RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor pecha a pretemporada con bo sabor de boca (3-2)

O Deportivo pechou a pretemporada impoñéndose ao Pontevedra CF nun encontro disputado en Ordes, no que os branquiazuis se mostraron superiores ao seu rival durante todo o encontro. O conxunto granate, que militará esta temporada en 2ª RFEF, adiantouse no marcador nada máis comezar o encontro, pero os deportivistas déronlle a volta pronto e nos primeiros minutos da segunda metade abriron unha brecha ao cabo definitiva.

A primeira metade tivo clara cor branquiazul, aínda que o Pontevedra CF adiantouse na primeira oportunidade en que pisou a área herculina. Un córner ao primeiro pau golpeou no brazo de Miku e o colexiado sinalou o punto fatídico. Desde o mesmo, Oier Calvillo enganou a Mackay para abrir o marcador. Corría o minuto 4.

O Dépor, exercendo unha presión moi alta, até entón chegara nun par de ocasións aos dominios de Cacharrón, aínda que sen poñelo a proba. As primeiras oportunidades chegaron máis tarde. Primeiro, nunha internada de Miku pola dereita, cuxo disparo rexeitou a córner Churre lanzándose ao chan. Despois, nun dereitazo de William após rexeite en curto da defensa granate que foi a mans do porteiro pontevedrés. E finalmente, nun lanzamento desde fóra da área de Villares que tamén atallou Cacharrón.

O empate chegou xusto no ecuador da primeira metade. Quiles recuperou a pelota na saída da mesma por parte da zaga granate e serviu en profundidade cara á esquerda para William, que definiu ante a saída de Cacharrón. Nin cinco minutos pasaran cando o Dépor volteou o marcador. Unha internada de William, lanzado en profundidade por Menudo, concluíuna o sevillano levando o coiro ao fondo das mallas tralo pase da morte do brasileiro.

O brasileiro, que protagonizou unha gran primeira metade, tivo nas súas botas o terceiro ao fío da media hora. Nesta ocasión tratou de rizar o rizo e iso permitiu que Jacobo puidese refacerse para abortar o perigo.

Os branquiazuis comezaron a segunda metade na mesma liña que desenvolveron os primeiros 45 minutos. Miku puido marcar no 49 após recibir un balón interior de pés de Álex Bergantiños, pero o seu zurdazo desviouno levamente David Soto e foise a saque de esquina. Un minuto máis tarde, Quiles non puido rematar polos pelos un servizo desde a esquerda de Aguirre.

Acto seguido, chegou o terceiro tanto branquiazul, nunha pena máxima por man de Samu Araújo nun centro de Miku. O propio internacional venezolano bateu a Cacharrón.

Aos dez minutos da segunda metade, Quiles tivo nas súas botas a sentenza. O zurdazo do dianteiro onubense, desde a frontal da área após recibir un balón de pés de William, marchouse lambendo o poste esquerdo da portería granate.

O Pontevedra CF entón veuse arriba e ao fío da hora de xogo, Brais Abelenda estrelou no pau un disparo mordido. Pouco despois, Alberto Rubio recortou distancias, rematando a porta baleira despois de que a Mackay escapáseselle das mans un centro chovido ao chocar co seu compañeiro Jaime.

Nos minutos finais, os branquiazuis tiveron varias ocasións ao contragolpe para pechar o partido. Non o conseguiu Miku, que non chegou a desviar por centímetros un servizo por baixo desde a esquerda de William. E tampouco o propio William, despois de recibir de botas de Quiles e perfilarse para buscar o recanto contrario. O coiro foise por riba do traveseiro. O marcador non se moveu, co que o Deportivo pechou a pretemporada cun triunfo.

RC Deportivo: Mackay, Iván Guerrero, Lapeña, Jaime, Aguirre, Álex Bergantiños, Diego Villares, Quiles, Menudo (Brais Val, min. 70), William e Miku (Davo, min. 74).

Pontevedra CF: Cacharrón, Jacobo (Diego Seoane, min. 60), Churre, David Soto, Samu Araújo, Brais Abelenda (Fabio, min. 82), Javi Rey, Miguel Román (Romay, min. 46), Oier Calvillo (Martín Diz, min. 46), Rufo (Charles, min. 60) e Álex González (Alberto Rubio, min. 60).

Goles: 0-1 Oier Calvillo, de penalti (min. 4); 1-1 William (min. 21); 2-1 Menudo (min. 25); 3-1 Miku, de penalti (min. 51); 3-2 Alberto Rubio (min. 67).

Árbitro: Ferrol Muñiz (c. galego). Cartóns amarelos a Jacobo (min. 7) e Samu Araújo (min. 41).

Incidencias: último partido da Dépor Xira 2021 disputado o Campo de Vista Alegre (Ordes). Cheo con aforamento reducido.