RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor liquida ao Zaragoza a balón parado en 45 minutos (3-1)

O Deportivo derrotou ao Zaragoza no Estadio ABANCA-RIAZOR nun partido no que todos os goles chegaron na primeira metade e tralo que os branquiazuis, que alcanzan os 13 partidos consecutivos sen coñecer a derrota, volven colocarse en postos de ascenso directo.

Natxo González, preparador branquiazul, efectuou tres modificacións con respecto ao once inicial que presentou na pasada xornada fronte ao Numancia. Diego Caballo regresou ao lateral esquerdo en detrimento do sancionado Saúl, Álex Bergantiños recuperou a súa posición na medular en lugar de Pedro Mosquera e Pedro Sánchez substituíu na mediapunta a Carles Gil.

O primeiro disparo a porta chegou no minuto 3 de encontro. Foi un intento sen demasiada fe de Lasure, lateral zurdo do conxunto maño. Con anterioridade, Borja Valle realizara unha boa internada, pero Pedro non puido controlar o seu pase no bordo da área.

Dani Giménez tivo que intervir por primeira vez no minuto 5, nun remate de Álvaro Vázquez a centro de Guti.

Con todo, no minuto 8 adiantouse o Dépor. Pedro Sánchez sacou unha falta lonxana que o conxunto aragonés defendeu coa liña moi lonxe da súa portería. No canto de buscar o centro, o alacantino buscou por baixo a Borja Valle, que cruzou cun perfecto zurdazo ante a saída de Cristian Álvarez. O balón aloxouse no fondo das mallas após impactar na parte interior do poste esquerdo do portal visitante.

O marcador volveuse a equilibrar cinco minutos despois, cando o colexiado sinalou penalti por man de Vicente Gómez. O capitán maño, Javi Ros, encargouse de transformar a pena máxima no tanto do empate.

Após un longo período de moito xogo no centro do campo, escasas chegadas á área e ningún remate a porta, o Deportivo volveu adiantarse no marcador cando se cumpría a media hora. Unha falta na mesma zona que a que orixinou o 1-0, colgouna esta vez Pedro ao segundo pau, buscando a entrada dos centrais. Domingos Duarte gañou o salto e superou a Cristian Álvarez cunha certeira cabezada. Foi o cuarto gol do portugués no que vai de temporada.

De novo entrou o partido nun terreo de ninguén, con escasas accións dignas de mención, ata que Lasure cometeu un claro penalti sobre Edu Expósito, cando se dispuña a remachar un preciso centro de Diego Caballo. Quique transformou o máximo castigo no 3-1, a súa décima diana en 15 aparicións na presente campaña.

Coa clara vitoria branquiazul chegouse ao descanso, tralo cal Lucas Alcaraz, adestrador do conxunto zaragocista, substituíu ao porteiro Cristian Álvarez por Ratón.

Os primeiros compases do acto complementario discorreron na mesma tónica xeral do período inicial. Ambos os equipos tratando de controlar en maior medida a posesión e poucas accións ofensivas en ambas as áreas. Como no primeiro tempo, o primeiro disparo a porta tamén o puxo o Zaragoza. Probouno Marc Gual, no minuto 52, desde a frontal da área. A pelota marchouse por riba do traveseiro do marco de Dani Giménez.

Non foi até o minuto 68 cando se produciu unha nova xogada perigosa. O Dépor engarzou unha bonita acción pola dereita do seu ataque, que concluíu con Vicente Gómez lanzando en profundidade a Bóveda. O pase da morte do vasco rematouno Borja Valle, pero con Ratón tan encima que o gardameta visitante fíxose co esférico. Segundos despois, de novo o dianteiro berciano tentouno, ao recuperar un balón nunha mala saída desde atrás do cadro maño. O seu derechazo estrelouse no lateral da rede da portería do Zaragoza.

Os visitantes, que durante moitos minutos deron sensación de baixar os brazos, non volveron poñer a proba a Dani Giménez até o minuto 82. Foi nun duro lanzamento de Marc Gual que o porteiro branquiazul non puido atrapar. Pablo Marí conxurou o perigo cando os dianteiros zaragocistas tentaban pescar o rexeite.

Cando se cumpría o minuto 90, Carles Gil tentou sorprender desde moi lonxe a Ratón, após desfacerse de Verdasca cun caño. O lanzamento do valenciano escapouse á esquerda do marco visitante.

Con esta vitoria, a Deportivo conta por triunfos a metade dos seus partidos (9 de 18) e sitúase con 35 puntos, a só 2 do Granada, líder de LaLiga 1|2|3. Os branquiazuis gañaron 23 dos 27 puntos disputados en ABANCA-RIAZOR e alcanzan por segunda vez na súa historia (en 88 temporadas de Liga) a 18ª xornada con 1 soa derrota. A única vez data do curso 1996-1997, en Primeira División.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Domingos Duarte, Pedro Marí, Diego Caballo, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Vicente Gómez (Krohn-Dehli, min. 69), Pedro (Fede Cartabia, min. 90+1), Borja Valle (Carles Gil, min. 83) e Quique.

Real Zaragoza: Cristian Álvarez (Ratón, min. 46), Alberto Benito, Verdasca, Guitián, Neto, Lasure (Igbekeme, min. 54), Pep Biel, Javi Ros, Guti (Pombo, min. 60), Marc Gual e Álvaro Vázquez.

Goles: 1-0 Borja Valle (min. 8); 1-1 Javi Ros, de penalti (min. 13); 2-1 Domingos Duarte (min. 30); 3-1 Quique, de penalti (min. 44).

Árbitro: Pulido Santana (c. Las Palmas). Cartón amarelo a Vicente Gómez (min. 12), Verdasca (min. 30), Lasure (min. 43), Igbekeme (min. 62), Marc Gual (min. 70) e Alberto Benito (min. 89).

Incidencias: partido correspondente á 18ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 14.368 espectadores.