RCD / NOVAS

O Dépor deixa escapar outra oportunidade de pechar a permanencia (1-2)

07/05/2017 21:13

O RC Deportivo deixou escapar unha semana máis a oportunidade de pechar matematicamente a permanencia, tras perder ante o Espanyol en Riazor, nun partido no que se viu cun 0-2 en contra á media hora, recortou distancias nada máis comezar a segunda metade e topouse cos postes da portería de Diego López en dúas ocasións.

Pepe Mel, técnico do RC Deportivo, realizou tres cambios con respecto ao once que presentou o pasado domingo en Pamplona no empate fronte ao Osasuna. Álex Bergantiños ocupou o centro da defensa en lugar de Raúl Albentosa. En mediocampo producíronse os outros dous cambios, ao deixar o seu sitio Luisinho e Bruno Gama a Ola John, que deste xeito debutou como titular coa camiseta branquiazul, e o fabrilista Edu Expósito, que efectuou o seu debut en partido oficial co primeiro equipo.

O partido arrancou aberto, con chegadas constantes a ambas as áreas. A primeira ocasión clara chegou no minuto 8. O protagonista, Florin Andone. O dianteiro romanés recibiu un pase en profundidade de Ola John, encarou a Diego Reyes, freouse e buscou o pau contrario co interior da súa bota dereita. O coiro marchouse moi preto do poste esquerdo do marco de Diego López.

O Espanyol, con todo, non perdoou a primeira que tivo. Léo Baptistão bateu con tranquilidade no man a man a Germán Lux, despois de facerse cun balón que Alejandro Arribas non puido despexar.

No minuto 24 buscou o empate Emre Çolak, nun disparo lonxano, desde a dereita do ataque branquiazul, moi duro e por baixo. Diego López non foi capaz de agarrar o esférico á primeira, aínda que si o fixo en segunda instancia, baixo a presión de Andone.

Cinco minutos despois, o Espanyol ampliou a súa vantaxe, nunha rápida penetración de Pablo Piatti polo extremo esquerdo. O arxentino cedeu para a chegada de Gerard Moreno, que á súa entrada na área deportivista conectou un zurdazo, colocando o balón pegado á base do poste dereito do portal de Lux.

O Deportivo reaccionou no minuto 36, cando Celso Borges recibiu de costas na interior da área visitante un pase de Edu Expósito. O costarriqueño revolveuse primorosamente e sacou un dereitazo que se topou co poste dereito da portería españolista. Acto seguido, foi Ola John, tras un pase en profundidade de Andone, o que se atopou coas mans de Diego López.

No descanso, con dous goles abaixo no marcador, Pepe Mel deu entrada a Carles Gil en lugar de Edu Expósito, modificando así o debuxo do equipo. E nada máis arrancar o segundo tempo, os branquiazuis recortaron distancias. Florin Andone alcanzou a decena de tantos en Liga tras unha fenomenal acción de Ola John sobre a liña de fondo. O goleador deportivista remachou na área pequena o servizo do internacional holandés.

Cando se cumpría o minuto 50, o Deportivo estivo a piques de empatar en dúas accións consecutivas. Primeiro, nun centro de Fernando Navarro que Borges non puido cabecear por moi pouco. E no saque de esquina no que concluíu esa acción, Arribas atopouse coa man de Diego López, que rozou o coiro para este estrelásese no traveseiro. Andone insistiu no 53, á media volta desde dentro da área, tras outra acción desequilibrante, esta vez con pase ao oco, de Ola John.

Despois duns minutos de maior tranquilidade, Arribas estivo a piques de bater a Diego López nun novo córner. O central branquiazul, desde o segundo pau, tentou sorprender a contrapé, buscando o cabezazo bombeado cara ao primeiro pau. O esférico foise por riba do traveseiro. Era o minuto 63, tres antes de que Emre Çolak tamén disparase por riba do traveseiro un balón que rexeitou en curto, á media lúa da área, a zaga 'perica' a centro de Guilherme.

Despois dun longo tramo de dominio deportivista sen xerar ocasións claras, Andone tivo a oportunidade de empatar no minuto 87. O romanés cabeceou un bo centro de Fernando Navarro, en posición franca, pero a pelota marchouse alta. Xa no desconto, Fayçal Fajr dispuxo dunha falta ao bordo da área. O franco-marroquí buscou o pau de Diego López. O gardameta visitante fíxose con facilidade co esférico.

Con este resultado, o Deportivo queda con 5 puntos de vantaxe sobre a zona de descenso, que marca o Sporting de Gijón, a falta de 6 puntos por disputar e co Leganés tamén implicado na pelexa, só 3 puntos por riba do equipo asturiano, aínda que cun partido menos, o que debe disputar mañá luns ante o Betis. Na próxima xornada, a penúltima, o Dépor visitará ao Villarreal, o Sporting fará o propio co Eibar e o Leganés tamén xogará a domicilio, ante o Athletic de Bilbao.

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Álex Bergantiños, Arribas, Fernando Navarro, Borges, Guilherme, Edu Expósito (Carles Gil, min. 46), Emre Çolak (Fayçal Fajr, min. 82), Andone e Ola John (Marlos Moreno, min. 71).

RCD Espanyol: Diego López, Marc Navarro (Marc Roca, min. 64), Diego Reyes, David López, Víctor Álvarez, Jurado, Víctor Sánchez, Javi Fuego (Pape Diop, min. 69), Piatti (Rubén Duarte, min. 89), Léo Baptistão e Gerard Moreno.

Goles: 0-1 Léo Baptistão (min. 14); 0-2 Gerard Moreno (min. 29); 1-2 Andone (min. 47).

Árbitro: Mateu Lahoz (c. valenciano). Cartón amarelo a Carles Gil (min. 60), Piatti (min. 78) e Víctor Sánchez (min. 81).

Incidencias: partido correspondente á 36ª xornada de LaLiga Santander disputado no Estadio de Riazor ante 22.803 espectadores.

RCD / J36 LaLiga Santander

  • Lux
  • Álex Bergantiños
  • Juanfran
  • Fernando Navarro
  • Arribas
  • Guilherme
  • Emre Çolak (82')
  • Edu Expósito (46')
  • Celso Borges
  • Ola John (71')
  • Andone

Suplentes

  • Marlos Moreno (71')
  • Bruno Gama
  • Tytoń
  • Fajr (82')
  • Carles Gil (46')
  • Laure
  • Nacho Monsalve
  • Diego López
  • V. Álvarez
  • David López
  • M. Navarro (64')
  • Diego Reyes
  • Víctor S.
  • Piatti (89')
  • Jurado
  • Javi Fuego (69')
  • Gerard
  • Léo Baptistão

Suplentes

  • R. Duarte (89')
  • Caicedo
  • Hernán Pérez
  • M. Roca (64')
  • P. Diop (69')
  • Álvaro
  • Roberto

Estadio

Estadio ABANCA-RIAZOR (22.803 espectadores)

Goles

  • 0-1 (14'). Léo Baptistão
  • 0-2 (29'). Gerard
  • 1-2 (47'). Andone

Árbitro

Antonio Miguel Mateu Lahoz amoestou aCarles Gil (60') do RC Deportivo y Piatti (78'), Víctor S. (81') do RCD Espanyol.

RCD / Vídeo

RCD / Vídeo

Quen foi para ti o máis destacado do DÉPOR ante o Espanyol?

OLA JOHN
59
#ANOSAFORZA
34
ANDONE
17
MARLOS
12
EMRE ÇOLAK
10
EDU EXPÓSITO
7
CARLES GIL
6
ARRIBAS
4
EQUIPO ARBITRAL
4
FAYÇAL FAJR
2
JUANFRAN
1
ÁLEX BERGANTIÑOS
1
F. NAVARRO
1
BORGES
1
EQUIPO TÉCNICO
1
POROTO LUX
0
GUILHERME
0
O periodo de votación finalizou o 14-05-2017 12:00.