RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor rema a favor de corrente en ABANCA-RIAZOR (3-0)

O Deportivo retomou en ABANCA-RIAZOR a senda da vitoria, a décima en 16 xornadas, ante un Real Valladolid Promesas fronte ao que sumou o seu undécimo partido coa portería a cero. Un temperán gol de Quiles, outro do andaluz na segunda metade e un terceiro de Mario Soriano liquidaron ao filial valisoletano.

Borja Jiménez, preparador deportivista, realizou tres cambios con respecto ao once titular que presentou o sábado pasado na Malata. Trilli entrou por Víctor García no lateral dereito e Borja Granero por Lapeña no centro da zaga, mentres que Diego Villares deixou o equipo inicial en favor de Noel. Con esta última modificación, o equipo formou nun 4-4-2 moi ofensivo, posto que as bandas ocupáronas dous dianteiros como Quiles e William.

O filial valisoletano foi o primeiro en achegarse á portería contraria, nunha chegada polo extremo esquerdo que rematou Dali moi desviado, cando non transcorreran 120 segundos de xogo. O Dépor respondeu con celeridade, no minuto 4, noutra acción similar pero pola dereita do ataque coruñés que William, ao bordo da área pequena, rematou ás nubes a servizo de Quiles.

Foi precisamene o dianteiro andaluz o que abriu a lata pouco despois, no minuto 6. Miku fíxose oco no extremo esquerdo, contemporizou para provocar que o desmarque de Noel cara ao primeiro pau arrastrase ao último defensa visitante e despois puxo un balón raso ao punto de penalti, onde chegou Quiles completamente liberado para fusilar a Samu Casado cun zurdazo imparable.

Recentemente superado o cuarto de hora, chegou o momento da polémica. Miku cabeceou con potencia un saque de esquina, Samu Casado rexeitou o esférico en gran estirada e este caeu a pés de Borja Granero que, cando ía remachar, foi claramente agarrado por un defensa e mandou a pelota ás nubes. A pesar das airadas protestas do central valenciano, o colexiado non sinalou o claro penalti.

O Real Valladolid Promesas espertou do seu letargo a continuación, con dous ataques que acabaron en disparos. Primeiro, por medio de Víctor Narro, que mandou o balón á esquerda do portal coruñés. Despois, nun lanzamento frouxo desde o bordo da área de Lucas Rosa, que detivo Mackay sen dificultade.

O partido entrou entón nunha fase de maior igualdade, con algunhas accións de perigo en ambas as áreas, pero sen remates dignos de mención, até o minuto 41. Foi nese momento cando o filial valisoletano botou un córner ao primeiro pau que Chuki rematou de calcaño, polo que adquiriu un gran efecto e escapóuselle das mans a Mackay, que puido detelo en dous tempos.

Tralo paso polos vestiarios, Noel quedou na caseta e Borja Jiménez deu entrada a Mario Soriano, a pesar do cal o Dépor mantivo o seu debuxo táctico, xa que o xogador madrileño acompañou a Miku no centro do ataque.

O Real Valladolid Promesas deu un paso adiante na segunda metade, o que lle levou a achegarse con perigo en dúas ocasións nos primeiros minutos. No minuto 49, Moha Moukhliss disparou alto desde o bordo da área. No 51, Lucas Rosa recortou cara a dentro e coa esquerda buscou o recanto contrario, que non atopou por escasos centímetros. O conxunto visitante non estivo máis preto do gol en todo o partido.

O Dépor recuperou o mando pronto. No minuto 54, Borja Granero cabeceou con clara vantaxe un saque de esquina, pero non impactou de cheo no coiro, que se foi moi á dereita da portería valisoletana. Tres minutos máis tarde chegou o 2-0. Quiles desviou coa súa coxa dereita unha cabezada de Miku a centro desde a esquerda de Héctor Hernández, para colocarse de novo como máximo goleador branquiazul, con 7 tantos.

O conxunto visitante dispuxo dun perigoso libre directo, no minuto 68, que botou Moha Moukhliss por riba da barreira. Respondeu magníficamente Mackay, quedándose co esférico. Dous minutos despois, chegou o terceiro e definitivo tanto, nunha xogada de estratexia. Juergen Elitim lanzou un saque de esquina raso e con forza cara ao punto de penalti ao que chegou veloz desde atrás, cara ao primeiro pau, Mario Soriano, que cun potente dereitazo por alto anotou o seu primeiro gol como deportivista.

Os branquiazuis puideron acabar goleando. O Dépor dispuxo de tres claras oportunidades no último cuarto de hora. A primeira, nun contragolpe que conduciu Juergen, con pase final cara á dereita para Quiles, que coa súa perna menos boa estrelou o balón no poste. A segunda, nun remate de Miku á media volta que golpeou en Quiles cando ía cara a dentro e acabou en saque de porta. A última, xa en tempo engadido, en zurdazo de Miku desde a media lúa que o porteiro rexeitou a córner.

Deste xeito, o Dépor retomou o camiño da vitoria após dous empates consecutivos, para sumar o seu sexto triunfo en oito partidos en ABANCA-RIAZOR e reforzar o seu liderado do grupo 1 de Primera RFEF, que encabeza con 34 puntos, 4 máis que o Real Racing Club de Santander e 7 por encima de CF Rayo Majadahonda e UD Logroñés.

RC Deportivo: Mackay, Trilli, Jaime, Borja Granero, Héctor Hernández, Juergen Elitim (Josep Calavera, min. 79), Álex Bergantiños (Rafa de Vicente, min. 71), Quiles (Yeremay Hernández, min. 79), Miku, Noel (Mario Soriano, min. 46) e William (Diego Villares, min. 62).

Real Valladolid Promesas: Samu Casado, Lucas Rosa, Amoah, Saturday, Nieto (Alexander Alemán, min. 90+1), Víctor Narro, Mikel Carro, Moha Moukhliss (Fran López, min. 81), Dali (Diego Moreno, min. 60), Arroyo (Castri, min. 81) e Chuki (Fran Rivera, min. 60).

Goles: 1-0 Quiles (min. 6); 2-0 Quiles (min. 57); 3-0 Mario Soriano (min. 70).

Árbitro: Fuente Martín (c. cántabro). Cartón amarelo a Álex Bergantiños (min. 40), Quiles (min. 65) e Héctor Hernández (min. 75).

Incidencias: partido da 16ª xornada do Grupo 1 de Primera RFEF disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 11.879 espectadores.