RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor Genuine participará na continuación de LaLiga Genuine após 21 meses de parón

O Dépor Genuine volve a LaLiga Genuine, que se retomará esta fin de semana en Salou (Tarragona) despois de case 21 meses de parón debido á pandemia de COVID-19. O Dépor Genuine está entre os 41 equipos que participarán na cita tarraconense, correspondente á última fase da Temporada 2019-2020, que no seu momento non puido finalizarse debido á situación sanitaria e na que os branquiazuis parten en oitava posición.

Andrés Manuel Barbeito, Gabriel Cives, Sergio Díaz, Alejandro Gómez, Saúl Jiménez, Gabriel López, Samuel Martínez, Javier Martínez, Sergio Neto, Alejandro Agustín Pereira, Alberto Piñeiro, Alejandro Rey, Miguel Rivas, José Manuel Serrano, Daniel Trasancos e Cristian Vázquez son os 16 futbolistas convocados. A Fundación San Rafael realizou as probas PCR necesarias a todos eles e ao resto da delegación deportivista para que poidan participar nesta xornada histórica de regreso de LaLiga Genuine.

O Dépor partirá mañá venres 12 de novembro no avión das 09:20 a Barcelona, para posteriormente desprazarse a Salou onde se aloxará no hotel Caribe de Port Aventura. Xa o sábado ás 12:30 enfrontarase ao Real Sporting de Gijón e ás 19:30 ao Gimnàstic de Tarragona. O terceiro e último partido da fin de semana xogarano o domingo ás 09:00 ante o Córdoba CF. Todos os encontros celebraranse no Complex Esportiu Futbol Salou.

Antes de partir, os capitáns do Dépor Álex Bergantiños e Ian Mackay, e as capitás do Dépor ABANCA Cris Martínez e Patri López, entregaron simbólicamente as camisetas de xogo e os brazaletes de capitán a unha representación do equipo encabezada por Lucía Otero, adestradora do equipo xunto a Carlos García.