RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor impón a súa lei na segunda metade do clásico do verán branquiazul

O Deportivo saldou cunha nova vitoria o seu segundo compromiso de pretemporada, o seu 25º duelo ante o Racing Villalbés, un dos grandes clásicos do verán desde fai tres décadas, e a súa 30ª visita á capital da Terra Chá.

O técnico deportivista, Borja Jiménez, dispuxo de inicio un once cos dez xogadores máis novos do cadro, na súa maioría fabrilistas, xunto ao porteiro Edu Sousa. Entre eles, o recentemente chegado Tim Caroutas, primeiro futbolista australiano e oceánico nos 116 anos de historia do Deportivo.

O encontro comezou cun penalti a favor dos locais, cometido por Retu sobre Rares, que transformou Pablo Rey enganando ao gardameta branquiazul. Os deportivistas tiveron dúas boas opcións para volver equilibrar a contenda antes do minuto 10, por medio de Retu e Jairo. O primeiro zurdazo, á saída dun córner, atrapouno Bugy e o segundo, desde fóra da área, foise lambendo o pau esquerdo do marco local.

Xusto á media hora, Martín Ochoa tivo o gol na súa cabeza cunha cabezada picada que sacou co pé un defensa local. Os deportivistas provocaron numerosos saques de esquina froito do seu dominio do partido. No último deles, a piques de cumprirse o minuto 45, Dani Barcia cabeceou con limpeza completamente só pero o balón perdeuse á esquerda da portería verdivermella.

Como o pasado sábado en Ponte dos Brozos, Borja Jiménez cambiou todo o once no arranque da segunda parte. Un once que ben podería ser o que inicie a liga deica pouco menos dun mes e que en sete minutos xa lle deu a volta ao marcador, grazas a un zurdazo de Raúl Carnero, que empalmou un balón solto desde o bordo da área, e unha cabezada de Santamaría a centro de Antoñito desde o extremo dereito.

Santamaría estivo preto do gol de novo superada a hora de xogo, pero non chegou por pouco a un centro-chute de Quiles. No 70, Lapeña cabeceou rozando o recanto un saque de esquina. A pouco menos dun cuarto de hora da conclusión, Santamaría fixo o segundo gol da súa conta particular, após controlar co peito un centro á área e rematar coa dereita á media volta moi lonxe do alcance de Santomé.

Pouco despois, unha parede entre Quiles e Mario Soriano deixou ao primeiro só ante o porteiro, que rexeitou o seu disparo. A dous minutos da conclusión, foi o segundo deles quen pechou o marcador co cuarto gol coruñés, ao definir ante a saída do gardameta rojiverde un balón de Álex Bergantiños ás costas da defensa local.

Racing Club Villalbés: Bugy (Santomé, min. 46), José Varela, Vérez (Joel López, min. 46), Javi Varela, David Buyo, Rares (Diego, min. 46), Noel (López, min. 46), Make (Álex G., min. 79), Álex Pérez (Migui, min. 79), Pablo Rey (Hugo Fernández, min. 64) e Santi Gegunde (Javi Rey, min. 46).

RC Deportivo: Edu Sousa (Pablo Brea, min. 26) (Mackay, min. 46), Marcel (Antoñito, min. 46), Puerto (Lapeña, min. 46), Dani Barcia (Jaime, min. 46), Retu (Raúl Carnero, min. 46), Brais Val (Diego Villares, min. 46), Jairo (Álex Bergantiños, min. 46), Tim Caroutas (Quiles, min. 46), Yeremay (Mario Soriano, min. 46), Mella (Víctor Narro, min. 46) e Ochoa (Santamaría, min. 46).

Goles: 1-0 Pablo Rey, de penalti (min. 2); 1-1 Raúl Carnero (min. 50); 1-2 Santamaría (min. 52); 1-3 Santamaría (min. 78); 1-4 Mario Soriano (min. 88).

Árbitro: Méndez López (c. galego). Non mostrou cartóns.

Incidencias: segundo partido amigable da pretemporada 2022-2023 Dépor Xira Integralmotion disputado no Campo da Magdalena ante preto dun milleiro de espectadores.