RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA tamén gaña lonxe de Abegondo (3-4)

O Deportivo ABANCA prolongou o seu histórico arranque na máxima categoría do fútbol feminino nacional ao sumar á vitoria inicial, en Abegondo ante o RCD Espanyol, o seu primeiro triunfo fóra de casa, fronte ao Real Betis Féminas, grazas a senllos dobretes de Peke e Gaby.

Na primeira oportunidade do partido, as branquiazuis adiantáronse no marcador. Peke superou no man a man a Méline Gerard após recibir un pase en profundidade de Athenea.

O Betis, sexto clasificado na pasada temporada, reaccionou pronto, poñendo cerco á portería de Sullastres. Primeiro, Szymanowski atopouse co poste e despois Priscila topouse coa gardameta deportivista.

A porteira branquiazul non puido facer nada cando, mediado o primeiro período, a central Ana González rebañou un balón solto á saída dun córner. Coa súa bota dereita, a central verdibranca puxo o coiro lonxe do alcance de Sullastres.

O Betis dominou máis a primeira metade. Froito diso, Alba Merino tivo que sacar un balón baixo paus, con Sullastres fóra da portería, rematado por Fedorova. Pouco despois, as locais dispuxeron dun discutible penalti, após un choque entre Iris e Rosa Márquez, para adiantarse no marcador. Priscila estrelou a pelota no traveseiro. E xa cando se cumpría o minuto 45, Fedorova recortou a Sullastres e, a portería baleira, rematou fóra.

O equipo verdibranco perdoou e, como adoita ocorrer, pagouno caro. Porque o Dépor ABANCA non o fixo ao regreso de vestiarios. Aínda que Gerard abortou un man a man de Peke nada máis comezar, nada puido facer pouco despois para impedir a cabezada de Gaby nun saque de esquina lanzado por Teresa Abelleira, que supuxo o 1-2.

Seguiu mandando o Deportivo ABANCA, que dispuxo dunha dobre ocasión. Primeiro, Gerard sacou cos pés un remate de Peke a centro de Cris. Acto seguido, Athenea disparou ao pau despois dunha gran xogada individual de Gaby.

Foi o preludio do 1-3, obra de novo de Peke a pase de Athenea, que gañou a carreira a Nuria polo extremo esquerdo antes de poñer un servizo raso ao bordo da área pequena, onde a dianteira branquiazul anticipouse a Paula Perea para bater á porteira francesa do Betis.

Méline Gerard evitou despois o cuarto gol deportivista, ao desviar un canonazo de Teresa Abelleira despois do rexeite da barreira nun libre directo lanzado por ela mesma.

A pouco menos de vinte minutos do final, o conxunto bético recortou distancias. A outra central, Marta Cazalla, cabeceou ao fondo das mallas un novo saque de esquina, este botado por Priscila.

Con todo, o Dépor ABANCA seguiu saíndo con perigo á contra e nunha delas sentenciou o encontro, cando quedaba algo menos de dez minutos para o 90. Cris chegou á liña de fondo, centrou para Peke e o remate desta o repeleu Gerard. O rexeite caeu a pés de Gaby, que colocou o coiro na escuadra para poñer o 2-4.

Xa no tempo engadido, a internacional camerunesa Michaela Abam puxo o 3-4 definitivo ao aproveitar un centro de Rosa Otermín.

Real Betis Mulleres: Gerard, Nuria, Marta Cazalla, Ana González, Paula Perea, Szymanowski (Rosa Otermín, min. 72), Rosa Márquez (Ana Hernández, min. 69), Irene Guerrero, Fedorova (Abam, min. 55), Bea Parra (Martina Piemonte, min. 55) e Priscila.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, María Méndez, Laura, Noelia Villegas, Teresa Abelleira, Iris (Kika, min. 88), Alba Merino, Gaby, Athenea (Michelle Romero, min. 72) e Peke (Carlota, min. 90+2).

Goles: 0-1 Peke (min. 3); 1-1 Ana González (min. 24); 1-2 Gaby (min. 51); 1-3 Peke (min. 56); 2-3 Marta Cazalla (min. 73); 2-4 Gaby (min. 82); 3-4 Abam (min. 90+4).

Árbitro: Sánchez Miguel (c. catalán). Cartón amarelo a Teresa Abelleira (min. 44), Marta Cazalla (min. 66), Alba Merino (min. 79), ao segundo adestrador local Rafael Ruiz (min. 86) e Iris (min. 88).

Incidencias: partido da 2ª xornada da Primeira Iberdrola disputado na Ciudad Deportiva Luis del Sol ante uns 300 espectadores.