RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor conquista o XLII Trofeo Cidade de Pontevedra

O Deportivo, na súa terceira cita da pretemporada, conquistou a XLII edición do Trofeo Cidade de Pontevedra, disputado en formato triangular '3 en 1', ao impoñerse ao CD Tenerife (2-1) e empatar fronte ao Pontevedra CF (0-0) nos partidos de 45 minutos disputados no Estadio de Pasarón ante ao redor dun milleiro de espectadores.

No seu primeiro encontro, o conxunto branquiazul impúxose ao CD Tenerife por 2-1, a pesar de comezar perdendo.

Os tinerfeños avisaron no minuto 10, nunha cabezada de Samuel á saída dun córner á que Koke Vegas respondeu cunha sensacional parada. Dous minutos despois, nunha acción similar aínda que non a balón parado, Naranjo si puido vencer a resistencia do porteiro branquiazul.

O Dépor reaccionou cunha gran xogada individual de Borja Galán, que dentro da área foi derrubado por Samuel cunha dura entrada. O colexiado sinalou o punto de penalti, desde onde Aketxe bateu ao ex deportivista Ortolá.

Poucos instantes despois de que Koné estivese a piques de facer o 2-1 nunha lonxana vaselina após recuperar o balón en campo contrario, Borja Galán puxo ao Deportivo por diante no marcador, ao cabecear con comodidade no segundo pau un centro de Bóveda.

Na quenda de penaltis para un posible desempate, o cadro canario venceu por 0-1.

RC Deportivo: Koke Vegas, Bóveda, Lampropoulos, Mujaid, Diego Caballo, Álex Bergantiños, Gaku, Aketxe, Vicente Gómez, Borja Galán e Koné.

CD Tenerife: Ortolá, Luis Pérez, Alberto, Samuel, Mazan, Luis Milla, Aitor Sanz, Suso Santana, Naranjo, Álex Bermejo y Malbašić.

Goles: 0-1 Naranjo (min. 12); 1-1 Aketxe, de penalti (min. 22); 2-1 Borja Galán (min. 39).

Árbitro: Eiriz Mata (c. galego). Cartón amarelo a Suso Santana (min. 29) e Borja Galán (min. 45+1).

No terceiro e último encontro do torneo, branquiazuis e granates empataron sen goles pese ao claro dominio do cadro coruñés.

Aos 3 minutos, Aketxe e Koné trenzaron unha boa acción, completada cunha chegada desde atrás de Gaku que, após recibir o pase en profundidade do marfileño, estrelou o seu duro disparo no lateral da rede.

O Deportivo mostrouse superior en todo momento e gozou das mellores ocasións, como un disparo alto de Borja Galán após unha boa acción coral (min. 11) ou unha chegada desde atrás de Koné a centro por baixo de Caballo que Edu desviou a saque de esquina (min. 13).

Ao cuarto de hora, Anquela introduciu 9 cambios ao mesmo tempo, co obxecto de que os xogadores que disputaron todo o choque contra o Tenerife actuasen unha hora entre ambos os partidos.

Os deportivistas seguiron dominando e acariñaron o gol por medio de Bourdal, que cabeceou moi preto do pau un córner lanzado por Pedro (min. 26) e, sobre todo, nun remate de Borja Valle ao pau despois dunha gran internada de Gerard (min. 38).

Con todo, o choque finalizou con empate sen goles, resultado que deu o trofeo aos branquiazuis, con 4 puntos, por diante de Pontevedra (2) e Tenerife (1).

RC Deportivo: Álex Cobo, Bóveda (Valín, min. 16), Lampropoulos (Bourdal, min. 16), Mujaid (Somma, min. 25), Diego Caballo (Martí Vilà, min. 16), Álex Bergantiños (Gandoy, min. 16), Gaku (David Sánchez, min. 16), Aketxe (Gerard Valentín, min. 16), Vicente Gómez (Javi Sánchez, min. 16), Borja Galán (Pedro, min. 16) e Koné (Borja Valle, min. 16).

Pontevedra CF: Edu (Brian, min. 31), Nacho López, Campillo (Ángel, min. 31), Álex Fernández, Naveira (López, min. 31), Berrocal (Garrido, min. 31), Adibe (David Veiga, min. 31), Bustos, Romay, Álex González (Expósito, min. 31) y Sana (Samu, min. 31).

Árbitro: Eiriz Mata (c. galego). Cartón amarelo a Romay (min. 23) e Bourdal (min. 24).

Resultado primeiro partido: Pontevedra 0 - Tenerife 0. A penaltis: 1-2.