sullastres, ao aproveitarse dunha imprecisión na saída do balón da defensa coruñesa.

A piques de cumprirse a media hora, Sullastres evitou o empate. Van den Berg soltou un tremendo zurdazo nun libre directo moi próximo á liña de fondo, na dereita do ataque valencianista. A porteira deportivista sacou os seus puños para despexar a córner.

Perdeu o Valencia a súa gran oportunidade de empatar a contenda e inmediatamente ampliou distancias o Deportivo ABANCA. No minuto 32, Athenea encarou a Calligaris no extremo esquerdo do ataque herculino, antes de soltar un duro centro-chute que en primeira instancia cortou Van den Berg. A holandesa deixou o balón morto ao bordo da área pequena, onde Peke revolveuse antes que ninguén para meter a punta da bota e bater a María Pi.

Coa clara e merecida vitoria do Dépor ABANCA por 3-1 chegouse ao intermedio. Pero o Valencia volveu ver portería nada máis regresar dos vestiarios. Foi no minuto 48 cando Mari Paz cabeceou, completamente soa no segundo pau, un centro de Calligaris desde a dereita.

O Dépor ABANCA respondeu con celeridade, nun avance pola esquerda con centro ao corazón da área, onde Peke non chegou a impactar co coiro por milímetros. E no minuto 59, as branquiazuis volveron abrir brecha no marcador, nunha xogada calcada á do 1-0, pero na que se investiron os papeis. Esta vez Athenea desbordou pola dereita e Peke adiantouse no primeiro pau ás defensas valencianistas para poñer o 4-2 cun imparable remate por alto.

Recentemente superada a hora de xogo, María Méndez despexou milagrosamente a córner un pase da morte de Calligaris que buscaba a Mari Paz. A central asturiana lanzouse ao chan con todo para estrelar o balón contra a parte superior do traveseiro.

Foi o canto do cisne do equipo levantino, que pasou de acariñar o 4-3 a encaixar o 5-2. Foi nunha nova acción de Athenea que completou Peke no seu segundo remate a portería, despois do rexeite da defensa no primeiro. Corría o minuto 71.

Desde aquel momento, a cada oportunidade fallada pola Valencia seguiulle un novo gol deportivista. Sullastres detivo un remate de socato de Carol despois dun novo centro de Calligaris, acción á que seguiu o 6-2. O tanto foi obra de Teresa Abelleira, após unha brillante acción individual, no minuto 82.

Pouco despois, Mari Paz non foi capaz de definir un man a man coa porteira branquiazul, que atrapou o balón. E xa no tempo engadido, María Méndez converteu no sétimo gol outra nova acción de todas as atacantes deportivistas, con especial mención para Maya Yamamoto.

Deste xeito, o equipo branquiazul estará no sorteo dos cuartos de final, eliminatoria que tamén se disputará a partido único. Hoxe martes tamén lograron o seu pase a esta rolda CD Tacón, EDF Logroño, Athletic Club e Sevilla FC.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, María Méndez, Bedoya, Nuria (Noelia Villegas, min. 75), Teresa Abelleira (Kika, min. 87), Iris (Arbeláez, min. 87), Alba Merino (Maya, min. 69), Gaby, Peke e Athenea.

Valencia CF Feminino: María Pi, Calligaris (Beristain, min. 79), Pujadas, Van den Berg, Bea Beltrán, Guerrero (Asun, min. 68), Gaitán, Sandra, Bonsegundo (Goeieman, min. 54), Mari Paz e Carol.

Goles: 1-0 Athenea (min. 5); 2-0 Peke (min. 15); 2-1 Guerrero (min. 18); 3-1 Peke (min. 32); 3-2 Mari Paz (min. 48); 4-2 Peke (min. 59); 5-2 Peke (min. 71); 6-2 Teresa Abelleira (min. 82), 7-2 María Méndez (min. 90+3).

Árbitra: Acevedo Dudley (c. catalán). Cartón amarelo a Nuria (min. 29), Calligaris (min. 41) e Pujadas (min. 56).

Incidencias: partido dos oitavos de final da Copa da Raíña disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 7.569 espectadores.