RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor aperta os dentes para manter a súa fortaleza en casa (4-2)

O Fuenlabrada regresaba a ABANCA-RIAZOR tres anos despois nun escenario ben distinto no competitivo para ambos os equipos pero cun ambiente na bancada digno dun partido da categoría que o Dépor non puido defender no seu día sobre o campo. Óscar Cano afrontou o encontro con cambios en ambos os laterais: o regreso de Antoñito após sanción ao dereito para que Villares recuperase posición no centro do campo e o retorno varios meses despois de Raúl Carnero en substitución de Lebedenko. Villares no lugar do sancionado Olabe e Rubén Díez por Saverio foron os outros dous movementos respecto ao partido contra Unionistas.

O Dépor entrou con moita intensidade no partido, combinando ben e metendo atrás ao Fuenlabrada. No minuto 6 Soriano tivo a primeira após unha longa xogada con balón colgado desde a esquerda por Lucas, control de Quiles, servizo a Rubén e pase ao segundo pau para a chegada do madrileño, que, de cara, non atopou portería por pouco. A continuación tentouno pola dereita Antoñito que serviu ao punto de penalti un balón que cortou a zaga con Lucas na zona de máximo castigo e Quiles esperando o rexeite. A terceira aproximación tamén levou a firma de Soriano que estrelou o balón desde a frontal nas costas de Sotillos.

As chegadas do Fuenlabrada cinguíanse exclusivamente ao balón parado, desde a esquina ou en faltas colgadas e cobradas pola contundencia coa que o Dépor encarou o partido desde o arranque. Camiño do primeiro cuarto de partido, un balón intranscendente no centro do campo que perdeu o Dépor quedou nos pés de Iván Salvador que levantou a cabeza e puido superar a Ian Mackay cun lanzamento milimétrico desde o centro do campo para pór o 0-1.

O Dépor tratou de reaccionar de inmediato e tivo dúas boas ocasións, primeiro por mediación de Lucas que rematou raso, duro e cruzado para o paradón de Craninx metendo a man abaixo. Tamén foi boa a oportunidade para Martínez nun balón que non esperaba ao pé no punto de penalti e non puido orientar cara á portería madrileña. Pero nada comparado coa dobre de Antoñito a servizo de Lucas e do propio dianteiro coruñés na continuación da xogada con dous paradóns incribles de Craninx.

Á terceira si que foi a vencida coa xogada por banda esquerda que acabou rematando Quiles ao fondo da portería para pór o 1-1 no marcador. Un resultado que durou tan só uns segundos porque na xogada de continuación, un ataque pola dereita dun Fuenlabrada que, triangulando, chegou a deixar a Santi Jara franco para o remate que volvía adiantar aos visitantes.

De novo o Dépor foi contundente na resposta, nesta ocasión ademais efectivo. Un disparo desde a frontal de Mario Soriano serviu para pór de novo as táboas no marcador en 10 minutos vibrantes de fútbol, ocasións e goles en ABANCA-RIAZOR.

A segunda parte seguiu polos mesmos camiños da primeira co Dépor metendo atrás ao Fuenlabrada. Quiles tivo a oportunidade inaugural da continuación cunha volea á que non puido dar a orientación nin a velocidade necesarias para sorprender a Craninx, que recolleu o balón sen apuros.

A diferenza do primeiro tempo, ao Dépor custáballe máis pisar zona de perigo dun Fuenlabrada que esperaba atrás tentando aproveitar algunha contra nun partido que seguía sendo moi bronco, con constantes interrupcións, entradas contundentes e piques entre futbolistas de ambos os equipos.

A seguinte, a vinte minutos do final, tamén foi para o onubense cun disparo coa dereita que obrigou ao porteiro a botar xeonllo a terra e despexar coa cara a saque de esquina. E tivo que ser de novo á terceira cando chegase o tanto branquiazul nun gran centro de costa á costa de Lucas desde a esquerda á cabeza do máximo goleador branquiazul que, a contrapé, marcou de vaselina por encima do porteiro.

Svensson puido facer o cuarto, pero o seu disparo duro á saída dun córner marchouse lixeiramente desviado. O susto visitante deuno Fer Ruiz nun balón roubado entre centrais no medio do campo e que, no man a man, entre os propios defensores e Ian Mackay, lograron desbaratar. Un Mackay que fixo a parada da tarde a lanzamento de Santi Jara desde o pico da área, voando para evitar o empate.

Unha sombra de empate que borrou Lucas nunha falta directa maxistralmente executada para pór o 4-2 no marcador con algo menos de cinco minutos para pór o punto final ao partido e converter ABANCA-RIAZOR nunha festa na tarde na que o Deportivismo gozou ademáis, por primeira vez, do seu primeiro título, o logrado en 1912.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Lapeña, Martínez, Raúl Carnero (Lebedenko, min. 84), Rubén Díez (Álex Bergantiños, min. 84), Diego Villares, Isi Gómez (Svensson, min. 60), Quiles (Saverio, min. 84), Mario Soriano, e Lucas (Yeremay, min. 90).

Fuenlabrada: Craninx, Sotillos, Salvador, Cristóbal (Aguirre, min. 81), Santi Jara (Enzo, min. 81), Barbosa, Vilán (David Amigo, min. 69), Fer Ruiz (Buer, min. 81), Cubero (Iribas, min. 37), Aleix Coch e Álvaro García.

Goles: 0-1 Salvador (min. 19); 1-1 Quiles (min. 32); 1-2 Santi Jara (min. 33); 2-2 Mario Soriano (min. 36); 3-2 Quiles (min. 73); 4-2 Lucas (min. 87).

Árbitro: González Díaz (c. asturiano). Amoestou a Lucas (min. 12), Villares (min. 15), Isi Gómez (min. 52), Lapeña (min. 62), Álvaro García (min. 65), Salvador (min. 68) y Aleix Coch (min. 86).

Incidencias: partido da 31ª xornada de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 19.610 espectadores. Na previa, Helena García recibiu a homenaxe do RC Deportivo polo seu recente campionato de España absoluto de taekwondo na categoría de -73 kg. No descanso, Rafael Louzán, presidente da RFGF fixo a entrega oficial ao Club da Copa España de 1912, recibida polo presidente do RC Deportivo, acompañado dos descendentes de Macho, Virgilio, Portela, De Llano, Fojón e Charry. Ademais, impúxoselle a insignia de Ouro e Brillantes, máxima distinción do RC Deportivo, a Rubén Ventureira polo descubrimento e a verificación do título esquecido.