RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor leva máis que tres puntos de Granada (0-1)

O Deportivo asinou o resultado desexado fronte ao Granada, xa que a vitoria non só serviu para superar na clasificación ao equipo branquivermello, senón que, pensando no desenlace da competición, garante ao Dépor o golaverage particular fronte a un dos equipos destacados do campionato.

Para conseguilo, Natxo González mantivo a base defensiva da partida fronte ao Tenerife. Os cambios chegaron no centro do campo co regreso de Pedro Mosquera en lugar de Didier Moreno e a permuta arriba coa entrada de Fede Cartabia en lugar de Christian Santos, provocando ademais un cambio de sistema inicial a un 4-1-4-1.

No once de saída Álex Bergantiños, que se enfrontaba a un dos seus exequipos lucindo o brazalete de capitán e enfundándose a camiseta do Dépor por ocasión número 200 en partido oficial co primeiro equipo, o que o sitúa no top-50, entre os máis de 1.000 xogadores que tivo o Dépor, en número de partidos disputados.

O dominio de balón foi para o Deportivo no primeiro cuarto de encontro. A pesar diso, os corazóns dos deportivistas aceleráronse cun balón atrás cara a Dani Giménez que o porteiro branquiazul sacou con criterio, pero esperando a que estivese a tan só unha cuarta da liña de gol.

Un tiro de Borja Valle desviado por Germán e que se envelenou para a parada de Rui Silva foi o prólogo da primeira gran ocasión do Dépor, unha parede na frontal entre Cartabia e Caballo que acabou finalizando o arxentino cun gran tiro que se marchou a escasos centímetros da portería nazarí.

No minuto 25 chegou un bo remate de Ramos un tanto forzado que sacou a córner a unha man Dani Giménez. Ao remate do córner a Granada dispuxo da súa primeira gran ocasión co disparo de Martínez con potencia ao traveseiro.

No minuto 32 o Dépor anotou un gol por mediación de Quique, anulado após unha falta previa no remate que non existira por parte de ningún dos xogadores que subiron a rematar a falta botada por Fede Cartabia ao segundo pau.

No 38 Borja serviu un bo balón para Quique que o dianteiro branquiazul non puido rematar a porta ao perder o control na recepción, control que tamén se lle foi, neste caso na asistencia, a Fede Cartabia instantes despois. As imprecisións nos últimos metros, en área local e visitante, marcaron a segunda metade do primeiro tempo.

Na continuación o Dépor atopou pronto premio á súa presión alta. Un balón que quería sacar a zaga local en longo pegou no costado de Fede Cartabia que deu un involuntaria pero traballada asistencia a un Quique González que lle pegou con toda a alma, raso, para bater a Rui Silva e pór o 0-1 no marcador con 40 minutos de partido por diante.

Camiño do 60 o Granada pediu penalti por agarrón de Pablo Marí a Germán dentro da área á saída dun córner, acción que o colexiado madrileño ordenou continuar.

A segunda parte foise por uns camiños diferentes á primeira, con menos chegadas de ambos os equipos, xogo máis trabado e choques contundentes no centro do campo entre os contendentes.

Unha boa condución entre o recentemente entrado Nahuel, Pedro Mosquera e Borja Valle concluíu cun pase atrás ao centrocampista coruñés por parte do berciano que Mosquera rematou desde a frontal con rosca pero sen a potencia suficiente para sorprender ao porteiro local.

O seguinte en tentalo, a quince do final, foi o propio Borja disparando alto.

A dez minutos do noventa, xusto após a entrada de Didier Moreno por Pedro Mosquera, produciuse a xogada máis polémica do partido, aínda que indubidablemente clara. O colexiado inicialmente concedeu gol de Puertas, pero todo o Dépor e o asistente viron como o xogador nazarí rematara coa man ao fondo da portería de Dani Giménez. A xogada quedou nun susto para o Dépor e toleou os últimos minutos de partido, nos que foi expulsado Yván Castillo do banco branquiazul.

No medio da tolemia, que acabou tamén coa quinta amarela para Domingos Duarte e a expulsión con vermella directa por unha acción na que Nahuel non golpea ao rival, Dani Giménez salvou o empate nun remate franco a escasos metros da portería. Foi a xogada clave dun desenlace de partido marcado pola tensión, as expulsións e as faltas constantes para deixar acabar un partido fundamental.

Cos 3 puntos o Dépor supera ao Granada na clasificación e garántese o golaverage particular após as dúas vitorias branquiazuis ante os granadinos. Un triunfo que mantén ao equipo a menos dun partido do liderado e que insufla confianza após asinar pleno nos dous últimos partidos lonxe de ABANCA-RIAZOR.

Granada CF: Rui Silva, Germán, Víctor Díaz, Martínez, Quini, Montoro, Fede, Pozo, Fede Vico (Dani Ojeda, min. 79), Vadillo (Antonio Puertas, min 65) e Adrián Ramos (Rodri, min. 55).

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Pedro Mosquera (Didier Moreno, min. 79), Borja Valle (Michele Somma, min. 87), Fede Cartabia (Nahuel, min. 66) e Quique González.

Árbitro: Pizarro Gómez (C. Madrileño). Amoestou a David Simón (min. 18), Montoro (min. 68), Antonio Puertas (min. 80), Rodri (min. 80), Ramos (min. 84) Didier Moreno (min. 85), Diego Caballo (min. 90), Domingos (90+2), Quini (90+2).

Goles: 0-1 Quique González (min. 49).

Incidencias: partido correspondente á 25ª xornada de LaLiga 1|2|3 disputado no Novo Os Cármenes ante 13.128, máis dun centenar deles afeccionados do Dépor.