RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor perde dous puntos de ouro na última xogada (2-2)

O Deportivo empatou na súa visita ao San Fernando CD Isleño un partido ao que lle deu a volta e que non foi capaz de pechar nos minutos finais ao encaixar o tanto definitivo na última xogada do partido.

O técnico deportivista, Óscar Cano, realizou catro cambios, un por liña, con respecto ao equipo que se impuxo na pasada xornada ao CF Rayo Majadahonda en ABANCA-RIAZOR. Mackay regresou á portería, após cumprir sanción, en detrimento de Edu Sousa. En defensa, Orest Lebedenko estreouse co equipo branquiazul suplindo a Adrián Lapeña, co que Pablo Martínez regresou ao centro da zaga. Rubén Díez, recuperado da súa lesión, volveu ao once en lugar de Mario Soriano. E en ataque, o segundo debutante do día, Kike Saverio, ocupando a praza de Víctor Narro.

A primeira ocasión do partido, cando non transcorreran nin 120 segundos de xogo, tívoa Dani Aquino para o conxunto gaditano, nun balón longo ás costas dos centrais coruñeses. Mackay tapou o dereitazo de socato do dianteiro local, desviando a pelota a saque de esquina. O Dépor respondeu no minuto 5, cunha cabezada picada de Quiles a centro de Diego Villares que Perales atrapou con dificultades en dous tempos.

Lucas Pérez, no seu partido oficial número 100 coa camiseta branquiazul, apareceu ao cuarto de hora nun rápido saque de banda para tirar un autopase a un defensa pero Perales saíu xusto para anticiparse ao dianteiro coruñés lanzándose aos seus pés.

No minuto 19, os deportivistas reclamaron penalti sobre Quiles cando controlaba un pase atrás de Antoñito desde a liña de fondo. Na contra, Manu Farrando disparou de lonxe a mans de Mackay. Un novo contragolpe local produciuse no minuto 22. Este acabou cun un contra un de Biabiany ante Lebedenko e disparo desviado do francés, á esquerda da portería herculina. Máis clara foi a ocasión de Rubén del Campo, no minuto 35, nun man a man con Mackay no que enviou o esférico á dereita da portería herculina.

Ao fío do minuto 40 o colexiado castigou con penalti unha man de Olabe nunha falta colgada por Bicho. Biabiany transformouno, enganando a Mackay, no primeiro tanto do encontro. Con todo, o Dépor repúxose con celeridade e igualou a contenda no primeiro minuto de tempo engadido. Rubén Díez empalmou un dereitazo desde o bordo da área que colleu completamente a contrapé a Perales, após un despexe de cabeza en curto da zaga gaditana a un longo saque de banda de Lebedenko. Foi o terceiro tanto do curso para o volante aragonés.

O Dépor veuse arriba e puido dar a volta ao marcador antes de que o árbitro sinalase o descanso. Primeiro, nun disparo franco de Saverio, á esquerda do portal insular. Despois, nun durísimo zurdazo de Lucas á media volta que se foi por riba do traveseiro.

A segunda metade comezou con maior equilibrio, cun tenteo de forzas e intencións que alcanzou practicamente o primeiro cuarto de hora deste período. Ata que no minuto 59, Quiles estivo a punto a adiantar ao Dépor cun intencionado disparo desde fóra da área, despois dunha parede en mediocampo con Rubén Díez, que se foi por riba do traveseiro. Ese mesmo traveseiro quedou tremendo tres minutos máis tarde, cando estrelou a pelota no mesmo Lucas cun soberano canonazo desde 25 metros. O propio Lucas viu como o colexiado, a instancias do seu asistente, anuláballe un tanto por fóra de xogo no minuto 73. As repeticións non axudaron a aclarar unha acción moi protestada polo '7' branquiazul.

Con todo, no minuto 79 si foi válido o tanto de Alberto Quiles, que remachou un balón solto na área após varios rexeites nun córner botado por Lucas. O dianteiro onubense asinou a súa novena diana na presente campaña ligueira.

O Deportivo mandaba no marcador e non sufría en defensa. Mesmo dispuxo dunha falta en campo contrario a pouco máis dun minuto de que se alcanzasen os 4 de tempo engadido que sinalizara o colexiado. Pero nun córner que acabou cedendo xusto cando se cumpría a prolongación, e que o árbitro permitiu sacar, o San Fernando CD Isleño logrou o empate nunha cabezada de José Carlos.

Con esa postremeira igualada, os branquiazuis non puideron aproveitar os tropezones do AD Alcorcón, que empatou en Santo Domingo ante a Real Balompédica Linense, do Córdoba CF, que caeu no Nuevo Arcángel fronte ao RC Celta B, e do RM Castilla, que empatou en Pasarón. Así pois, os branquiazuis mantéñense a 4 puntos do liderado e rebaixan a 6 a súa vantaxe sobre o sexto clasificado, o primeiro que non ten dereito a disputar o playoff de ascenso a Segunda.

San Fernando CD Isleño: Perales, Manu Farrando (Lanchi, min. 84), José Carlos, Sergio Ayala, Rafa Páez, Alfonso Martín (Ceberio, min. 75), Dani Molina, Biabiany, Bicho (Juanmi Callejón, min. 84), Gabri e Dani Aquino (Del Campo, min. 27).

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Jaime, Martínez, Lebedenko, Rubén Díez (Mario Soriano, min. 74), Olabe, Diego Villares, Quiles (Pepe Sánchez, min. 90+1), Lucas e Saverio (Kuki Zalazar, min. 65).

Goles: 1-0 Biabiany, de penalti (min. 40); 1-1 Rubén Díez (min. 45+1); 1-2 Quiles (min. 79); 2-2 José Carlos (min. 90+5).

Árbitro: García Gómez (c. estremeño). Cartón amarelo a Alfonso Martín (min. 43), Biabiany (min. 50), Quiles (min. 53) e Olabe (min. 55).

Incidencias: partido da 21ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio Iberoamericano 2010, en San Fernando, ante 3.241 espectadores.