RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor aférrase ao grupo de cabeza a golpe de goleada (4-0)

O Deportivo sumou unha nova vitoria no Estadio ABANCA-RIAZOR, a quinta en seis partidos ante a súa afección, fronte a un Oviedo que non puido resistir o vendaval branquiazul na segunda metade, despois dunha primeira igualada en méritos pero desequilibrada no marcador nunha acción a balón parado culminada por Domingos Duarte.

No seu regreso ao banco após cumprir sanción, Natxo González apostou por dous cambios no once con respecto ao que arrincou o partido da pasada xornada en terreo da UD Las Palmas. Diego Caballo regresou ao lateral esquerdo en lugar de Saúl e Carles Gil ocupou a mediapunta en detrimento do lesionado Pedro Sánchez.

A primeira acción de perigo tivo cor visitante. O Oviedo dispuxo dunha tripla oportunidade, no minuto 5, nun balón que quedou morto na área pequena após unha deixada de cabeza cara atrás de Joselu. A defensa coruñesa non afastou o perigo o suficiente e a pelota caeu en primeira instancia a Tejera. O seu disparo tapouno lanzándose ao chan Álex Bergantiños. Folch fíxose co terceiro rexeite, pero o seu disparo foise por encima do traveseiro.

O Dépor respondeu inmediatamente por medio de Edu Expósito. O centrocampista tentouno cun disparo raso desde a frontal da área. Champagne detivo con seguridade.

Após soltar os nervios iniciais con eses achegamentos, o encontro equilibrouse coa esperada dura loita en mediocampo. Con todo, cando se alcanzaba o ecuadro do primeiro período, o Deportivo adiantouse no marcador. Un córner provocado por un novo disparo afastado de Edu Expósito, cabeceouno ao fondo das mallas Domingos Duarte. Deste xeito, o central portugués viu portería por segundo partido consecutivo após o determinante tanto marcado a pasada semana no Estadio Gran Canaria, tamén a centro de Carles Gil.

Non foi até as proximidades do intermedio cando un equipo volveu roldar con perigo o portal visitante. Foi de novo o Dépor, nunha internada de Quique polo extremo dereito. O máximo goleador deportivista recortou cara a dentro para soltar un potente lanzamento coa súa perna boa. Champagne respondeu prodixiosamente a un tiro envelenado, no que Quique buscaba sorprender ao porteiro arxentino polo primeiro pau.

Coa vitoria pola mínima do cadro branquiazul chegouse ao descanso. Após o mesmo, regresaron ao terreo de xogo de ABANCA-RIAZOR os mesmos 22 protagonistas do primeiro acto.

Cumpríase o minuto 10 do segundo período cando Carles Gil recuperou un balón en campo contrario. O valenciano tentou sorprender a Champagne cun disparo en carreira buscando o pau máis afastado da súa posición, pero a pelota marchouse á dereita da portería ovetense.

Instantes despois, Quique culminou cun zurdazo desviado cara ao outro costado do portal asturiano un contragolpe iniciado por Carlos Fernández cun belo taconazo para que Vicente Gómez conducise o avance deportivista.

O Oviedo volveu achegarse ao marco de Dani Giménez á hora de xogo. Joselu cabeceou frouxo en posición franca un centro de Bárcenas desde a dereita. O porteiro deportivista resolveu con facilidade o traballo.

Natxo González moveu o banco, dando entrada a Fede Cartabia, no seu primeiro partido após lesionarse en Tarragona hai mes e medio, en lugar de Carles Gil. Anquela non tiña previsto o cambio, pero cando viu a Cartabia listo para saír, modificou o seu once dando entrada a Mossa por Christian Fernández.

E nada máis realizarse os cambios, o Dépor ampliou a súa vantaxe no marcador. Edu Expósito buscou en profundidade a Quique, que partía a súa carreira polo extremo dereito en clara desvantaxe con respecto a Forlín. O dianteiro valisoletano pasou como un foguete ao central ovetense, para bater despois a Champagne cun potente derechazo cruzado.

O Oviedo envorcouse e gozou dun par de ocasións, a máis clara, de novo na cabeza de Joselu, no minuto 69. O dianteiro visitante peiteou o balón nun saque de esquina desde a dereita do ataque asturiano. O coiro marchouse lambendo o poste dereito do portal defendido por Dani Giménez.

Non aproveitou o Oviedo a súa ocasión de volver meterse no partido e sentenciou o Dépor en tres minutos que desataron a tolemia total en ABANCA-RIAZOR. Primeiro, Carlos Fernández celebrou a súa convocatoria coa selección sub-21 co seu sexto gol do curso, definindo con calidade, picando o balón sobre a saída de Champagne aos seus pés despois dun preciso servizo de Fede Cartabia desde a esquerda.

Se no minuto 73 chegaba o 3-0, o 4-0 produciuse no 75, xusto despois de que Anquela modificase o seu esquema retirando a un do seu tres centrais, Forlín, por un dianteiro, Boateng. Nesta ocasión, a xogada foi de Carlos Fernández, que se foi por velocidade polo extremo esquerdo e serviu un balón á área pequena para que Quique marcase a pracer. O pichichi branquiazul, cos seus dous goles de hoxe, alcanza os 9 en 10 partidos nos que saltou ao céspede.

No minuto 84, Álex Bergantiños abandonou o terreo de xogo para ceder o brazalete de capitán a Pedro Mosquera, que deste xeito disputou o seu encontro oficial número 100 coa camiseta deportivista.

Nas postrimerías do choque, Ibrahima Baldé estivo a piques de anotar o tanto da honra para o Real Oviedo após un descoido da zaga deportivista. O disparo do dianteiro senegalés repeleuno o poste esquerdo da portería coruñesa. O esférico paseouse pola liña de gol antes de que David Simón afastase o perigo.

Con esta vitoria, o Dépor segue facéndose forte en ABANCA-RIAZOR, onde sumou 16 dos 18 puntos en disputa, marcou 14 goles e só encaixou 2. En total, os branquiazuis suman 26 puntos despois de 13 xornadas, manténdose no grupo destacado de 4 equipos, xunto a Alcorcón, Granada e Málaga, que comandan LaLiga 1|2|3.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pedro Marí, Diego Caballo, Edu Expósito, Álex Bergantiños (Pedro Mosquera, min. 84), Vicente Gómez, Carles Gil (Fede Cartabia, min. 65), Carlos Fernández e Quique (Didier Moreno, min. 81).

Real Oviedo: Champagne, Carlos Hernández, Forlín (Boateng, min. 74), Alanís, Bárcenas, Javi Muñoz, Tejera (Johannesson, min. 79), Folch, Christian Fernández (Mossa, min. 65), Joselu e Ibrahima Baldé.

Goles: 1-0 Domingos Duarte (min. 21); 2-0 Quique (min. 65); 3-0 Carlos Fernández (min. 73); 4-0 Quique (min. 75).

Árbitro: Ocón Arráiz (c. rioxano). Non mostrou cartóns.

Incidencias: partido correspondente á 13ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.862 espectadores.