RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor gaña o Memorial Moncho Rivera (7-0) ao Corinthians

O Deportivo impúxose con rotundidade (7-0) ao Corinthians na XIX edición do Memorial Moncho Rivera que se disputou no Estadio Abanca-Riazor.

Custoulle bastante ao Dépor abrir a lata dos brasileiros. Bakkali no minuto 8 estrelou o balón de socato en Filipe, como un minuto antes fíxoo Carlinhos contra Francis nunha das poucas chegadas dos visitantes.

Bruno Gama, tras unha boa xogada individual dentro da área, disparou cruzado despois de que o balón rozase nun defensa. Bruno Gama volveuna a ter no 24 noutro tiro que se marchou fóra por pouco.

Çolak, cun gran detalle de calidade, picando unha vaselina desde a frontal da área, estrelou o balón no traveseiro cando estaba a piques de completarse a primeira media hora de partido.

De novo Bakkali no 30 disparou cruzado nunha boa nova aproximación do Dépor, nunha ocasión que se repetiría, idéntica, cinco minutos despois. A terceira consecutiva do belga despexouna ben a corner Filipe.

A segunda aproximación do Corinthians chegou cun tiro raso e cruzado de Carlinhos desde a frontal da área.

Superado o 40, Óscar Pinchi adiantou ao Dépor tras recoller na frontal da área pequena un balón solto e rematar co exterior da súa perna esquerda para romper o partido antes do descanso.

Tras o descanso, o monólogo do Dépor traduciuse en goles. No 49 Albentosa pescou un balón na área e rematou ben, á media volta, raso, batendo por baixo a Filipe.

Un bo tiro de Borja Valle no 58 que con dificultade rexeitou a corner o gardameta visitante foi o prólogo do terceiro. A seguinte non a fallou Borja, que tras recoller un balón que non chapou Filipe, sumou o primeiro na súa conta particular.

Un minuto despois Edu Expósito, de excelente xogada individual, coou o balón pola escuadra desde a frontal da área anotando o mellor gol da noite.

Non menos elegante foi o quinto tanto, obra de novo de Borja Valle ao adiantarse a defensa e porteiro para marcar de vaselina.

Tras sete cambios simultáneos no Dépor, chegou o sexto obra de Luisinho de cabeza superando por arriba a Filipe.

O último cambio foi o dos porteiros, co debut de Pablo Brea en substitución de Francis. A seis minutos do final, Albentosa puxo o sétimo no marcador rematando de cabeza un bo centro de Luisinho e o epílogo dun partido que será lembrado pola choiva de goles e de solidariedade.

RC Deportivo: Francis (Pablo Brea, min. 79), Gerard, Albentosa, Arribas, Fernando Navarro, Edu Expósito, Emre Çolak, Bruno Gama, Bakkali, Borja Valle e Óscar Pinchi. Juanfran, Saúl, Fede Cartabia, Sidnei, Luisinho, Guilherme e Carlos López entraron no 60 (Albentosa, Bakkali e Borja xogaron os 90 minutos).

Corinthians: Filipe, Samuel, Thiago, Franklin, Renan Areias, Igor, Ramon, Mantuan, Carlinhos, Rodrigo Figueiredo e Marquinhos. Tamén xogaron: Guilherme Borges, Bilu, Luís Henrique e William.

Goles: 1-0 Óscar Pinchi (min. 41), 2-0 Albentosa (min. 49), 3-0 Borja Valle (min. 57), 4-0 Edu Expósito (min. 58), 5-0 Borja Valle (min 67), 6-0 Luisinho (min. 73), 7-0 Albentosa (min. 84)

Árbitro: Rubén Eiriz Mata (C. Galego)

Incidencias: partido benéfico Memorial Moncho Rivera a favor da Cociña Económica e o Banco de Alimentos organizado pola Corporación Hijos de Rivera e o Victoria cunha recadación de 38.629 euros.