RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor regresará 46 anos despois ao Trofeo Teide, o vindeiro 12 de agosto

O RC Deportivo enfrontarase o vindeiro 12 de agosto ao CD Tenerife con motivo do XLVII Trofeo Teide, torneo de verán cuxa primeira edición, hai 46 anos, conquistou o equipo branquiazul.

Herculinos e chicharreiros disputarán a 47ª edición do Trofeo Teide o sábado 12 de agosto, no Estadio de Los Cuartos, na localidade de La Orotava, 35 quilómetros ao oeste de Santa Cruz de Tenerife. A hora de inicio do choque aínda está pendente de confirmación.

O Deportivo disputou, o 11 de agosto de 1971, o primeiro partido da historia deste trofeo. Na primeira semifinal do I Trofeo Teide, os branquiazuis impuxéronse ao UD Orotava por 1-3. O cadro anfitrión adiantouse no marcador aos poucos segundos de iniciado o choque. Con todo, o Dépor xa remontou antes do descanso, con tantos de Arzola (uruguaio que se atopaba a proba), Manolete e Pepe Vales. Dirixido por Arsenio Iglesias, o equipo coruñés formou aquel día con Seoane; Belló, Luis, Zugazaga, Cholo (Cobas); Pepe Vales, Manolete, Cervera; Cortés (Lavín), Arzola (Beci) e Villar -arxentino a proba- (Rubiñán).

Na final, xogada o 15 de agosto de 1971, o RC Deportivo derrotou por 0-2 ao CD Puerto Cruz, que eliminara ao Real Unión de Tenerife. Beci foi o autor dos dous tantos, nos minutos 69 e 74. A aliñación deportivista foi a composta por Seoane; Belló, Luis, Zugazaga, Cholo; Pepe Vales (Lavín), Manolete, Cervera; Cortés, Arzola (Beci) e Villar (Rubiñán).

O Trofeo Teide dispútase ininterrompidamente desde aquel 1971. O CD Tenerife é o equipo que máis veces o gañou (23), moi por diante do seguinte conxunto, o Real Madrid Castilla, que o conquistou en 4 ocasións. No palmarés no que figura o Dépor tamén aparecen outros clubs importantes como Valencia, Valladolid, UD Las Palmas, Real Sociedad, Espanyol, o Peñarol uruguaio, o Botafogo brasileiro ou o Universidad Católica chileno.

Dépor e Tenerife medíronse por última vez na Temporada 2013-2014, en Segunda División, con vitoria canaria no Heliodoro Rodríguez López (2-0) na primeira volta e empate en Riazor (1-1) na segunda.

Estes son os 12 partidos confirmados ata o momento para a pretemporada do primeiro equipo deportivista:

13 de xullo: Racing Villalbés - Deportivo (A Magdalena, Vilalba)
14 de xullo: Arousa - Deportivo (A Lomba, Vilagarcía de Arousa)
15 de xullo: Silva - Deportivo (Campus Universitario de Elviña, A Coruña)
18 de xullo: Cerceda - Deportivo (O Roxo, Cerceda)
20 de xullo: Somozas - Deportivo (Manuel Candocia, Somozas)
22 de xullo: Bergantiños - Deportivo (As Eiroas, Carballo)
25 de xullo: Pontevedra - Deportivo (Pasarón, Pontevedra)
27 de xullo: Racing de Ferrol - Deportivo (A Malata, Ferrol)
30 de xullo: FC Porto - Deportivo (O Dragão, Porto)
3 de agosto: Real Oviedo - Deportivo (Carlos Tartiere, Oviedo)
5 de agosto: Deportivo - West Bromwich Albion (Riazor)
12 de agosto: Tenerife - Deportivo (Los Cuartos, La Orotava)