RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor alcanza no Cerro del Espino as once xornadas sen perder (0-0)

O Deportivo sumou no Cerro do Espino un novo empate, o sexto en 9 partidos fóra de casa, ante un dominador Rayo Majadahonda. Con todo, os deportivistas gozaron das máis claras ocasións e viron como o árbitro non lles concedía un claro penalti sobre Carlos Fernández ao fío do descanso.

Natxo González, técnico deportivista, tivo que modificar a metade do once inicial que derrotou a pasada fin de semana ao Osasuna en ABANCA-RIAZOR. Eneko Bóveda e Michele Somma entraron en defensa en lugar de David Simón e Domingos Duarte, castigados por acumulación de amoestacións. En mediocampo, Didier Moreno e Edu Expósito substituíron a Michael Krohn-Dehli e Vicente Gómez. Ademais, Carles Gil ocupou o lugar do lesionado Fede Cartabia.

Recentemente superado o cuarto de hora, o Deportivo gozou da primeira ocasión clara do encontro, nunha cabezada de Carlos Fernández, que picou un balón chovido do ceo nun despexe da zaga local após unha boa chegada de Saúl polo extremo esquerdo. Basilio atallou en dous tempos sobre a mesma liña de gol.

Até entón, a única acción de certo perigo produciuse nada máis comezar o encontro, nun centro chute de Benito que se perdeu á dereita da portería de Dani Giménez.

No minuto 26, unha boa combinación pola esquerda acabou en pés de Carles Gil, que centrou con moita intención cara ao bordo da área pequena. Alí, chegando desde atrás, primeiro Quique, que rozou o esférico, e despois Carlos Fernández foron incapaces de impactar de cheo co balón para fusilar ao gardameta do conxunto madrileño.

Tampouco chegou o dianteiro andaluz, instantes despois, a un centro raso desde a dereita de Didier Moreno. Basilio detivo o coiro con seguridade.

Quique probou a sorprender, no minuto 38, ao porteiro local, despois unha falta botada con rapidez por Carles Gil. O dianteiro valisoletano revolveuse na área e estrelou o seu zurdazo no lateral da rede.

Un minuto despois, Quique gozou da mellor oportunidade do partido até entón. Carles Gil superou cun autopase a Ernesto Galán e puxo un balón raso no punto de penalti que o goleador deportivista rematou ao primeiro toque. O seu disparo, demasiado centrado, detívoo sen problemas o porteiro rayista.

No minuto 41 gozou o Rayo Majadahonda da súa mellor ocasión. Nunha acción de estratexia, Fede Varela disparou de lonxe, desviado, pero atopou no seu camiño a chegada pola esquerda de Aitor Ruibal, que rematou como puido, estrelándose a pelota no lateral da rede con Dani Giménez totalmente superado.

Pouco despois, Carlos Fernández reclamou, con razón, penalti de Benito cando se dispuña a cabecear un centro de Bóveda. O lateral dereito majariego impediu claramente o remate do dianteiro sevillano cunha carga ilegal que o árbitro non considerou digna de ser castigada como pena máxima.

Ao fío do descanso, o porteiro deportivista evitou o tanto do equipo madrileño, nun remate de cabeza de Toni Martínez. Dani Giménez estirouse para desviar o xusto a pelota a saque de esquina.

Co empate sen goles chegouse ao descanso, tralo cal saltaron ao terreo de xogo os mesmos 22 protagonistas da primeira metade.

Após varios achegamentos perigosos, como un centro de Edu Expósito que Basilio desviou coa xema dos dedos para impedir o remate de Didier Moreno, no minuto 57 tivo o Dépor, a balón parado, outra gran oportunidade. Foi nunha falta lateral lanzada ao segundo pau, que cabeceou Bóveda, completamente só, buscando coller a contrapé ao porteiro. Con todo, o balón marchouse por riba do traveseiro por moi pouco.

No minuto 61 chegaron dúas ocasións clarísimas, unha en cada portería. Primeiro, Basilio rexeitou un duro zurdazo de Edu Expósito co seu pé esquerdo. No contragolpe, Aitor García, após unha carreira de máis de 60 metros, buscou un disparo con efecto cara ao pau longo. Dani Giménez, nunha enorme estirada, tocou o xusto para desviar o balón a córner.

Tres minutos máis tarde, o Rayo Majadahonda topouse coa cruceta, nun remate coa punta da bota dereita de Ernesto Galán, nun centro pechado após un saque de esquina botado en curto polo conxunto local.

Non volveu roldar o gol ningún dos dous equipos até o minuto 76, cando Borja Valle desviou coa punta da súa bota esquerda un balón metido por Quique, desde o extremo dereito, ao corazón da área pequena. Con Basilio, totalmente batido, a pelota perdeuse por moi pouco á dereita da portería do Rayo Majadahonda. Instantes despois, Borja Valle si batería o marco local, pero o tanto foi invalidado por fóra de xogo.

Dani Giménez volveu sacar unha man salvadora, após un duro derechazo de Aitor García de lonxe, que se envelenou ao rozar en Pedro Mosquera. Corría o minuto 89.

No tempo engadido, un xogador do Rayo Majadahonda estivo a piques de introducir a pelota na súa propia portería, ao despexar unha falta lateral lanzada por Carles Gil. Sorprendentemente, o colexiado sinalou saque de porta.

Na última acción do partido, após unha falta cometida por Gerard Valentín, Bóveda despexou coa súa cabeza o balón enviado ao corazón da área a disparo de Iza, tralo cal o árbitro sinalou o final do encontro.

Con este empate, o Deportivo seguirá por segunda semana consecutiva en posicións de ascenso directo, con 31 puntos despois de 16 partidos, dos que só perdeu un. Os branquiazuis, após outra semana máis sen perder, suman 11 xornadas consecutivas sen coñecer a derrota. Ademais, o equipo deportivista deixou a súa portería a cero por segunda xornada seguida, e por segunda vez esta temporada fóra de casa, pois só conseguiuno no Francisco da Hera fronte ao Extremadura.

CF Rayo Majadahonda: Basilio, Benito (Aitor García, min. 60), Ernesto Galán, Héctor Verdés, Morillas, Fran Varela, Aitor Ruibal (Schiappacase, min. 82), Iza, Fernando Guererro, Fede Varela e Toni Martínez.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Somma, Pedro Marí, Saúl, Didier Moreno (Vicente Gómez, min. 66), Pedro Mosquera, Edu Expósito (Gerard Valentín, min. 77), Carles Gil, Carlos Fernández (Borja Valle, min. 67) e Quique.

Árbitro: Trujillo Suárez (c. tinerfeño). Cartón amarelo a Somma (min. 39), Iza (min. 66), Morillas (min. 90+1) e Gerard Valentín (min. 90+3).

Incidencias: partido correspondente á 16ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Cerro del Espino ante 2.812 espectadores.