RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor faise forte en ABANCA-RIAZOR (2-0)

O Deportivo continúa con paso firme no Estadio ABANCA-RIAZOR, onde após vencer con xustiza e sen sufrimento ao CF Reus Deportiu (2-0) sumou 13 dos 15 puntos que disputou ante a súa afección.

O conxunto branquiazul presentou catro novidades con respecto á formación que saíu de inicio na pasada xornada no Nuevo Arcángel. Michele Somma ocupou a posición do sancionado Pablo Marí no centro da zaga. Diego Caballo entrou no lateral esquerdo en lugar de Saúl. Edu Expósito recuperou a súa posición en mediocampo en detrimento do lesionado Michael Krohn-Dehli. E Pedro, após caerse da titularidade desde a derrota en Alcorcón, regresou ao once inicial en lugar de Carles Gil.

Aos 38 segundos, sen que o Reus –que visitaba por primeira vez nos seus 109 anos de historia o recinto herculino– chegase a tocar o balón, o Deportivo adiantouse no marcador. Carlos Fernández remachou desde o chan un pase da morte de Quique.

O dianteiro andaluz ten desde hoxe a honra de asinar un dos goles máis rápidos da historia do Club branquiazul. A marca histórica tena Amancio, que o día de fin de ano de 1961, en partido de Segunda División, bateu a portería do Basconia cando "non transcorreron máis de 20 segundos", segundo a crónica de La Hoja del Lunes do 1 de xaneiro de 1962.

Antes de que se cumprise o minuto 2, Quique estivo a piques de anotar o segundo tanto, nunha acción similar á do 1-0. Nesta ocasión elixiu disparar. O coiro marchouse cruzado, lambendo o poste dereito do portal visitante.

No minuto 9, un avance veloz do Dépor, conducido polo centro por Pedro, acabou con disparo mordido de Edu Expósito que se escapou mansamente pola liña de fondo, após servizo de Carlos Fernández desde o extremo esquerdo.

Dous minutos despois, o Reus achegouse por primeira vez aos dominios de Dani Giménez, aínda que foi cun lonxanísimo lanzamento de falta de Gus Ledes, desde uns 40 metros. O gardameta deportivista meteu a man polo si ou polo non, co que o esférico acabou en saque de esquina.

Recentemente superada a media hora, Edu Expósito tentouno desde o bordo da área, cun sutil zurdazo que buscaba a cepa do pau esquerdo da portería de Edgar Badía. O balón perdeuse pola liña de fondo.

Até entón, o tramo central da primeira metade deixou un dominio abafador do Dépor, con escasos achegamentos perigosos. O Reus, pola súa banda, só roldou a área local nunha nova falta que esta vez Gus Ledes si colgou á área. Catena cabeceou desviado desde o segundo pau.

No cuarto de hora final do primeiro período, o Reus fíxose con algo máis de dominio territorial e de posesión. De todos os xeitos, o conxunto catalán non chegou a poñer en apertos ao conxunto branquiazul, así que coa vitoria deportivista pola mínima chegouse ao intermedio.

Comezou ben o Dépor a segunda metade, como fixera na primeira. E após varias chegadas con meridiana claridade pero sen chegar a rematar a porta, abriu brecha no marcador. Pedro quedou só ante Edgar Badía após controlar un potente pase cruzado de Vicente Gómez que Gonzalo non foi capaz de desviar. O alacantino, todo tranquilidade, acomodouse o balón para a súa perna dereita e aloxouno no fondo das mallas cun disparo cruzado e alto, imposible para o porteiro visitante.

Até o minuto 72 non volveu producirse unha ocasión clara. De novo gozou dela o Dépor. Álex Bergantiños recuperou unha pelota en campo contrario, lanzou pola dereita en profundidade a Quique e este centrou amornado ao segundo pau. Alí, Carlos Fernández, completamente só, cabeceou picado. Após botar no velocísimo céspede polas constantes trombas de auga caídas durante a segunda metade, a pelota estrelouse no poste dereito do marco reusense.

A un cuarto de hora do final, Juan Domínguez gozou da mellor ocasión para o Reus. O canteirán deportivista, que xogaba en Riazor por primeira vez coa camiseta doutro equipo, cabeceou moi desviado, en posición franca ao bordo da área pequena, un centro de Borjita desde a esquerda.

Pouco despois, no minuto 80, Alfred buscou con picardía o recanto contrario cun disparo con efecto. A pelota marchouse moi preto do poste esquerdo da portería de Dani Giménez.

O gardameta deportivista evitou o gol do equipo tarraconense no minuto 85. Mario Ortiz disparou con toda a intención cara ao mesmo pau que Alfred buscara con anterioridade. O porteiro branquiazul, nunha espectacular estirada, desviou o disparo a saque de esquina.

No minuto 88, Quique estivo a piques de redondear a goleada. Após roubar o coiro a Olmo, soltou un tremendo zapatazo, aínda que excesivamente centrado, que Edgar Badía rexeitou como puido. Nunha acción similar, xa no tempo engadido, tamén o probou Carles Gil, que nesta ocasión non acertou a colocar a pelota entre os tres paus.

Con esta vitoria, a cuarta en cinco partidos en ABANCA-RIAZOR, o Deportivo mantense no grupo de cabeza de LaLiga 1|2|3, con 22 puntos despois de 11 xornadas.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Somma (Bóveda, min. 90+1), Diego Caballo, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Vicente Gómez (Didier Moreno, min. 87), Pedro (Carles Gil, min. 81), Carlos Fernández e Quique.

CF Reus Deportiu: Edgar Badía, Ángel Bastos, Catena, Olmo, Gonzalo (Carbonell, min. 66), Guerrero (Borjita, min. 66), Juan Domínguez, Gus Ledes, Mario Ortiz, Fran Carbià (Alfred, min. 66) e Linares.

Goles: 1-0 Carlos Fernández (min. 1); 2-0 Pedro (min. 54).

Árbitro: Trujillo Suárez (c. tinerfeño). Cartón amarelo a David Simón (min. 48).

Incidencias: partido correspondente á 11ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 15.576 espectadores.