RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor de Óscar Cano arranca con vitoria (2-1)

O Deportivo saldou o debut como adestrador branquiazul de Óscar Cano cunha vitoria que pon fin a unha serie de catro partidos sen coñecer o triunfo, ante un Linares Deportivo que chegaba como colíder e en ABANCA-RIAZOR mostrou porqué aínda non perdera desde o arranque ligueiro.

Óscar Cano realizou catro cambios con respecto ao último once inicial de Borja Jiménez a pasada fin de semana en Majadahonda. Ian Mackay regresou á portería en lugar de Edu Sousa, debutante no campo majariego. Olabe e Álex Bergantiños volveron á medular en detrimento de Diego Villares e Víctor Narro. Max Svensson substituíu na punta de ataque a Kuki Zalazar.

O partido arrancou con claro dominio deportivista. Os branquiazuis practicamente monopolizaron a posesión, o que durante moitos minutos impediu que o Linares se achegase aos dominios de Ian Mackay.

O Dépor chegou con claridade no minuto 4, nunha cabezada alta de Pablo Martínez nun córner lanzado por Rubén Díez, e no 8, noutra cabeazada de Svensson, desviada á dereita da portería xienense, a centro de Antoñito. No minuto 12, un pase interior de Rubén Díez para Quiles tentouno definir o onubense cun disparo ao recanto do primeiro pau, pero o balón foise por pouco por riba do traveseiro. No ecuador do primeiro período, Svensson pateou un libre directo desde 30 metros por baixo con moita dureza e Samu Casado detivo o esférico en dous tempos.

O primeiro achegamento claro do Linares non se produciu até o minuto 27, nun canonazo de Abeledo a perna cambiada que se perdeu preto do poste esquerdo da meta coruñesa.

Raúl Carnero disparou alto no minuto 34 após unha boa combinación entre Quiles e Antoñito. No 38, Quiles pisou o coiro cara atrás para que Antoñito dobráseo e o centro cara atrás do sevillano ao punto de penalti o empalmou coa dereita Max Svensson, rozando o poste esquerdo da portería andaluza.

O Dépor ameazaba e acabou abrindo o marcador no minuto 39. Rubén Díez recuperou a pelota en tres cuartos de campo e conectou rapidamente con Svensson, que correu en diagonal cara ao bordo da área esperando o desmarque de Quiles. O máximo goleador 2021-2022 controlou a perna cambiada un sublime pase de culler en profundidade do hispano-sueco e definiu case sen ángulo, co seu pé dereito, ante a saída de Samu Casado para adiantar ao Dépor, abrir a súa conta anotadora esta temporada e poñer fin a 253 minutos sen un gol branquiazul.

Case sen tempo para celebrar, o Dépor abriu brecha no marcador. Corría o minuto 42 cando se produciu unha nova acción polo extremo dereito, con Antoñito dobrando a Quiles e buscando un balón ao corazón da área para Mario Soriano. O remate de socato do alcalaíno atopouse co porteiro visitante pero o rexeite caeu de novo na área pequena a Svensson, que se topou novamente co gardameta. O balón caeu preto do punto de penalti, onde nesta ocasión Rubén Díez si foi capaz de levalo ao fondo das mallas.

Con ABANCA-RIAZOR convertido nunha festa, xusto cando se cumpría o minuto 45, unha acción de Fermín no extremo esquerdo acabou cun servizo do '10' xienense desde a liña de fondo ao corazón da área pequena. Samu Corral só tivo que empuxar a pelota ao interior da portería branquiazul para colocar o 2-1 no marcador.

O inicio da segunda metade foi completamente distinto ao da primeira. O Linares deu un paso adiante e pasou a controlar o encontro. No 48, Mackay tivo que realizar un dobre despexe de puños, primeiro nun córner pechado botado por Sancris e despois para conter a volea con que Aitor Gelardo respondeu ao primeiro rexeite do porteiro herculino.

Un remate frouxo de Mario Soriano desde a frontal da área despois dun pase de Rubén Díez, no minuto 52, antecedeu a unha acción que deixou xeado a ABANCA-RIAZOR. Foi no minuto 56, cando Arnedo cabeceou un córner no segundo pau, devolvendo a pelota cara á área pequena, onde non atopou rematador e o balón paseouse por diante da portería de Mackay perdéndose pola liña de fondo.

Svensson disparou alto co seu pé esquerdo no minuto 59 e uns segundos despois respondeu Samu Corral á contra, cun dereitazo afastado que detivo o gardameta coruñés.

O Dépor tivo a ocasión de pechar o choque no minuto 67, pero Mario Soriano non foi capaz de rematar con forza un balón solto e franco na área pequena após un control que se lle escapou a Quiles a centro de Antoñito desde a dereita. Tentando evitar o remate do madrileño lesionouse de gravidade o visitante Arnedo, que caeu sobre o seu propio nocello.

Os branquiazuis practicaron rondos case interminables para conxelar o encontro no seu último tramo. En dous deles acabaron disparando con perigo, aínda que ao exterior da rede. Svensson fíxoo no minuto 72 e Rubén Díez seis minutos despois.

Os minutos finais, con seis de engadido, foron para un envorcado Linares. A piques de chegar ao 90, Fran García inventouse un potente dereitazo desde a frontal da área que, centrado, Mackay atrapou con seguridade. No quinto minuto de engadido, un novo saque de esquina ao segundo pau puxo en problemas ao Dépor. A cabezada final cara a portería, de Edu Viaña desde o punto de penalti, detívoa Mackay sen problemas.

Con esta vitoria, que pon fin a unha serie de tres empates e unha derrota, o Deportivo alcanza os 15 puntos, que o manteñen nas posicións de playoff de ascenso a Segunda División despois de 8 xornadas.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Lapeña, Martínez, Raúl Carnero, Olabe (Diego Villares, min. 85), Álex Bergantiños, Rubén Díez (Ibai, min. 85), Mario Soriano, Svensson (Santamaría, min. 73) e Quiles (Zalazar, min. 81).

Linares Deportivo: Samu Casado, Javi Duarte (Dani Perejón, min. 46), Caro, Fran Callejón (Edu Viaña, min. 88), Candelas (Iván, min. 69), Arnedo (Lolo González, min. 69), Aitor Gelardo, Fermín, Abeledo (Fran García, min. 78), Samu Corral e Sancris.

Goles: 1-0 Quiles (min. 39); 2-0 Rubén Díez (min. 42); 2-1 Samu Corral (min. 45).

Árbitro: Pardeiro Puente (c. cántabro). Cartón amarelo a Rubén Díez (min. 17), Samu Corral (min. 28), Fermín (min. 33), Zalazar, min. 87), Fran García (min. 90) e Santamaría (min. 90+5).

Incidencias: partido da 8ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 15.422 espectadores.