RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor pecha con vitoria os amigables de pretemporada

O último encontro de pretemporada do Dépor tivo como escenario o mesmo terreo de xogo que o debut da preparación, Ponte dos Brozos en Arteixo, pero un elenco de xogadores máis reducido para apurar os axustes de cara ao inminente inicio da competición oficial.

O partido comezou con moito ritmo e intercambio de chegadas. Soriano no minuto 7 após combinar con Quiles puido abrir o marcador, nunha chegada que foi o prolegómeno ao man a man entre Gorka Santamaría e Canedo que gañou ben, abaixo, o porteiro bergantiñán. Tanto os carballeses como o Dépor tentárono case alternativamente no primeiro cuarto de hora de partido, que foi o que tardou o Dépor en abrir a lata nunha xogada por banda dereita de Trilli que acabou rematando de semi volea Quiles para estrear a portería de Ponte dos Brozos que, a pesar das ocasións, resistíraselle no primeiro partido da pretemporada.

Mario Soriano puido facer o segundo ao desmarcarse dentro da área e recibindo entre liñas de Narro, pero a pesar de exceder ao porteiro, a zaga branca foi capaz de evitar o tanto. A resposta do Bergan foi un remate de Carlos López case sobre a liña que salvou cuns grandes reflexos Ian Mackay. E axilidade mostrou 5 minutos despois cunha gran estirada para evitar o gol, desde fóra da área, de Adri. E a terceira seguida, a man cambiada para evitar a vaselina de Carlos. E até catro abaixo coas pernas e a man ante Adri.

Após a serie de ocasións carballesas, de novo Soriano tivo nas súas botas o segundo nunha gran e veloz contra na que Narro recortou dentro de área e serviu para que Soriano rematase con decisión antes de que aparecesen, milagrosas, as mans de Canedo para blocar. O Bergantiños mostrou acerto case no límite do primeiro tempo cun recorte dentro da área de Boedo que viu o oco entre defensas e porteiro para pór o 1-1 co que se chegou ao descanso.

O mal sabor da igualada ao bordo da pausa enxuagouse rápido grazas a unha boa xogada por banda dereita do equipo. O pase en profundidade de Mario Soriano recibiuno Trilli para deixar o pase da morte a un Gorka Santamaría que non perdoou e que a punto estivo de facer tamén o terceiro nun disparo raso que se marchou a escasos centímetros da cepa do poste.

A partir de aí o partido perdeu intensidade nas áreas e as chegadas e ocasións foron tímidas por ambas as partes, con só cambio de laterais no Dépor e moitas rotacións no Bergantiños, aínda cunha semana máis por diante que o Deportivo para pensar na competición oficial.

RC Deportivo: Mackay, Trilli (Antoñito, min. 74), Lapeña, Jaime, Raúl Carnero (Retu, min. 80), Olabe, Rubén Díez, Quiles, Soriano, Víctor Narro e Gorka Santamaría

Bergantiños FC: Canedo (Pablo, min. 87), Palomares (Dani, min. 87), Chapu (Tomé, min. 65), Iván (Pedrosa, min. 65), Carlos López, Remeseiro (Meixús, min. 76), Uzal, Boedo (Dieguito, min. 65), Antón, Adri (Iago, min. 87) e Alberto (Sellés, min. 80).

Goles: 1-0 Quiles (min. 16); 1-1 Boedo (min. 44); 2-1 Gorka Santamaría (min. 47)

Árbitro: Fernández Rodríguez (c. Galego). Amoestou a Jaime (min. 43), Uzal (min. 60) e Palomares (min. 86)

Incidencias: sexto partido amigable da pretemporada do Dépor 2022-2023, da Dépor Xira Integralmotion, disputado en Ponte dos Brozos (Arteixo). Cheo.